sábado, 17 de diciembre de 2016

COIDADORES DE ENFERMOS E VELLOS

Non dou entendido por que para moitos economistas e políticos crear determinados postos de traballo non significa progreso nin riqueza. Existe coma un acordo tácito entre expertos que expresa polo claro o seguinte axioma: crear postos de traballo en educación, saúde ou atencións soiciais equivale a destruír riqueza, emprobrecernos, non progresar como é debido. Será, supoño na miña ignorancia, porque todo ese emprego é público, vai a cargo do Estado e  todo iso non é creación de riqueza senón destrución da mesma. O Estado deberá ocupase, pensarán, en salvar aos bancos que se arruinan e despiden aos seus directivos – expertos en fundir bancos- con millonarios aguinaldos para que non esquezan o bo labor realizado. Agora ben, incrementar o gasto en funcionarios inútiles, vagos e  incompetentes supón levar os países á fochanca da perdición irremisible. Un banco podre salvado sempre garantiza a estabilidade. Inversións en crear postos de traballo público, ruína asegurada.
            Con independencia da teoría imperante, algo observo que non parece discutible: esta sociedade conta cun número de dependentes que merecerían outro trato, non só por eles, senón tamén por quen están sacrificando a súa vida por garantirlles a dignidade. Os números turrarán túzaros canto queiran, pero a dor e a aflición de tantas personas dedicadas ao coidado de enfermos, vellos e discapacitados superan en contundencia a calquera gráfica ou previsión económica. Se non perdemos de vista que vivir leva inevitablemente cara a decadencia física e a morte deberiamos contar con aceptar que unha misión crucial en toda comunidade é velar pola digna e respectuosa atención a quen non se vale por si mesmo. Precisamente porque a grandeza do progreso está aí: na atención desinteresada polo que non se pode gobernar, non dá conta de si, está contra as cordas do fin. Calquera comunidade que esqueza este principio está abocada á autodestrución, ao sufrimento e á parálise. Cando ninguén xa non pode aportar nada á comunidade, cando só é un gasto, un esforzo, unha esixencia de atención incondicional é cando sabemos o grao de saúde ética desa sociedade.
            Referireime a dous casos ben evidentes: os enfermos mentais e os vellos que non xa non se valen por si. A tendencia psiquiátrica nas últimas décadas, seguro que con fundamento, supón que as mellores condicións terapéuticas para os enfermos mentais – aínda nos casos máis graves, como aqueles de perda de contacto coa realidade- son permanecer no seu ambiente natural e no contorno familiar. Mais por desgraza, a realidade empéñase en demostrar que son precisamente os que carecen destas condicións os que máis padecen , coma se uns efectos bidireccionais incrementasen as posibilidades da enfermidade ao carecer do que precisamente se busca para curalos. Co que o paradoxo está servido: un psicótico grave é atendido de maneira ambulatoria e logo preténdese que coa familia e nun ambiente acolledor progrese, pero resulta que ese enfermo non conta con ningún ambiente favorable e con sorte vívelle unha nai vella, enferma e abnegada que ten que convivir con el soportando as súas crises e incluso os seus ataques agresivos ou paranóicos. Co que esa coidadora, case sempre en condicións económicas desfavorecidas, está soportando unha tensión indesexable para calquera persona, menos para un vello enfermo. E velaí temos a dous enfermos convivindo, compartindo e incrementando males. Por que crear postos de traballo en persoal especializado para liberar a esta coidadora desta tortura non é rendible á sociedade?
            Se non morremos antes, chegaremos a vellos. Noutros épocas, especialmente por transmisores de cultura e tecnoloxía, recibían un trato especial de respecto á súa dignidade e sabedoría. Hoxe, con tanto avance, parece que só estorban. Non digamos os que padecen a desgraza de perder o coñecemento. Moitos fillos ou familiares achegados deben dedicar parte das súas vidas no coidado e atención destas persoas. Son traballos que esgotan, anulan e deprimen ata o punto de facer dubidar do afecto que pretendían regalar. Os custes para a seguridade social e as relacións laborais destas persoas  que deben compaxinar a súa propia vida- traballo, coidado de propios fillos, etc.- son moi elevados, será raro que non acaben necesitando baixas e coidados médicos. Por que  crear postos de traballo en persoal especializado no trato con vellos, para aliviar as cargas destes familiares coidadores a tempo completo ou mal compartido con outros familiares, ha ser necesariamente unha ruína para o país?

            En tres aspectos existe coincidencia – alomenos coa boca pequena- para a mellora social: saúde, educación e coidado dos necesitados. Non dou entendido por que os sabios das gráficas, dos orzamentos e investimentos insisten en que este tipo de creación de postos de traballo é traer pobreza á casa. Non sería talvez a nosa maior riqueza?

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.