lunes, 26 de diciembre de 2016

MILLÓNS DE PERSOAS DESEXANDO ENTRAR

NON SE trata de culpa, senón de responsabilidade. E nós, Occidente, por dicilo de algunha maneira, non somos culpables, moito menos os únicos, pero si temos moita responsabilidade nos avispeiros de guerras que mascaran a nenos e mulleres, destrúen cidades por completo e desprazan a milleiros de persoas sen casa, sen pertenzas, sen tan siquera a esperanza de regresar. A maioría dos que nestes días foxen do xeado Alepo probablablemente nin no máis íntimo de si leven a esperanza de: o próximo ano en Alepo. Pero a traxedia non só cae sobre Siria e Irak e os países do petróleo e o integrismo. En África tribos, países novos, vellos, esnaquizados, viven nunha permanente inestabilidade entre bandas, mafias, señores da guerra, gobernantes corruptos, axudas inútiles. Por iso andan os mares estrados de cadáveres, antes mozos, embarazadas e nenos que, diante de tanta crueldade e miseria, prefiren enfrontarse á aventura incerta e perigosa de chegar a un mundo mellor. Porque non nos enganemos, sexamos claros dunha vez: este mundo noso padece e sofre , carece de moitos deireitos, retrocede en igualdade, podería ser máis transparente e democrático pero fóra deste imperfecto modelo de democracia do benestar só existen millóns de persoas desexando entrar, que diría José Luís Pardo.

Ante tal problema existen dúas visións extremas que a nada conducen e desprezan a obxetividade. A primeira é a da inxenuidade bondabosa e hipócrita de que aquí cabemos todos. Onde come un, comen dous. Fóra muros, barreiras, fronteiras, aramados. Veñan, veñan todos ao convite desta festa inacabable e pantagruélica na que todos han ter casa, traballo, estudos e médico. Somos solidarios. Temos un corazón aberto e limpo. Acollemos a cantos chamen na nosa porta. Esta postura, por máis que soe a cántico celestial, non deixa de ser un brinde de bondade inxenua, fóra da realidade, que o só lograría que entrase a fame na casa. Ademais de que poría inmediatamente aos defensores diante da evidencia de que o desexo defenderíase a morte mentres non houbese que compartir baño, mesa e mantel, televisión e a habitación dos nenos. Mellor que se encarguen o Estado, os servizos sociais, dirían. Pero ningún Estado nin servizos sociais, por rico e solidadrio que este Estado fose daría conta de tal esixencia e responsabilidade. A visión inxenua pode cadrar ben en terturlias entre almas bondadosas, pero á hora da eficacia e da realidade é pura demagoxia branda. Non se poden abrir as portas de par en par. Ningunha casa pode acoller máis do que dá de si. Europa tampouco.

Pero se esta visión extrema parece ridícula, non é menos a do bando contrario. Pensar sen media autocrítica que detrás de cada refuxiado entra un terrorista, que todo é unha planificación para o integrismo islámico invadir a a nosa civilización cristiá. Transformar a desgraza e miseria dos demais nun ataque solapado á nosa democracia conduce a un enfrontamento inxustificado entre civilizacións que ninguén debería promover. Partidos e líderes que utilizan aos refuxiados como inimigo para xustificar as súas políticas retrógradas e racistas xogan con lume. Europa vive un momento débil, a crise deixou moito descontento e desamparado entre as nosas sociedades, sabido é que calquera desherdado anda sempre á busca de alguén que o supere en desprezo para estar por riba del. Este xogo do que se aproveitan os partidos máis extremistas de Europa poden acabar nun incendio difícil de apagar.

Nin esto é unha veiga aberta nin somos seres desalmados e insolidarios. Nin abusamos da bondade inxenua e inaplicable dos bondadosos coa lingua pequena, nin deberiamos deixarnos quentar os oídos por esas voces oportunistas que se apuntan á máis mínima desgraza para atopar un inimigo sobre o que descargar a frustración dos desfavorecidos. Pecharse, refuxiarse na identidade, na propia casa, portas e ventás pechas, coma se fóra non ocorrese nada equivale a meter a cabeza debaixo da area. Fóra pelexan, morren, escapan, teñen fame, viven ateridos co frío e o medo. Fóra, como consecuencia dos nosos intereseses, covardías ou indeferencia, padecen e foxen intentando vivir alomenos coma nós. Fóra, por máis que elevemos muros, sempre quedarán seres enérxicos e potentes que desafiarán todo aramado con tal de atopar unha vida mellor. O lóxico, o urxente, parece atopar unhas cuotas razoables para acoller a eses refuxiados, non estigmatizalos co ferro do terrorismo, atendelos e integralos dentro do mellor do noso modelo. E, por suposto, non pensar que vivimos nun mundo idílico, previr e actuar en consecuencia sabendo que existen grupos fanáticos e rabiosos empeñados en desestabilizar o único modelo de pacto social ao que millóns de persoas queren sumarse.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.