sábado, 14 de enero de 2017

O REFUXIO DO CONSENSO

ASÍ como cando non sabemos a maneira de resolver algún problema complexo acudimos como salvadora á educación, tamén cando os asuntos políticos esixen decisións ideolóxicas, recorremos aos acordos de Estado.
Sobre a educación como caixa salvadora teño escrito en moitas ocasións. Se nos deixaramos levar pola tendencia actual de organizacións e colectivos varios, non quedaría unha soa hora libre para instruír aos aprendices en matemátias ou lingua, pois todo o tempo faría boa falla para ocuparse da educación vial, do sexo, da conduta de xénero, das bondades do medioambiente, da formación para a paz, da capacitación para defenderse das drogas, da necesidade dunha alimentación saudable, dos perigos de usar mal internet, etcétera. 
Unha restra de temas que, por importantes que son, necesitan ser tratados no ámbito escolar, pero non como materias nun currículo específico, senón pola exemplaridade da práctica no ensino e a conexión coas ciencias correspondentes, do contario, sería imposible dedicarse a ningunha disciplina das que a escola si debe ocuparse. A tendencia parece imparable: problema complexo, a educación, a auténtica clave de todo coa boca pequena, pero logo na práctica desprestixiada e boicoteada dende varios frontes. 
Coas decisións políticas de peso estamos chegando a idéntico contrasentido. Prácticamente xa nada queda fóra do ámbito da necesidade de un acordo de Estado. Parece como se a ideoloxía e os lexítimos distintos enfoques non contasen. Todo ha ser consensuado coma se as propostas de solución non diferisen en nada unha de outras. A educación, por suposto, é asunto que merece un acordo estable, firme, amplo. A política exterior, nin dubidado, que partido se pode atrever a interpoñerse entre a política dun goberno que busca fóra das fronteiras o mellor para o país. A defensa nacional, nin mencionala debera, pide pacto: como non imos acordar e apoiar toda decisión que se refira á seguridade dos cidadáns?
E así todos as políticas que se lles vaian ocorrendo, porque non me dirán que buscar saída ao paro non reclama un acordo sen intereses partidistas, ou acabar co asasinato de mulleres por parte de homes, ou definir unha política territorial que dunha vez apague a inestabilidade permanente que nos impide sentirnos orgullosos e partícipes dunha comunidade. En fin, que de continuar con esta tendencia, mellor encargar o goberno a un equipo de técnicos. Por desgraza, non creo que sexa esta unha medida nin factible nin realista. Se por algo se caracteriza a política é polas distintas posicións á hora de atopar saída aos problemas da convivencia e de facer cadrar intereses opostos. Negar motivacións, intereses, conflitos, visións distantes á hora de decicir equivale a tapar os ollos diante dos problemas. Á flamante ministra Cospedal pareceralle de perlas que se chegue a un acordo incontestable no gasto en defensa, pero sería insensato e iluso aceptar que todos habemos coincidir coas súas propostas. Non se pode trampear refuxiándose no consenso, debaixo de cada decisión gurgulla unha ideoloxía. Convén que se saiba. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.