domingo, 8 de enero de 2017

MOZART E METALLICA XUNTOS

DAVID Foster Wallace quixo desaparecer moi novo, sen concretar o que podería ser un auténtico xenio litarario. Non lin a súa longa obra La broma infinita e carezo de datos para unirme aos que o catalogan como unha figura revolucionaria e maxistral da literatura norteamericana, pero por artigos e relatos dedúcese a súa refinada cultura, capacidade de observación e infinitas ganas de contar.
Estes días linlle un libriño, El tenis como experiencia religiosa, onde sobre todo no segundo artigo, no que analiza o xogo de Federer, demostra unha mirada á que non se lle escapa unha. Coincido coa súa tese: con Federer o tenis moderno chegou a un punto de tal elevación que nos proporciona momentos que se achegan á experiencia relixiosa. 
É tal a facilidade, a fluidez, a mestura que logra entre beleza e fortaleza, potencia e ballet, que un chega a aceptar que, por fin, no que a domostración da beleza do corpo se refire, chegouse con este deportista ao que parecía imposible: gozar nun único concerto de Mozart e Metallica. Percibir a suavidade, os cortes, os efectos, a búsqueda de ángulos, a intelixencia preparando o lategazo, o golpe implacable que axeonlla aos contrincantes, é unha ledicia. Vemos no escenario da pista a unha figura estilizada, esvelta, elegante, de movementos sutís, de man de seda, capaz de dar o salto do violín á guitarra máis enrabiada, máis potente, máis demoledora. Esa unión, esa perfección estética, en poucos deporte se pode dar e, ata o de agora, ningún deportista fora capaz de unificala nunha mesma persoa. Federer si. Logra nun mesmo punto a sutileza da intelixencia máis harmoniosa coa potencia desbordada dun espartano coma Nadal. De aí o mérito das vitorias pasadas do español sobre o suízo: a forza do brazo e da mente dobrega o equilibrio, a perfección, a beleza e paixón ensambladas do mellor xogador de tenis de todos os tempos.
Pois ben, neste comezo de ano, mentres saboreaba os enxeñosos artigos e teorías de Foster Wallace, dei en aceptar que a vida, coma un xogo da máis alta competición, debería aspirar á conxunción Mozart e Metallica. A sutileza do xenio coa fortaleza atrevida e bronca da rebeldía, do ritmo desbocado, da potencia sonora contra todo contraste, silencio, estrutura, orde e harmonía. Vivir debería consistir na ledicia secreta dos golpes suaves, medidos, deixadas, liftados, efectos, cadencia, reveses cruzados e paralelos, da axilidade e flexibilide fronte á dureza e resistencia dos estibadores, mineiros, mariñeiros, perforadores de petróleo. Esa capacidade de movernos pola vida con pés alados, pernas coma columnas, brazos de aceiro, intelixencia para tomar as mellores determinacións, agudeza para ganar os puntos que nos van regalando xogos, sets, partidos... 
Mais para estar en condicións, non deberían esquecelo nunca os que pelexan coa educación, hai que comezar de moi novos a repetir, repetir, repetir. Ninguén adquire un saque a 200 por hora nin un drive do demo se non practica o golpe miles e miles de veces. Hábito. Esforzo. Repetición. Cristalización da conduta para que logo, corpo e mente, realicen o prodixo de interpretar a Mozart e a Metallica nun mesmo concerto sen desafinar. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.