lunes, 30 de enero de 2017

SPRINGSTEEN CONTRA MOZART

            Antes foron Londres ou París as cidades nas que os heroes combateron diante de millóns de humanos para que cantasen as súas fazañas. Hoxe  Merbourne pode mostrar  o milagre só permitido aos elixidos polos deuses de renacer sobre a súa derrota para, outra vez, enfrontarse ao destino. Roger Federer e Rafael Nadal, os dous mellores tenistas da última xeración, efrontaranse na final do Aberto de Australia, o de Basilea por ver se sobe a 18 os seus títulos e o de Manacor a 15. Un partido magnifico no só pola maneira titánica na que os dous conseguiron eliminar aos seus rivais para chegar a este momento, senón, sobre todo, polas circunstancias previas da súa carreira deportiva.  Nada garante que o partido resulte histórico pola beleza e loita, poidera ser incluso que, canso Nadal por semifinal tan dramática, cun dia menos para o descanso, chegue sen forzas e perda nos tres primeiros sets. Algo pouco probable, por no dicir imposible, coñecendo os motores do ánimo de Rafael: agás esgotamento físico ao que non dea atopado remedio, a súa resposta será ao nivel que parece ter recuperado. Tampouco podemos descartar que Federer, asombrado da fortaleza e resistencia de Nadal, apampado, baixe na concentración e perda antes tempo. Mais eu aposto a que o partido durará dende as 9,30 ata que xa esteamos tan derreados nós coma os xogadores entre a fame e a angustia dos puntos definitivos.
            David Foster Walace, nun intelixente artigo titulado O tenis como experiencia relixiosa, analiza a maxia de Fereder, antes de agora nunca alcanzada , ao ser capaz de unir nunha soa raqueta a sutiliza, beleza de ballet, intelixencia e delicadez coa tormenta, o lategazo, a fortaleza e a contundencia. Ao tempo que planifica con pacencia un ángulo milimético é capaz de lanzar de súpeto un lóstrego no que a bola asubía coma se fervese ata estamparse contra o chan. Por iso sostén que no tenis de Federer, coma nunha experiencia relixiosa, conxugan sen rechíar a música de Mozart e a de Metallica. Dúas maneiras en aparencia contraditorias de exercer a beleza do deporte que se aprean nel nun concerto extraordinario, inaudito, impensable. Nel inspiro o título deste artigo, porque se Federer pode unificar os sons de Mozart e Metallica, é máis Mozart ca nada, e para Nadal ninguén mellor que Bruce Springsteen para definir o seu xogo. Sendo os dous dun físico con medidas similares, a esvelteza do suízo e a delicadeza nos movementos parece que o fan máis fino. Nadal, potencia, músculo, móvese e domina o espazo coa determinación dun guerreiro que cruzou os mares para vencer ao inimigo. Os dous gozan dunha constitución física excepcional, pero a de Federer, máis flexible, equilibrada, harmoniosa, aínda con esas explosións de violencia apaixoada e demoledoras, recórdanos a unha sinfonía de Mozart. Nadal non oculta o seu ritmo contaxioso, imparable, seco, valeroso da batería de The E. Street Band de Bruce. Pode nalgún momento soltar varios reveses paralelos coas dúas mans que nos recordan ao falecido Clarence Clemons co seu saxo, pero a partitura guíase pola batería imperturbable, por ese ritmo do que, unha vez nel, é difícil sacalo.

            Nadal, con 30 anos, cehgou á madurez. Federer entra cos seus 35 está no límite do aguante físico para o deporte máis esixente e solitario do mundo. Os dous pasaron por lesións e veñen dun período longo no que o seu nivel baixou sen desimulo, non tanto como para xó xogar partidos de caridade como Federer declarou, pero si lonxe do que esixe unha competeción tan escrava. Sen embargo, chegan os dous a Melbourne coma unha reencarnación do que nunca deixarán de ser: dous corpos execepcionais, fraguados no adestramento (Federer algo máis tardía, ata os 13 anos non se definiu claramente polo tenis) , no sofrimento, nos éxitos e nos fracaos. Dúas vontades esculpidas en horas de adquisición de hábito, de perfeccionamento de golpes, de calcular estratexias, saber aproveitar tódolos recursos, manexar o pensamento, mentres o físico non anula por extenuación tal capacidade, na liña de sobrepoñerese, continuar, non ceder, vencer. Tiña máis fe na posible recuperación de Federer que na de Nadal, os xoenllos e pulsos do español están castigados ao límite, pero para sorpresa de calquera, aí o temos coa rabia expresada no seu corpo enteiro. Federer, menos expresivo, máis concentrado, a pesar de seis meses de inactividade, sempre deu mostras dun físico moldeable, de primeiro bailador do ballet de San Petersburgo. Os dous, renacidos, antes de que o seu declive inevitable se faga real, son capaces de demostrar unha vez máis que os chamados polos deuses, cando queren satisfacelos e se esforzan, poden regalarlle aos mortais mañás de domingo cheas de delicia, de emoción e de beleza capaces de nos mostrar  a plenitude e grandeza do home.

