sábado, 17 de diciembre de 2016

A EXPOSICIÓN PÚBLICA DA INTIMIDADE

NON deberiamos sorprendernos nada do que se saiba da vida privada dos demais, nin tampouco facerlle moito caso. A pesar de que concordo con aquelo que dixera Somerset Maughan: a vida íntima do máis anodino dos homes exposta públicamente causaría horror a calquera persoa, o que hoxe se entende como exposición da intimidade non é tal. Certo que a pouco que reflexionemos e por desvergonzados ou nada críticos que sexamos, se miramos ben para dentro de nós, atopamos gran cantidade de sucesos –non digamos pensamentos– que alarmarían a calquera que nos coñeza, incluso aos máis achegados ou aqueles cos que presumimos manter maior cercanía. 
Porque a intimidade forma parte do segredo primeiro que nos conforma, da esencia que escasas veces medra fóra de nós, xa sexa na relación amorosa máis profunda ou destilada na poesía pura, na música máis fonda, na pintura máis escura. Pero non soe ser o que acontece, parece que se optou por vender públicamente unha pseudointimidade a cambio de comodidades ou eférmeros éxitos que nos confunden. Nese caso xa deixa de ser intimidade para se converter en vulgaridade comercializada, perdendo todo peso, substancia e valor enerxético que o íntimo nos dá a cada un.
Andamos nestes tempos de tanta exposición pública horrorizados coas intimidades que se descobren –ou venden– para o entretemento de quen foxen das súas propias ou as teñen tan apagadas que prefiren alimentarse das que lles contan para se tranquilizar, dar valor ético ou valía estética á súa anodina vida. Imos así falsamente horrorizados de escándalo en escándalo cando en realidade o íntimo queda anegado en augas emporcadas que nin para horrorizar deberían servir. Iso, é certo, aínda que en determinados momentos produzan efectos devaluados pero similares aos de compartir auténtica intimidade. Non sabería dicir se moitas bágoas e sufrimentos ao participar desta obsesión por contar todo a todos e saber todo de todos alivia pesares. 
Sei, sen embargo, que compartir en igualdade na privacidade, na soidade ou cofiando na persoa máis próxima, aquelas manifestacións máis íntimas e fondas, as que abrollan a través da transformación amorosa ou artística, reciben un verniz máxico que as eleva de horrorosas a vivificadoras. Os filtros da arte e do amor converten en delicadeza o que noutro contexto podería cheirar a podremia, en paz estabilizadora ao que se sería lóxico contemplar como violencia gratuíta e innecesaria, goce pleno, éxtasis, ao que, de non pasar por eses filtros, causaría risa ou bochorno ou rabia. Cando a soas nos saltan as bágoas escoitando a Schubert, ou nos corre o corazón coma un potro atordoado dentro do peito ao repasar unha e outra vez tres versos dun poema, ou cando nos marabillamos, aínda sen entender de todo o que o autor quere dicir, diante duns colores aparentemente sen harmonía ou irritantes, estamos participando da exposición pública do máis íntimo do autor. E isa participación libéranos, alivia, dá conforto. A outra, a exposición baleira, non é máis que pasar á vulgaridade anécdotas persoais. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.