O tempo corre a unha velocidade galopante. Por iso
sucesos de hai poucos anos xa se poden considerar prehistóricos segundo María
Dolores de Cospedal. A prehistoria achégase tanto a nós que, coa velocidade de
vértixe que está pillando a política, o que sucedeu onte a ninguén lle importa
nin repercursión algunha debe ter. Así o pensan no PP, partido ao que nada lle
importan os xuízos nos se xulgan actividades coma o das tarxetas negras e o da
correa de Correa. Conste que a min este señor, Correa, paréceme cabal. Di o que todos sabemos coa
tranquilidade e seguridade que aportan as vidas cando andaron na cima do éxito.
O que el realizou, di, non é máis que unha práctica habitual entre empresarios
e políticos neste país, só que a min pilláronme. Hai que andar máis aleutos,
dedúcese, para que non te pillen. Velaí a filosofía simple e clara dunha persoa
que non se anda polas ramas. Pero volvamos á prehistoria.
Cando
a secretaria do partido nos transporta a tan remoto tempo é simplemente para
aclarar que con Rajoy acabouse a festa, que el nada tivo que ver e que, se
cadra, un tal Aznar puido manter algunha conexión esporádica con estes señores,
peor todo iso xa é auga pasada, nin move muíño nin leva a ningures, esquézanse,
miren para o futuro, xa toda a opinión está farta de cotillear con eses enredos
e vaiamos a gobernar, a continuar
salvando este país que perecía e ía directo á catástrofe e, grazas ao noso
goberno, está comezando a levantar cabeza. Non se lles ocorra, parece
advertirnos Cospedal, castigar ou asociar ao PP con esas historietas pasadas de
moda. Nós somos o futuro. Nós acabamos con esas prácticas. Nós somos os
salvadores únicos, extra Rajoy nulla salus, podería concluír a avogada se
quixese poñerse pedante. Así pois, quen queira entramparse en tempos prehistóricos
xa sabe que está perdendo o tempo tratando de enrabechar ao votante con
naderías, trivialidades propias dos negocios, asuntos algo oscuros que
acontecen en tódalas familias. Salvado Rajoy e o voto, xa todo amortizado, se
os informativos e os diarios queren levar ás primeiras planas estes asuntos
prehistóricos, aló eles, pero o mundo onde el vai... Aznar? Un señor que sentou
as bases da desfeita de anos posteriores, pero un magnífico expresidente
explotando os seus negocios co orgullo e tenacidad propias dun grande atleta.
Rato? Un exministro ilustrísimo, o mellor que se coñeceu dende a prehistoria en
España, agora tachado de algo tramposillo, pero nada importante, a xustiza
ofrece trucos e mañas nas que estes grandes da economía se desenvolven con
soltura. Agag? Quen? Ah, o xenro de Aznar. Nada, un próspero negociante en
Londres que foi amigo de Correa, pero todos pasamos por momento de xuventude
alocada e coñecemos algún amigo do que, ao entrar en razón, non recordamos se o
coñecemos. Bárcenas? Un interventor que prestou grandes servizos ao PP. Non se
pode dicir outra cousa, salvo que despois de dúas décadas caeu na tentanción de facerse rico. Unha
decepción para Rajoy que, con boa fe que o caracteriza, confiou en que era
persoa xusta. En canto descubriu que non o era, arrepentiuse e todo quedou
saldado. Blesa? Un cazador petimetre de Madrid. Non o fixo perfecto ao fronte
de Caixa Madrid, pero tampouco hai que rasgarse as vestiduras. Entre estes
cazadores de leóns sempre aparece algún farsante. Pero tamén esquecido. Todo é
prehistoria. Pasado remoto. Basta de titulares sobre a prehistoria de persoas e
tramas algo escuras, pero que, no fondo, son as que lles deron a vida ao PP e
tamén se podería engadir a España.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.