domingo, 29 de enero de 2017

CONSUMIR COCAÍNA, COMA CALQUERA

ARREDOR das condutas de consumo de substancias que poden prexudicar a saúde, un erro tan frecuente coma negativo é o de dar por evidente o que non o é. Así, na conduta adolescente, algo que axiña se aprende e se repite na casa para socavar a vontade dos pais é dicir que todos os compañeiros saen ata as oito da mañá, que todos beben, que todos fuman, que todos se pasan sen consecuencias de ningún tipo. Esas afirmacións tan categóricas, indiscutibles, xerais, sen matices, minan os acordos de moitos pais, confúndenos e acaban por ceder supoñendo que se cadra son eles uns esixentes desnortados, fóra da realidade.
Por suposto que non é certo: nin tódolos adolescentes chegan ás oito da mañá á casa, nin todos beben, nin todos fuman. Si, son condutas máis frecuentes do debido, pero falsas se as universalizamos en base a apreciacións superficiais. O grave é que, admitidas estas falacias, o control e desaprobación que merecerían as condutas non se aplican. Uns por outros, van aceptando por normal o que nunca debería selo nunha sociedade equilibrada. Ningún neno aos 12 o 13 anos pinta nada pasando as noites fóra da casa, bebendo e fumando.
Mais, con ser grave na adolescencia, entre as persoas maiores tamén se impón este tipo de razoamento de desculpa. Comentan moitos para se tranquilizar: “Se souberas a de profesionais, médicos, profesores, xuristas, empresarios, políticos que toman cocaína nas fins de semana...” O que xustifica que, se ese tipo de persoas que deberían ser exemplares, se comportan así, con idéntica razón o panadeiro, o albanel, o taxista ou condutor de autobús poden caer en idéntico estilo de diversión. O asunto das drogas é complexo e está tan viciado polos intereses económicos, que case se podería dicir que o mundo aséntase sobre a súa corrupción. Os adultos saberán o que fan. Non trato agora de analizar a conveniencia da súa prohibición, nin da necesidade de educación, nin se os danos serían superiores cunha política que rachase o círculo vicioso no que nos metemos con esta prohibición, persecución, guerra. Ao que me refiro simplemente é á dañina actitude de aceptar que unha conduta é maioritaria cando non o é, ou só no ambiente no que un se move, pero que non dá permiso para elevala a categoría universal.
A nai dun condutor de autobús que deu positivo nun control por consumo de cocaína defendeuno con este argumento: “Si, o venres consumiu cocaína, coma calquera”. Non, coma calquera non. Coma bastantes, pero aínda así, aínda que fose algo tan normal e frecuente que non debese escandalizar a ninguén, o problema non é que, coma calquera, consuma o que lle apeteza, senón a responsabilidade laboral á que falta de meneira tan grave. Calquera poderá consumir o que lle apeteza na súa casa se non molesta a ninguén, poderá arriscar coa saúde canto queira. O que non pode calquera, por máis que á nai lle pareza o máis frecuente, é consumir unha substancia que impide exercer con responsabilidade o traballo, poñendo en perigo a vida de nenos, e acollerse a que os costumes o amparan. 

lunes, 23 de enero de 2017

UN FANTOCHE TEMERARIO

FOI JOHN Carlin quen, coma noutras moitas ocasións, tivo o enxeño para definir ao novo presidente de EE.UU como o que é: un bebé. Un neno malcriado que só pensa en si, ególatra, caprichoso, falto de sensibilidade, incapaz de se poñer no lugar do outro. Eu engadiría algo máis: un bebé moi malfalado. A pesar de ser o presidente que na súa toma de posesión necesitou menos palabras que ningún dos anteriores para tan grande momento ( 1.433 fronte ás 2.300 que viñan precisando de media os antecesores) , Trump maniféstase coma un neno egoista tan malfalado como simple, tan faltón coma ignorante, tan chulesco como irresponsable e temerario. Verase se a exemplar en tantos aspectos democracia de EE. UU. é quen de frealao ou despachalo antes de que cometa demasiadas barbaridades. Porque hai fantoches que se lles vai todo tomando unha copa, outros poden elevar a súa temeridade a conflito universal.

