domingo, 8 de enero de 2017

OS BURATOS DA MEMORIA

Ao cerebro gústanlles as certezas,  rexeita as dúbidas e pecha as historias aínda que sexan mentira. Debemos andar aleutos, o cerebro é enganador, fainos trampas, despístanos, é ata certo punto un ilusionista que nos despista cunha man mentres a o que ocrre de verdade está na outra. Fiarnos del, o xusto. E da memoria, menos. A memoria xóganola con lagoas, buratos, enganos, confusións, invencións. De tal modo que andamos moi ledos pensando que somos o que recordamos e a maioría das veces son puras mesturas de cousas que nos contaron, de buratos que enchemos con invención ou co noso estado de ánimo actual. Comprobado está que nos momentos  depresivos a maneira de recordar a nosa infancia, por exemplo, céntrase só naqueles aspectos que nos parecen máis tristes e negativos.  Por iso a literatura bebe tanto da memoria, sabe que é unha aliada perfecta na que a verdade a ficción se cruzan ata confundirse nunha unidade nova, única, verdade transmutada por efecto do rememorar.
            Cada vez quedo máis sorprendido do peso dos testigos nos xuízos. Cústame entender como pode ser fiable a confesón dun señor que di ter visto con claridade un acto de hai seis ou sete anos coma se puidese ser tan doado. Cando os avogados ou fiscais preguntan con insistencia: lembra vostede o que ocorreu na mañá do 7 de setembro do 2011? Podería describir a roupa que levaba o acusado naquela noite do 6 de febreiro do 2009? Podería señalar na sala a persoa que viu saíndo daquel restaurante a tarde de autos (fai sete anos)? Pásmame como testigos narran con seguridade isto ou aquelo, afirman, aceptan, non dubidan e dan nomes, detalles, datas, colores, armas, números de matrícula e unha chea de datos que maldito se dou entendido como poden lembrar. E moito menos como un xuíz ou un xurado dar por válido tal testemuño. Nos EE.UU. andan xa dándolle unha volta á fiabilidade destes testigos, porque as consecuencias poden ser tráxicas. A cada paso descóbrense máis casos de persoas condenadas polas declarcións de testigos errados, seguro que confiados na súa memoria que os entrampa sen eles saber, pois non me refiro a mentirán por oficio ou interese. Bendita sexa a xustiza, con tódalas súas imperfeccións,  que libera das vinganzas persoais, da ollo por ollo, dos caprichos dos máis fortes, pero non me agradaría nada sentarme nun xuízo e depender dun veciño que asegurara que me viu entrar co choche ás tres da mañá e parecía que levaba un corpo morto no asento traseiro... Que medo!
            Como á memoria non lle gustan os buratos, agarrámonos ao que nos deixa tranquilos, aquelo que nos proporciona unha historia coherente e pechada. Ata certo punto todos somos máis mentireiros do que cremos, claro que algúns exercen de maneira aberta e sen vergonza, dando renda solta á materia coa que se enchen os ocos. O caso mais escandaloso que recordo é dun compañeiro de internado que coa maior naturalidade nos contaba as súas aventuras máis incribles. Teríamos trece anos pero el xa dera a volta a mundo varias veces embarcado como cociñeiro en varios mercantes; tivera a fortuna de coñecer persoamente a Mohamed Alí (daquela Cassius Clay) nun bar en Nova York; tocara o acordeón diante da muller do Generalísimo e outras moitas trapalladas que non había maneira crer. Sen embargo, el contaba uha detrás doutra, sabendo que todos nos riamos del, coma se nada. E non era bobo, os seus reasultados académicos superaban aos da maioría, o que lle debía de ocorrer é que antes que o aburrimento compensáballe distraernos con tal cantidade de patrañas.
            Agora ben, como tamén eu podo caer nas trampas da memoria, se cadra estou pechando unha historia que non era exactamente así, ou desfugúroa ou acomódoa aos interes do que lles conto. Calquera sabe.  A min parecéceme que é verdade o que lles digo daquel compañeiro, pero hai diso 50 anos, quen me garante que non estou esaxerando ou adobiando a historia para que me cadre mellor ou resulte máis interesante? Non digo que vivamos nunha desconfianza permanente, pero ollo: a memoria poida que non sexa tal como a recordamos, ou que varíe, ou que dependa, ou que cos anos adquira tintes que perderon noutra época da vida. Os vellos, cando os recordos son aqueles mellor fixados, os que pasaron ao longo prazo do proceso químico, imos unha e outra vez sobre aquelas experiencias máis firmemente aposentadas. Cales son esas? As que nos causaron un maior impacto emocional, as que nos sorprenderon, as que nos romperon a rutina. Por iso, para alivio dos testigos, podemos dicir que moitos deses recordos puideron fixarse pola sorpresa ou emoción que causaro neles. E por iso tamén sabemos que moitas das cousas que lembramos si foron verdadade, tal cal, sen trampa nin cartón, e dannos unidade, fío de permanencia, a seguridade de que eu son eu. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.