domingo, 28 de agosto de 2016

UN CURA NEGRO EN SAN ANDRÉS DE TEIXIDO

UN pode ter fe ou non, pero chegados a San Andrés de Teixido parece imposible que non se instale nun a fe na fermosura do universo. Caendo o sol, os acantilados como querendo termar da potencia do mal, a luz que se vai apagando cando a mirada xa non dá máis de si. Un lugar ao que un baixa coa misteriosa dúbida de se o home busca estes lugares para acordarse de que non é nada, só unha muxica de conciencia que pode aprezar a grandeza do mundo, a súa beleza, a complexidade dunha natureza que se goberna non sabemos se por si mesma ou por algunha forza creadora capaz de unificar destrución con progreso, beleza con maldade, ou un vén co oculto orgullo de vernos capaces de mesturar simbolismo e transcendencia co medo e a confusión. Para non ir de morto fun en vida xa varias veces, sempre co contento que brota dunha viaxe a un lugar no que se mestura a superstición coa beleza, a maxia coa fe, a romaría co temor. É día souto, pero aínda así abundan os visitantes. Moita xente maior, pero tamén mozos, emigrantes, algún estranxeiro que andan por fóra, sentan a contemplar a caída do sol, pasmados de paisaxe tan fermosa. 
Na capela, sen estar repleta, moitos crentes acenden velas, deixan mensaxes de súplica en papeis de libreta cuadriculada e pasan a bicar un santo de madeira que sostén un cura que con paciencia e seriedade vai poñendo nos labios de cada devoto. O cura é negro. Non tiven a viveza de agardar a que acabase para ter unha palabras con el, gustaríame saber a súa procendencia e os pasos dados para chegar dende o seu mundo a este lugar tan arredado do seu. Arredado? Non, probablemente moi achegado. Reflexionando con calma dei en crer que talvez unha mentalidade africana estea hoxe máis cerca de comprender esta realidade entre paganismo, esperitualidade inespecífica e cristianismo que de todo se apropia. Probablemente moitas das persoas que acuden solicitando calquera favor a San Andrés, pasan o resto do ano nunha apatía relixiosa sen compromiso. 
Pero o emigrante que leva anos no Reino Unido e trae consigo uns amigos nativos, explícalle con paixón ao estranxeiro a potencia milagreira do santiño. Presume do número de persoas que ponden certificar o poder do santo por múltiples melloras na saúde, reconciliacións familiares ou peticións de egoísmo inconfesables. Si, explicalle a muller que parece cultivada á amiga inglesa, ver isto sei que invita a pensar en suborno aos poderes divinos, por iso quen pode acende máis velas e ofrece máis a cambio de que se lle cumpran as peticións, pero aínda así moitos vimos coa confianza porque o Santo é bo e por pedir non se perde nada. Afirma a muller que tódalas vacacións pasa a facerlle unha visita e mal non lle foi na vida. Gustaríame saber a interpretación do cura negro. É probable que entre a súa educación inicial exista u­nha conexión profunda con esta misteriosa realidade de beleza, fe e superstición, por máis que se vernizase coa teoloxía que lle esixen para facelo crego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.