Agora que chegou por sorpresa e contra todo prognóstico a dirixir o país máis poderoso da terra, os medios dalí, por outra parte sempre tan esixentes e minuciosos cos asuntos de sexo, andan buscándolle as fanfarronadas propias de machiño soltadas en tempos pretéritos. Non se necisita ningún doutoramento en sexoloxía para saber o pensamento destes triunfadores nin case tampouco recorrer a declaracións na revista Play Boy de hai anos. Os seus alardes de follador, de conseguir as mulleres que se propón, de estar ben dotado, de sobrarlle testosterona e de ser un auténtico experto en asunto da cama son tan coñecidos, manidos e babosos entre colegas, que non soprenden en absoluto na boca dun bebé que, a pesar de non gozar da etapa anal nin oral, segue ancorado nun sexo primitivo, competitivo, xenitalizado, coleccionista de mulleres e tarxeta de presentación entre fantoches en idéntica onda. Algo vai cambiar na Casa Branca: de ser un lugar que ocupou tempo, recursos e as institucións máis altas do estado para destituir a un presidente por causa da presunta mancha de semen nun vestido dunha becaria, probablemente pase a un decorado de telenovela venezolana no que as distintas mulleres, amantes, fillas, xenros, amantes de xenros e amantes de fillos e fillas do presidente darán argumento para que o The New York Times e o Washington Post deixen en ridículo ás revistas chamadas do corazón. Os xornalistas encargados de cubrir a política da Casa Branca acabarán sendo expertos en afeites, perrucas, implantes, cirurxía plástica, celos, arrebatos histéricos, vinganzas, traizóns e luxuria ao roxo vivo. Non en balde, unha das novas primeiras damas disque xa esixiu que a ala oeste da Casa Branca se converta nun salón de beleza con canta untura e pomada, sexa de Oriente ou Occidente, poida resaltar a beleza dos habitantes de casa encantada a partires de agora.

Entre as poucas ideas congruentes do malfalado bebé, hai algunhas que non merece a pena dubidar que as cumprirá: alentará o nacionalismo máis pailán ata extremos impensables; gastará en armas o que non está escrito; xenerará por tódolos medios un espírito de orgullo propio dos acomplexados, convertendo o país con mellores universidades e investigadores do planeta nun bar de estrada no que o máis elegante será ondear a bandeira e presumir de ser branco, rico e picador. Porque en realidade esa a única filosofía que coñece e a base dela quere converter en América, primeiro. Ese resume da súa intención encaixa coa definición da que partimos: un bebé que quere para si, só para si, primeiro ca ninguén, os xoguetes da casa. A miña bicicleta, o meu balón, o meu enredo electrónico, meu papá, os meu amigos. Todos ao seu servizo.

Se algunha virtude lle poideramos atribuír a este descarado personaxe está a da deshinbición. Carece de pudor, de vergonza, de medo. Só coñece os seus intereses a curto prazo e non dubida en manifestalos a todos cantos se atrevan a pensar distinto. Isto podería ser unha mínima virtude, saberiamos o que pretende para, chegado o momento crítico, pararlle os pés. Talvez o votante medio branco, rico (aspirante a selo) e saído que participa da idea de América primeiro e os demais que se fundan, non tarden en darse conta de que un bebé malfalado pode resultar simpático un anaquiño, pero cando comeza a tirar papas á cara, a defecar no cuarto de estar sen a máis mínima consideración e a prender lume ás cortinas da casa faise necesario retirarlo de diante e pechalo nunha habitación onde non se lle oian as sandeces e rabechas coas que se desafoga. Mal síntoma que un país coma EE.UU. elixa coma presidente a un vulgar ricachón farfallán. Mais eu agocho a esperanza de que esta pornografía política obrigue ao votante a pensar se realmente quere que o represente un modelo que reflicte a parte menos cultivada, máis insensible e aburrida de nós, ata o punto de rebelarse contra os bardallas temerarios que no mundo son e queren que o mundo así sexa.

