sábado, 1 de octubre de 2016

O PEQUENO BECKHAM EN NARÓN

En días pasados, un dos fillos do famaso xogador de fútbol David Beckham e da súa esposa Victoria estivo en Narón nunha festa de publicidade de Inditex. A razón de que invitasen a este rapaz paece fundada na fama dos pais, ambos de profesión famosos,  porque tampouco o fubolista foi tan excepcional e a esposa, á parte de cantar durante unha temporada  unhas cancións horribles con unhas sociais insulsas e de divulgar un estilismo de elegancia dubidosa, non se lle coñecen especiais méritos. Si.  Outro: son moi ricos e marcan tendencia estética entre seguidores a feixes, algúns incluso dispostos a gastar 23.000 € por parecerse ao guapo e desexado exfutbolista. O caso é que o pequeno desta familia experta en sacar cartos da nada parece ir na mesma liña e xa con 17 aniños viaxa de Londres a Narón para dar imaxe á unhas das firmas  máis excepcionais e rendibles do momento neste mundo.
            A min sorpréndeme en grande maneira que o rumbo económico hoxe se dirixia por estes camiños. Admito de entrada, para que non se dea pé a malentendidos, que carezo de formación económica e de instrumentos adecuados para valorar a importancia da visita deste mocete a Galicia. Seguro que os expertos cualificados cos que a empresa contará, nun abrir e pechar de pantalla de ordenador poden demostrar con detalle exhaustivo a eficacia de invitar ao rapazote. Un, que xa vai para vello e está cargado de prexuízos, ten resistencia a entender que as empresas, para mellor vender, penetrar en novos mercados e ganar en imaxe, dependan de adolescentes que, ao igual que os pais, non se lles coñece capacitación maior cá de ser fillo de famosos. É dicir, que este neno, que eu saiba, nin nada estudou – tampouco tivo moito tempo dada a idade-, nin manexa unhas armas especiais , nin ningunha aoutra cualidade posúe para axudar en cometido de tanta tarnscendencia para a vida dunha empresa. Mais aí o teñen contratado por mentes claras da economía, por executivos pagados a prezo de ouro e animando unha festa- marqueting que supoño reportará beneficios inmediatos ou futuros incalculables para o produto de Amancio Ortega.
            Conste que, a pesar de non estar informado polo miúdo, teño para min que o éxito inical da empresa non se asentou precisamente en políiticas deste cariz.  Nin en publicidade directa gastou un peso nas primeiras décadas, bastaba ao parecer coa calidade do produto e a innovadora maneira de distribuír para que a marca se extendese de maneira milagrosa por todo o mundo. Pero os tempos cambian. As estratexias económicas tamén. O que nun momento puido contribuir a elevar a empresa ao punto tan elevado non que está, pode agora precisar de máis modernos e imprescindibles impulsos. E é aí onde entra o pequeno dos Beckham para volver tolas ás adolescentes da comarca por telo en vivo diante delas e poder facerlle unha foto. O rapaz cobra a cantidade estipulada por enseñarse durante un anaco, colle o avión de volta a Londres e traballo cumprido. Unha profesión de futuro para a que só estarán capacitados os que conten coa fortuna de nacer dentro dunha familia que manexa os medios e  expón  parte da vida privada e outras menudencias para atraer a públicos ávidos de caras, modas, chismes e falancias sen fin.

            O que cambian os tempos! Supoño que se Amancio Ortega dedicou algún tempo a reflexionar sobre as diferencias de enfoque e valoración do traballo que tivo el nos seus inicios e o que ve neste imberbe famoso ao que paga para incrementar os seus beneficios deixaríao estupefacto. Aquel mozo que  vendía batas e traballaba coa muller cosendo e ideando como saír adiante e que acaba por ergueu un imperio económico  a base de traballo e esforzo,  preguntarase como resulta tan doado para algún amasar cartos, os que el gañou, precisamente para incrementar as súas ganacias. Que un mozo, simplemente polo seu nome, por poñer un pucho enriba da súa cabeza de cabelo longo, sen outra valía nin mérito, sirva de tan custosa axuda a unha firma que se labrou con mullers que deixaron os ollos nas pezas que cosían nas súas casas mentres os nenos durmían, parece unha transformación do funcionamento económico incrible. Como polos efectos se deduce que o Sr. Ortega é home adaptable e dinámico na comprensión das novas tendencias, é probable que o entenda mellor ca min. Porque eu, coma xa dixen, dada a ignoracia sobre asuntos económicos e os prexuízos propios da idade, teño serias resistencias para entender a produtividade dos parásitos. Porque nisto parece que se está convertendo en parte o progreso económico: que uns parásitos guapos, famosos ou descarados poñan a súa cara ao servizo das máis importantes iniciativas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.