martes, 15 de noviembre de 2016

MARÍA NON TEME A TRAMP



         

         María , a señora que me atende no pequeno almorzo do hotel onde me hospedo en Nova Orleans, mostra un sorriso sereno, discreto, con certo aire de resignación. É de nacencia nicaraguana pero xa leva nos EE.UU.trinta anos e considérase adaptada. Cando lle preguntei a súa opinión sobre o triunfo de Trump non quixo ser moi explícita. Veu dando unha resposta á galega: a ela tanto lle tiña, non cría que lle puidese repercutir en nada, nin para ben nin para mal, e daba por descontado que tanto descontrol na falancia non se traduciría en idénticos feitos. Unha compañeira negra, alta coma un eucalipto e desinhibida a máis non poder, pediulle traducción e cando lla fixo riu escandalosamente, marchou xurando que dela ningunha confesión conseguiría.
         Aquí, á beira do Mississippi, non se nota nin o máis mínimo temor nin desasosego polo triunfo do bocazas rubio. Certo que é un estado que o votou, pero na rúa, nos bares, nos comentarios non se percibe nin a máis mínima inseguridade nin intranquilidade. Igual que María, os nativos, negros ou brancos, parece coma se xa souberan que o resultado ía ser o que foi. Era moita a fartura polos gobernos desas clases – casta que dirían algúns- dominantes que se veñen alternado no poder para que as capas medias sufran e paguen con tódalas consecuencias. A working class está farta de padecer as políticas dominantes, esas que favorecen ás grandes multinacionais e van aniquilando ao pequeno empresario, ao traballador asalariado, ao artesán. América, a profunda, a máis extensa e calada, á vista está nos votos, anhelaba alguén que tivese a coraxe de dicir ben alto o que eles levan pensado ou ocultado por non ser políticamente correcto. Que hai que regresar a un mundo illado, refuxiarse na grandeza do país, rozarse con amigos estraños, guerrear só se compensa, ignorar as necesidades dos demais, favorecer os costumes e tradicións, sen tanto elitismo, sen tanto glamour, que fixeron a este país o máis poderoso da terra. É unha necesidade de negar o imperialismo para continuar con el. Unha contradición que rima ben con mensaxes simplistas: os inmigrantes son culpables, debemos pecharnos, levantar muros, mirar e preocuparnos antes de nada por nós e que cada quen se busque a vida por outro lado. América é terra de atracción e levantouse grazas á emigración e á bos mestura que soubo realizar en algúns momentos, pero iso é tempo morto, agora, os auténticos, os verdadeiros cidadáns, deben votar a que pensa pechar cancelas e persiguir aos vagos para que non se esborralle a súa grandeza.
         Durante a campaña, en Europa, que comprendemos pouco o verdadeiro ser dos americanos do norte, pensabamos que Clinton, por mala que fose, non tería adversario, el mesmo cavaba a súa tumba cada vez que abría a boca. Falso. Aquelo que a nós tanto nos escandalizaba e parecía incrible que alguén candidato a un país tan poderoso puidese dicir en mitins e declaracións públicos, ao amirador estadounidense medio encántabanlle esas estupideces, recoñecía nas súas brabatas a valentía da que o cidadán medio silencioso reprimía. Pero no fondo, moitos, tantos coma para lle dar o poder, aledábanse de que por fin alguén non tivese pelos na lingua, se deixase de correccións políticas e dixese que américa é para os americanos, que os triunfadores de verdade fanse ao seu estilo, e que un home non é menos por manifestar catro babosadas entre machotes sobre as mulleres, o que realmente invita a emulalo é o seu triunfo, as súas conquistas, as mulleres novas ao seu carón, a cara lavada de fanfarronear – tirunfadore, dono do éxito- coma se fose un chulo do motel de estrada que se atopa con compañeiros viaxantes fartos ao cabo do día  de pelexar por introducir os seus productos diante da dura competencia. Trump transfire orgullo aos silenciosos, ignorados cidadáns e traballadores asalariados que ven perder cada día vantaxes fronte aos escasos poderosos dominantes defendidos claramente pola casta dos Bush, Clinton e similares. Buscaban un Berlusconi estilo USA que lles quente os oídos e lles baile a auga durante o tempo de campaña. Un atrevido que promete repartir o método do seu éxito ao país. Logo, cando chegue a hora de gobernar, xa se verá.
         Na Bourbon Street, rúa expresión máxima do que T. Williams dixo referíndose a Nova Orleans como a última fronteira da bohemia, coñecidos os resultados do ganador. non se notou transformación mínima na rutina do se ambiente feseiro. Algún aplauso illado, algún brúo etílico, pero o que se mantivo foi a normalidade do cheiro a cervexa. Os propios ou habituais do lugar continuaban coa súa vida cotiá: fumando, esnifando, tirados na beirarrúa, bebendo, cantando, tocando na rúa tambores, trompeta ou saxo. Dentro, nos bares, as bandas de jazz non perdían o ritmo coa improvisación de quenda, as de blues continuaban co seu lamento rachado e as de rokc rebentando a batería para que a voz do solita incrementase o seu berro irto e rabioso. Aos turístas coma min ignórannos agás para que gastemos, somos espectadores dun día que non damos entendido nada. Ao final, entre os cheiros penetrantes da rúa, o rebumbio dos bebedores e as músicas mesturdas e incesantes, comprendín que tiña razón María na súa despreocupación pola victoria. O charlatán non tadará nada en que a Corte Suprema, os donos do petróleo e os magnates da industría do armamento e dos laboratorios médicos lle fagan tragar toda babosada atrevida para reconvertelo nun sensato e maleable gobernante. Total, como me parece que pensa María: o mesmos cans con distintos colares, ademais de que can ladrador soe ser pouco mordedor. Por iso en EE.UU., coma María, son poucos os que temen a Trump. Os que de verdade mandan levarano ao rego queira ou non. E quererá, seguro.



                                                                                                            
                                                                                                           

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.