sábado, 21 de enero de 2017

PERDÓN FRÍO

GARCÍA Márquez tiña tanto desexo de contar que se non atopaba a noticia que buscaba, inventábaa. Como literato resulta dunha mente desbordada e sedutora, como periodista de reportaxes debiamos dubidar canto de verdade e de invención existía debaixo do narrado. Ata tivo a falta de vergonza de inventarse unha folga inexistente, evidencia de que como xornalista era trapalleiro. Máis ben pretendía que a realidade se adaptase ás súas ganas e facilidade para contar. Non creo que a situación do xornalismo actual aconselle seguir a liña da invención de noticias, pero analizando as portadas de algúns días case sería preferible que un literato amante do xornalismo nos mandase unha reportaxe, mellor se é fiel, dende algún apartado lugar do mundo para que nos esperte a conciencia do pouco que atendemos aos mortos dalgunhas zonas xeográficas.
Se en en Berlín morren sete persoas os diarios enchen portadas e columnas de opinión e detalles minuciosos durante tres, catro ou cinco día seguidos. Se en Mali, Gabón, Pakistán, Irak ou Sudán morren cincuenta persoas nin un oco atopan ás veces en páxinas interiores. E o que xa resulta máis escandaloso, coma se non houbese cousas que contar, é a tendencia a caer en primeiras planas impensables: vai frío e neva en xaneiro. Que grande noticia. Páxinas de advertencia nos día previos, logo fotos, radio e televisións martirizan con declaracións de persoas que teñene frío, con que cae neve en algunha cidade onde había anos que non caía e así nos pasamos unha semana “nformándonos de algo que merece realmente unha atención especial, que non soe acontecer e que por novo e transcendente se debe remachar: vai frío. 
Coincide esta semana de noticia reina de frío co perdón da ministra Cospedal. Un perdón frío por esencia: chega tan tarde, da boca de ministra tan pouco crible e cun presidente que se mantén á súa, coma sempre, sen pararse en asuntos que non interesan a ninguén, que ocorreron hai moito, que xa están substanciados e que sabe por experiencia que non hai mellor modo de vencelos que ignoralos. Así pois, frío con perdón e frío con Bárcenas. Outro que ben baila. Unhas declaracións surrealistas diante do xuíz dignas de enmarcar nun xornal humorístico dos que xa non quedan, amortiguadas por esta onda de frío siberiano que todo o amortigua. 
O de Trillo xa está resolto: chegou antes do frío, sen vento de Levante, e caladiño tomará posesión da súa cadeira de conselleiro ao máximo nivel do Estado. No medio do frío tamén se continúa co alto nivel de discusión política entre Putin e Tump, sentenciando o ruso que putas coma as rusas non hai. En fin, unha serie de noticias para entreter pero todas envoltas na gran noiticia, certa: vai frío, en algúns lugares ata os coches non puideron circular por culpa da neve. E eu interesado en que un gran reporteiro indagase sobre a rede de negocios e amigos cos que negocia o marido da ministra Cospedal... Non por nada, simplemente por cambiar o rumbo das noticias. A ministra xa sabemos que non dubidaría en pedir perdón aínda que fose moito-moito frío.

domingo, 15 de enero de 2017

OS PAIS DA PATRIA

ENTRE as novelas máis destacadas do ano que rematou está «Patria» de Fernando Aramburu. Despois dun tempo lendo críticas moi favorables e eloxios abundantes, confirmados por unha sucesión vestixinosa de edicións (parece que xa leva vendidos máis de 100.000 exemplares), decidín que era hora de lela. Coñecía non a totalidade pero sí algunhas das obras do escritor de San Sebastián nas que demostraba maneiras de bo narrador. Despois de anos establecido en Alemaña e a base dun traballo constante foise labrando un nome e prestixio literario merecidos que agora fortifica e asenta de maneira sólida con esta obra de tanto éxito.

«Patria» atrévese a saltar sobre un silencio mesto que impedía chamar polo seu nome ao drama padecido primeiro por los propios vascos e logo por toda España a causa do terrorismo de ETA. Talvez tiveron que chegar tempos nos que as armas se descargaron para enfrontarse a este pudor trémulo que impedía a ninguén levantar unha palabra máis alta que outra. Pero o certo é que Aramburu, se cadra pola distancia que proporciona vivir lonxe, atreveuse nesta novela longa e fonda a meter os dedos nas feridas aínda abertas dun corpo social acoitelado polo fanatismo, a ignoranacia, o racismo, o cinismo e a covardía. Arrincando do concreto, de dúas familias amigas que tropezan co mal coma un destino ao que non se poden opoñer, é quen de elevar a tensión dentro dun pobo, o microcosmos da macheta e da serpente, a categoría universal de reflexión sobre a loita armada. A través de personaxes ben trazados, agás algún ao que vexo en exceso simplificado e caricaturizado, logra ir desleando o enramado de prexuízos, temor, silencio e inhibición que permite a catro matóns casi analfabetos, repetidores de consignas de catecismo, anular a vontade por completo da comunidade. A masa base da que se extrae o soldado que loita pola liberación do pobo está perfectamente aprehendida nas clases traballadoras frustradas, alouladas con tres principios básicos que nos levan de A a B: o pobo está oprimido por un Estado maligno, nós, os sufridos heroes mozos liberaremos ao pobo da escravitude e así, chegados a B, este país gozará de toda bendición: sendo nós - só nós, os que falamos euskera, temos apelidos propios e queremos á patria- os que quedemos neste paraíso. Entón desaparecerán o problemas do paro, da insatisfacción, das desigualdades, da incultura, do odio, de todo. Este molde perfectamente perimetrado por Aramburo servíndose da trama e dos personaxes, actúa de autoestrada pola que circulan as emocións, a angustia, as contradicións e a rabia que este contexto xenera.

