lunes, 23 de enero de 2017

UN FANTOCHE TEMERARIO

FOI JOHN Carlin quen, coma noutras moitas ocasións, tivo o enxeño para definir ao novo presidente de EE.UU como o que é: un bebé. Un neno malcriado que só pensa en si, ególatra, caprichoso, falto de sensibilidade, incapaz de se poñer no lugar do outro. Eu engadiría algo máis: un bebé moi malfalado. A pesar de ser o presidente que na súa toma de posesión necesitou menos palabras que ningún dos anteriores para tan grande momento ( 1.433 fronte ás 2.300 que viñan precisando de media os antecesores) , Trump maniféstase coma un neno egoista tan malfalado como simple, tan faltón coma ignorante, tan chulesco como irresponsable e temerario. Verase se a exemplar en tantos aspectos democracia de EE. UU. é quen de frealao ou despachalo antes de que cometa demasiadas barbaridades. Porque hai fantoches que se lles vai todo tomando unha copa, outros poden elevar a súa temeridade a conflito universal.

Agora que chegou por sorpresa e contra todo prognóstico a dirixir o país máis poderoso da terra, os medios dalí, por outra parte sempre tan esixentes e minuciosos cos asuntos de sexo, andan buscándolle as fanfarronadas propias de machiño soltadas en tempos pretéritos. Non se necisita ningún doutoramento en sexoloxía para saber o pensamento destes triunfadores nin case tampouco recorrer a declaracións na revista Play Boy de hai anos. Os seus alardes de follador, de conseguir as mulleres que se propón, de estar ben dotado, de sobrarlle testosterona e de ser un auténtico experto en asunto da cama son tan coñecidos, manidos e babosos entre colegas, que non soprenden en absoluto na boca dun bebé que, a pesar de non gozar da etapa anal nin oral, segue ancorado nun sexo primitivo, competitivo, xenitalizado, coleccionista de mulleres e tarxeta de presentación entre fantoches en idéntica onda. Algo vai cambiar na Casa Branca: de ser un lugar que ocupou tempo, recursos e as institucións máis altas do estado para destituir a un presidente por causa da presunta mancha de semen nun vestido dunha becaria, probablemente pase a un decorado de telenovela venezolana no que as distintas mulleres, amantes, fillas, xenros, amantes de xenros e amantes de fillos e fillas do presidente darán argumento para que o The New York Times e o Washington Post deixen en ridículo ás revistas chamadas do corazón. Os xornalistas encargados de cubrir a política da Casa Branca acabarán sendo expertos en afeites, perrucas, implantes, cirurxía plástica, celos, arrebatos histéricos, vinganzas, traizóns e luxuria ao roxo vivo. Non en balde, unha das novas primeiras damas disque xa esixiu que a ala oeste da Casa Branca se converta nun salón de beleza con canta untura e pomada, sexa de Oriente ou Occidente, poida resaltar a beleza dos habitantes de casa encantada a partires de agora.

Entre as poucas ideas congruentes do malfalado bebé, hai algunhas que non merece a pena dubidar que as cumprirá: alentará o nacionalismo máis pailán ata extremos impensables; gastará en armas o que non está escrito; xenerará por tódolos medios un espírito de orgullo propio dos acomplexados, convertendo o país con mellores universidades e investigadores do planeta nun bar de estrada no que o máis elegante será ondear a bandeira e presumir de ser branco, rico e picador. Porque en realidade esa a única filosofía que coñece e a base dela quere converter en América, primeiro. Ese resume da súa intención encaixa coa definición da que partimos: un bebé que quere para si, só para si, primeiro ca ninguén, os xoguetes da casa. A miña bicicleta, o meu balón, o meu enredo electrónico, meu papá, os meu amigos. Todos ao seu servizo.

Se algunha virtude lle poideramos atribuír a este descarado personaxe está a da deshinbición. Carece de pudor, de vergonza, de medo. Só coñece os seus intereses a curto prazo e non dubida en manifestalos a todos cantos se atrevan a pensar distinto. Isto podería ser unha mínima virtude, saberiamos o que pretende para, chegado o momento crítico, pararlle os pés. Talvez o votante medio branco, rico (aspirante a selo) e saído que participa da idea de América primeiro e os demais que se fundan, non tarden en darse conta de que un bebé malfalado pode resultar simpático un anaquiño, pero cando comeza a tirar papas á cara, a defecar no cuarto de estar sen a máis mínima consideración e a prender lume ás cortinas da casa faise necesario retirarlo de diante e pechalo nunha habitación onde non se lle oian as sandeces e rabechas coas que se desafoga. Mal síntoma que un país coma EE.UU. elixa coma presidente a un vulgar ricachón farfallán. Mais eu agocho a esperanza de que esta pornografía política obrigue ao votante a pensar se realmente quere que o represente un modelo que reflicte a parte menos cultivada, máis insensible e aburrida de nós, ata o punto de rebelarse contra os bardallas temerarios que no mundo son e queren que o mundo así sexa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.