sábado, 8 de octubre de 2016

ASASINADO SÁNCHEZ, ESPAÑA ATURUXA

Espero que a partires de agora España vaia coma unha vela pola senda da mellora económica, da formación dun goberno estable e da resolución de tódolos problemas que nos aflixen. A causa de tanto mal está enterrada. Sánchez xa non habita no mundo do políticos con poder e os comentaristas enrabechados que levan meses mallando nel sen piedade poderán descansar de buscarlle calificativos a cada paso más despectivos , chegando incluso ao insulto ad hominem. Creo que foi mellor que desaparecese, porque de continuar algúns xa non atoparían espazo nin folgos para insistir con tanta teimosía na inutilidade do político linchado.
            A min Sánchez paréceme que foi un político á altura de calquera dos mediocres que nos rodean só que nunha situación envelenada da que non era doado saír. Ao PSOE non lle queda outra que sufrir unha viaxe penitencial polo deserto. Atrapado na crise que padecen as sociais democracias de Europa, case atropelado por un partido atípico que tivo dous anos de esplendor innegables que parecía arrasaría con todo, atascado polas pelexas internas entre poderes feudais necesitados de manobras para non afogarse nos fosos dos seus castelos, a este partido non hai lider ou lideresa que o endereite mentres non  saian das areas coma brasas baixo os seus pés.
            O que ocorreu foi que un grupo moi elevado de comentaristas políticos – cada un saberá o porqué- deu en colaborar na creación dun chivo expiatorio que lle viña de perlas á estratexia do PP. Non se enganen: Rajoy xogou sempre coa carta tapada das eleccións. Dende a mellora de resultado das últimas, na súa maquinadora cabeza resisitiu sen pena o segredo de que, en último caso, a quen lle favorecerá ir a novas eleccións é a el. Sempre e cando, claro, lider e partido do PSOE se convertan nos causantes máximos de tal despropósito. A campaña saíulle a pedir de boca. Amigos e asociados lanzáronse en prancha enriba do mediocre Sánchez ata aniquilalo, ata tal punto que tanto castigo case se converte polo exceso nun repiro para o peor político da historia. Nunca se leron descalificacións tan esaxeradas e groseiras, nunca un exército de comentaristas, tertulianos, opinadores, escritores de fuste, locutores pagados a prezo de ouro e politólogos puxeron tanto empeño por destrozar unha figura política. Parecía que a orde estivese escrita nas redaccións de tódolos medios: esnaquizalo, que non queden nin cinascos del! E así se cumpriu. Mallaron e mallaron tanto no moneco  que ninguén tivo valor para dicir unha palabra na súa defensa. O Papa emérito Felipe, temeroso de que se producise un xiro do seu amado paritdo cara os rapaces insorportables de Podemos e os independentistas cos que el tanto tratou, amañaou e axudou a prosperar, deu a orde de atque final e os rebeldes acabaron chimpando ao leproso. Coma se el fose a causa do mal do PSOE, da gobernabilidade, do paro e do que nos espera unha vez que se absteñan e permitan que Rajoy volva aos seus pasos inconclusos, porque agora si, o PP ten baixo a súa bota aos indecisos e errabundos socialistas. 
            Por suposto que os plans de Sánchez non eran fáciles de captar nin avaliar. Cometeu o erro de non seguir a idea de Borrell no sentido de, dende os primeiros instantes, proporlle ao PP un decálogo de esixencias para absterse.  Abaneou en situacións nas que debería ser firme e ancorouse nunha firmeza imposible e dos débiles cando se veu perdido. Claro que cometeu erros. Pero de aí a consdieralo causa de todo mal vai un abismo. Agora defenestrado darase conta a Xunta Xestora, por máis que teña o plan de ruta fixado, nas dificultades nas que se atopa o partido, máis cando o PP medrou coma  leite ao lume e, diante da ameaza de ir a eleccións, fará deles o que se propoña. Entre outras cousas porque os parlamentarios do PSOE non son tan estúpidos e saben que, de repetirse eleccións, arredor de corenta non repetirían, coa desgraza que iso supón. Polo tanto a abstención está garantida que era a primeira parte do plan. Pero o que ha de vir non promete nada bo nin para o PSOE, nin para o novo goberno nin para o país.

            En fin, os cans rabiosos que se botaran con toda a saña contra Sánchez, haberán de atopar outro óso no que roer, este xa se esgotou. A ver que se lle ocorre aos programadores do PP e seguro que eles, coma obxectivos politólogos, experientados analistas, imbatibles defensores dos principios que os animan axiña se botarán sobre a presa para esgazala. Así se vai construíndo España. A base de crear chivos expiatorios causa de todo mal para distraer ao público. Agora que xa non temos o político peor do mundo, o máis inepto, o máis cerril e túzaro e irresponsable , suponse que España será un aturuxo de esquina a esquina. Ou non. Pero en tal caso xa se buscará outro ou otros sobre os que mallar. O caso é manter a tensión persecutoria e desviar o tiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.