Para conseguilo, Aramburu utiliza unha técnica moi depurada na que destacan tres elementos: a facilidade coa que mestura as voces narrativas, o oído literario que se expresa na harmoniosa combinación de fraseo musical (coma se tivese o oído de «El trompetista del Utopía») e o ritmo narrativo que lle impón ás máis de 600 páxinas para que se lean con gusto e sen cansazo en ningún momento. Certo que a medida que avanza a novela a pureza coa que mestura primeira e terceira persoa nos primeiros capítulos vaise escurecendo, perdendo a diáfana e atractiva conxugación de pensamento subxectivo e narración obxectiva, pero, aínda así, a obra mantén o tipo ata o final. De igual maneira que domina os saltos espacio temporais nun campo reducido, flexible, nada acartonado.

Mágoa que a novela se reduza a un campo tan parcial e limitado. O dos barrios obreiros con mozos de pendente na orella e fanatismo apaixoado; de curas de parroquia dulzóns e cínicos que acenden velas a Deus e ao demo, máis ao demo; a traballadores da fundición que acoplan a súa vida á coada fervente do aceiro, o viño no «Pagoeta» e a bicicleta dos domingos; ás nais que se converten á ideoloxía que sexa con tal de apoiar ao fillo que pariron e ao ambiente calustrofóbico e minúsculo do pobo asfixiante, controlador, implacable con quen non mire a onde debe. Parece coma se a análise esquecese que por riba de ese proletariado con boa terra para sementar odio existe unha clase burguesa, ilustrada, rica, máis calculadora e cínica que xogou nese «conflito» un papel se cadra máis transcendente. Esa área social queda menos definida, coma se en Bilbao, San Sebatián, nos obispados, non só nas parroquias de cura tocón, nos despachos políticos, non só nas tabernas onde se colocan fotos de presos, nas universidades, non só nas ikastolas rurais, nos grandes centros de decisión empresarial, non só no pequeno e laborioso empresario de sete camións, non hoube actividade, se tomasen decisións e se participase na desgraza de aterrorizar, dividir e asasinar durante tantos anos. Claro que para reflectir con exactitude ese lado esquecido igual necesita Aramburu outras 600 páxinas, pero se cadra merecería a pena. Eu, por animalo, aínda que seguro lle sobrarán títulos no caso de que se atrevese co difícil empeño, adiántolle un posible título: «Os pais da patria».

sábado, 14 de enero de 2017

O REFUXIO DO CONSENSO

ASÍ como cando non sabemos a maneira de resolver algún problema complexo acudimos como salvadora á educación, tamén cando os asuntos políticos esixen decisións ideolóxicas, recorremos aos acordos de Estado.
Sobre a educación como caixa salvadora teño escrito en moitas ocasións. Se nos deixaramos levar pola tendencia actual de organizacións e colectivos varios, non quedaría unha soa hora libre para instruír aos aprendices en matemátias ou lingua, pois todo o tempo faría boa falla para ocuparse da educación vial, do sexo, da conduta de xénero, das bondades do medioambiente, da formación para a paz, da capacitación para defenderse das drogas, da necesidade dunha alimentación saudable, dos perigos de usar mal internet, etcétera. 
Unha restra de temas que, por importantes que son, necesitan ser tratados no ámbito escolar, pero non como materias nun currículo específico, senón pola exemplaridade da práctica no ensino e a conexión coas ciencias correspondentes, do contario, sería imposible dedicarse a ningunha disciplina das que a escola si debe ocuparse. A tendencia parece imparable: problema complexo, a educación, a auténtica clave de todo coa boca pequena, pero logo na práctica desprestixiada e boicoteada dende varios frontes. 
Coas decisións políticas de peso estamos chegando a idéntico contrasentido. Prácticamente xa nada queda fóra do ámbito da necesidade de un acordo de Estado. Parece como se a ideoloxía e os lexítimos distintos enfoques non contasen. Todo ha ser consensuado coma se as propostas de solución non diferisen en nada unha de outras. A educación, por suposto, é asunto que merece un acordo estable, firme, amplo. A política exterior, nin dubidado, que partido se pode atrever a interpoñerse entre a política dun goberno que busca fóra das fronteiras o mellor para o país. A defensa nacional, nin mencionala debera, pide pacto: como non imos acordar e apoiar toda decisión que se refira á seguridade dos cidadáns?
E así todos as políticas que se lles vaian ocorrendo, porque non me dirán que buscar saída ao paro non reclama un acordo sen intereses partidistas, ou acabar co asasinato de mulleres por parte de homes, ou definir unha política territorial que dunha vez apague a inestabilidade permanente que nos impide sentirnos orgullosos e partícipes dunha comunidade. En fin, que de continuar con esta tendencia, mellor encargar o goberno a un equipo de técnicos. Por desgraza, non creo que sexa esta unha medida nin factible nin realista. Se por algo se caracteriza a política é polas distintas posicións á hora de atopar saída aos problemas da convivencia e de facer cadrar intereses opostos. Negar motivacións, intereses, conflitos, visións distantes á hora de decicir equivale a tapar os ollos diante dos problemas. Á flamante ministra Cospedal pareceralle de perlas que se chegue a un acordo incontestable no gasto en defensa, pero sería insensato e iluso aceptar que todos habemos coincidir coas súas propostas. Non se pode trampear refuxiándose no consenso, debaixo de cada decisión gurgulla unha ideoloxía. Convén que se saiba. 

