sábado, 4 de febrero de 2017

ATEO POR CAPRICHO INFANTIL

A QUEN foi educado na fe dunha maneira case agresiva, pasados os anos hai momentos nos que se pregunta por que non foi quen de dar o salto dunha fe inmatura, infantil, a outra adulta, intelixente e non enfrontada á ciencia e ao progreso. Certo que a maneira como se transmitía a fe a finais dos anos 50 e principios dos 60 do século pasado invitaba máis a abandonala unha vez entrado en razón que a permanecer nela. Tal e como se presentaba aquela relixión, aquel deus, só daba para pechar os ollos e facerse o parvo ou rebelarse en canto algo de razón penetraba na túa vida. Non era fácil conciliar aquela doutrina vengativa, represiva, triste, culpabilizadora, hipócrita, case enfermiza, cunha vida leda, práctica, limpa, amorosa.
Todo xiraba arredor do medo, da culpa, dun futuro ameazante, dun cumprimento de regras tan ríxidas coma estúpidas. A vida parecía que non tiña sentido se non estaba asociada á mortificación, ao sacrificio, ás privaciós, a culparte por querer vivir. Todo obedecía a leis escuras, paralizadoras, intransixentes. Por iso o lóxico era que, chegada a idade na que a razón pesaba algo, a maioría optase por abandonar aquela fe falta de vida, centrada na morte, no castigo, no perdón, na esperanza de non volver a pecar. Rodeados de pecado e de medo, a alma da maioría que tiña ganas de vida optaba, de maneira máis ou menos consciente, por aparcar aquelas ensinanzas.
Nesa transición moitos deron o salto a un ateísmo explícito ou immplícito ou a un agnosticismo traquilizador que anulaba a obriga de todas aquelas normas obsesivas e minguantes por unha vida fundada nunha ética autónoma sen necesidade de ningunha moral heterónama. Outros, nunha reformulación racional e harmoniosa, lograron a conciliación dunha vida plena cunha fe adulta, crítica, nun deus amoroso, positivo, de parte do home, pai acolledor, nunca un pecha buratos intelectual nin un violento impositor ou comenenciudo amigo de humillar ou de subornos. Quen puideron de maneira intelixente, racional e crítica compaxinar fe e razón e organizar a vida arredor dunha compañía, dun consolo e dun compromiso que libera e só axuda a vivir mellor, tiveron fortuna. Porque cada quen é libre de optar polos consolos e apoiarse no misterio que considere se non resulta un atranco para mirar polo progreso, a xustiza, a liberdade e unha cárcere para o home. 
No seu dereito están tamén os que despois de reflexión e análise conclúen que nada lle aporta esa fe nin a precisan, ou corren o risco de perder os seus beneficios porque non dan cadrado as contas ou simplemente porque non atopan beneficio algún na crenza. Os que así o decidiron probablemente non boten en falta a fe nin lles quede miga de dúbida. O problema relixioso téñeno resolto. Os que ás veces aínda se preguntan ou lamentan de non contar coa fortuna da fe é porque se cadra resolveron, ou pareceulles resolver, unha inmersión relixiosa tan infantil como autoritaria contra a que se rebelaron con idéntico capricho infantil. Quen atrapado no discurso ilóxico dunha fe inaceptable, sen rachar as ataduras desa nasa intelectual, a negou dende a rabecha e capricho infantil, poida que siga aínda preso da dúbida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.