domingo, 8 de enero de 2017

OS BURATOS DA MEMORIA

Ao cerebro gústanlles as certezas,  rexeita as dúbidas e pecha as historias aínda que sexan mentira. Debemos andar aleutos, o cerebro é enganador, fainos trampas, despístanos, é ata certo punto un ilusionista que nos despista cunha man mentres a o que ocrre de verdade está na outra. Fiarnos del, o xusto. E da memoria, menos. A memoria xóganola con lagoas, buratos, enganos, confusións, invencións. De tal modo que andamos moi ledos pensando que somos o que recordamos e a maioría das veces son puras mesturas de cousas que nos contaron, de buratos que enchemos con invención ou co noso estado de ánimo actual. Comprobado está que nos momentos  depresivos a maneira de recordar a nosa infancia, por exemplo, céntrase só naqueles aspectos que nos parecen máis tristes e negativos.  Por iso a literatura bebe tanto da memoria, sabe que é unha aliada perfecta na que a verdade a ficción se cruzan ata confundirse nunha unidade nova, única, verdade transmutada por efecto do rememorar.
            Cada vez quedo máis sorprendido do peso dos testigos nos xuízos. Cústame entender como pode ser fiable a confesón dun señor que di ter visto con claridade un acto de hai seis ou sete anos coma se puidese ser tan doado. Cando os avogados ou fiscais preguntan con insistencia: lembra vostede o que ocorreu na mañá do 7 de setembro do 2011? Podería describir a roupa que levaba o acusado naquela noite do 6 de febreiro do 2009? Podería señalar na sala a persoa que viu saíndo daquel restaurante a tarde de autos (fai sete anos)? Pásmame como testigos narran con seguridade isto ou aquelo, afirman, aceptan, non dubidan e dan nomes, detalles, datas, colores, armas, números de matrícula e unha chea de datos que maldito se dou entendido como poden lembrar. E moito menos como un xuíz ou un xurado dar por válido tal testemuño. Nos EE.UU. andan xa dándolle unha volta á fiabilidade destes testigos, porque as consecuencias poden ser tráxicas. A cada paso descóbrense máis casos de persoas condenadas polas declarcións de testigos errados, seguro que confiados na súa memoria que os entrampa sen eles saber, pois non me refiro a mentirán por oficio ou interese. Bendita sexa a xustiza, con tódalas súas imperfeccións,  que libera das vinganzas persoais, da ollo por ollo, dos caprichos dos máis fortes, pero non me agradaría nada sentarme nun xuízo e depender dun veciño que asegurara que me viu entrar co choche ás tres da mañá e parecía que levaba un corpo morto no asento traseiro... Que medo!
            Como á memoria non lle gustan os buratos, agarrámonos ao que nos deixa tranquilos, aquelo que nos proporciona unha historia coherente e pechada. Ata certo punto todos somos máis mentireiros do que cremos, claro que algúns exercen de maneira aberta e sen vergonza, dando renda solta á materia coa que se enchen os ocos. O caso mais escandaloso que recordo é dun compañeiro de internado que coa maior naturalidade nos contaba as súas aventuras máis incribles. Teríamos trece anos pero el xa dera a volta a mundo varias veces embarcado como cociñeiro en varios mercantes; tivera a fortuna de coñecer persoamente a Mohamed Alí (daquela Cassius Clay) nun bar en Nova York; tocara o acordeón diante da muller do Generalísimo e outras moitas trapalladas que non había maneira crer. Sen embargo, el contaba uha detrás doutra, sabendo que todos nos riamos del, coma se nada. E non era bobo, os seus reasultados académicos superaban aos da maioría, o que lle debía de ocorrer é que antes que o aburrimento compensáballe distraernos con tal cantidade de patrañas.
            Agora ben, como tamén eu podo caer nas trampas da memoria, se cadra estou pechando unha historia que non era exactamente así, ou desfugúroa ou acomódoa aos interes do que lles conto. Calquera sabe.  A min parecéceme que é verdade o que lles digo daquel compañeiro, pero hai diso 50 anos, quen me garante que non estou esaxerando ou adobiando a historia para que me cadre mellor ou resulte máis interesante? Non digo que vivamos nunha desconfianza permanente, pero ollo: a memoria poida que non sexa tal como a recordamos, ou que varíe, ou que dependa, ou que cos anos adquira tintes que perderon noutra época da vida. Os vellos, cando os recordos son aqueles mellor fixados, os que pasaron ao longo prazo do proceso químico, imos unha e outra vez sobre aquelas experiencias máis firmemente aposentadas. Cales son esas? As que nos causaron un maior impacto emocional, as que nos sorprenderon, as que nos romperon a rutina. Por iso, para alivio dos testigos, podemos dicir que moitos deses recordos puideron fixarse pola sorpresa ou emoción que causaro neles. E por iso tamén sabemos que moitas das cousas que lembramos si foron verdadade, tal cal, sen trampa nin cartón, e dannos unidade, fío de permanencia, a seguridade de que eu son eu. 

O MONSTRO INVENCIBLE

          Foi ideado para que cuspise pelotas eternamente. E cuspíaas. Era unha máquina construída coa tenacidade obsesiva de quen pretende cumprir ao pé da letra a súa ilusión. A deste home consistía en que algún dos seus fillos fose  número un do mundo xogando ao tenis. Eu non vin ningunha foto nin plano do monstro ao servizo do soño, pero imaxino o artefacto lanzando pelotas coa furia mecánica transmitida polo seu contrutor. A pista de tenis acababa cuberta de pelotas de tal maneira que o neno case non daba pisado o chan. Aínda non tiña sete anos e, mentres os outros xogaban ou estudaban, el debía responder horas e horas as pelotas endemoñadas que o monstro lle lanzaba. E o pai vixiando, fero, duro, implacable: máis forte, máis forte! E que non se lle escapase unha. Tal era o fastío, temor e odio que o neno sentía cara a máquina e o seu creador, o pai, que pola noite, deitado na cama, esgotado de pelotear parte do día contra o monstro, seguía vendo no teito da habitación a boca do demo cuspindo pelotas e máis pelotas. Así ata que acabou odiando ao monstro, ao pai e ao tenis. Así ata que acabou sendo o número un do mundo, gañous oito grandes premios e conseguíu todo grazas ao seu máis querido e odiado xogo: o tenis. O nome do neno: Andre Agassi.
            Dende que lín as primeiras críticas quixen ler a  biogafría de Agassi titulada Open . Máis cando souben que detrás da súa redacción estaba J.R. Moehringer, un narrador de ritmo trepidante que vai penetrando na acción e nos personaxes coa facilidade de quen domina un golpe despois de repetilo millóns de veces. Por iso a biografía reproduce o ritmo dun partido de tenis na súa maior intensidade: drive, revés cruzado, deixada, chegada, globo, devolución forzada, revés paralelo, resposta de ángulo imposible, punto. Para de novo arrincar. Este ritmo narrativo imposto por Moehringer vénlle de perlas á narración dun xogador cunha personalidade complexa, contraditoria, dubitativa, inexplicable. Un xogador marcado polo dragón fabricado , inferior en causar dano que a furia atormentada e violenta do seu construtor, o pai. Un dos grandes méritos de Agassi foi saber elixir con quen desexaba traballar a súa vida para contala. Porque o proceso de creación do libro, estou seguro, respondeu a unha terapia repousada, necesaria, útil, que o xogador precisaba despois de abandonar o xogo co que se peleou dende tan noviño. O xogo que non é outra cousa que a propia vida dirixida por un pai tan autoritario coma intratable, unha nai submisa e silenciosa, unhas decisións que lle parecía sempre lle chegaran impostas e que o converteron nun rebende con éxito, nun triunfador insatisfeito, nun perdedor rabioso, sempre con desexo de revancha e recuperar o triunfo.  Unha vida que non lle parecía súa, decidida a gobernada dende fóra, cuberta de éxitos materias, pero tronzada pola dureza e a esixencia extrema do deporte de elite: adestramentos infernais, viaxes interminables, competicións irracionais, esforzos e sufrimentos ao límite da resistencia humana.
            Mais, con ser determinante a elección do escritor profesional, Agassi non foi un elemento pasivo nesta obra. Nin moito menos. Estou seguro e sei do que falo: ningún escritor podería escribir con tal fondura esta biografía se o protagonista non se entregase a peito aberto, sen autocensuras, co atrevemento de quen se descobre para indagar en serio dentro de si. As horas de entrevista non se limitaron a recordar catro anécdotas de varios partidos ou trivialidades arredor do deporte máis solitario. Cando Moehringer analizou as horas de gravación escoitando ao tenista seguro que entendeu que contaba cun material de primeira calidade para lle dar forma e ritmo. O paso crítico polas distintas etapas da vida dunha persoa pódense contar dende a tona ou, con dor e remodelación persoal, arrincando pedazos sangrantes do fondo dun mesmo. A opción de Agassi foi a última: espirse nas súas contradicións máis agudas, intentar aclararse nos seus conflitos máis escuros, entender como alguén que dubida tomar as rendas da súa vida pode chegar a tal triunfo. Esa rebeldía xuvenil que tantos éxitos lle proporcionaba vendendo camisetas ou gorras da firma que o patrocinaba custáballe tan caro que non podía desprenderse da súa amargura e insatisfacción permanentes. Eses éxitos nas mellores pistas do mundo (Londres, París, Melburne, Nova York) non apagaban a súa tristeza de base, tal vez apegada a el naqueles primeiros anos nos que o dragón o cubría de pelotas. Alguén dixo que quen non probou a felcidade familiar nos primeiros dez anos de vida, que se dea por perdido. Se cadra era iso o que corroía o éxito de Andre.

            Chega, sen embargo, ao final do relato a unha clarificación, un acordo de aceptación, un intelixente pacto co dragón aínda sabendo que é invencible: Dedicar o seu prestixio, contactos e parte dos millóns amasados en vida tan dura a unha institución educativa, iso que a el sempre lle faltou. Dedicarse a potenciar unha escola de calidade parece un pacto que relaxa, que alivia e dá máis grandeza aínda a pelexar durante toda a vida cun monstro invencible. Se non leron o libro, fágano, gustaralles.

MOZART E METALLICA XUNTOS

DAVID Foster Wallace quixo desaparecer moi novo, sen concretar o que podería ser un auténtico xenio litarario. Non lin a súa longa obra La broma infinita e carezo de datos para unirme aos que o catalogan como unha figura revolucionaria e maxistral da literatura norteamericana, pero por artigos e relatos dedúcese a súa refinada cultura, capacidade de observación e infinitas ganas de contar.
Estes días linlle un libriño, El tenis como experiencia religiosa, onde sobre todo no segundo artigo, no que analiza o xogo de Federer, demostra unha mirada á que non se lle escapa unha. Coincido coa súa tese: con Federer o tenis moderno chegou a un punto de tal elevación que nos proporciona momentos que se achegan á experiencia relixiosa. 
É tal a facilidade, a fluidez, a mestura que logra entre beleza e fortaleza, potencia e ballet, que un chega a aceptar que, por fin, no que a domostración da beleza do corpo se refire, chegouse con este deportista ao que parecía imposible: gozar nun único concerto de Mozart e Metallica. Percibir a suavidade, os cortes, os efectos, a búsqueda de ángulos, a intelixencia preparando o lategazo, o golpe implacable que axeonlla aos contrincantes, é unha ledicia. Vemos no escenario da pista a unha figura estilizada, esvelta, elegante, de movementos sutís, de man de seda, capaz de dar o salto do violín á guitarra máis enrabiada, máis potente, máis demoledora. Esa unión, esa perfección estética, en poucos deporte se pode dar e, ata o de agora, ningún deportista fora capaz de unificala nunha mesma persoa. Federer si. Logra nun mesmo punto a sutileza da intelixencia máis harmoniosa coa potencia desbordada dun espartano coma Nadal. De aí o mérito das vitorias pasadas do español sobre o suízo: a forza do brazo e da mente dobrega o equilibrio, a perfección, a beleza e paixón ensambladas do mellor xogador de tenis de todos os tempos.
Pois ben, neste comezo de ano, mentres saboreaba os enxeñosos artigos e teorías de Foster Wallace, dei en aceptar que a vida, coma un xogo da máis alta competición, debería aspirar á conxunción Mozart e Metallica. A sutileza do xenio coa fortaleza atrevida e bronca da rebeldía, do ritmo desbocado, da potencia sonora contra todo contraste, silencio, estrutura, orde e harmonía. Vivir debería consistir na ledicia secreta dos golpes suaves, medidos, deixadas, liftados, efectos, cadencia, reveses cruzados e paralelos, da axilidade e flexibilide fronte á dureza e resistencia dos estibadores, mineiros, mariñeiros, perforadores de petróleo. Esa capacidade de movernos pola vida con pés alados, pernas coma columnas, brazos de aceiro, intelixencia para tomar as mellores determinacións, agudeza para ganar os puntos que nos van regalando xogos, sets, partidos... 
Mais para estar en condicións, non deberían esquecelo nunca os que pelexan coa educación, hai que comezar de moi novos a repetir, repetir, repetir. Ninguén adquire un saque a 200 por hora nin un drive do demo se non practica o golpe miles e miles de veces. Hábito. Esforzo. Repetición. Cristalización da conduta para que logo, corpo e mente, realicen o prodixo de interpretar a Mozart e a Metallica nun mesmo concerto sen desafinar.