domingo, 31 de julio de 2016

O QUE MERECE A PENA NA VIDA

QUE merece a pena na vida? Cando un se fai a pregunta pode quedar mudo diante da incerteza. O máis probable é optar polo cómodo: depende. Depende de como sexa cada un, da idade, da constitución psicobiolóxica, da educación recibida, do tempo que lle toque vivir... Pero non deixa de ser un escape, unha evasión. Cando un chega a unha determinada idade e máis se lle insisten en que os días están máis o menos contados, a pregunta adquire unha potencia distinta. Merece unha vida dedicarse en corpo e alma a unha profesión que lle proporcione prestixio, recursos económicos? É máis importante, talvez, entregarse con fe a investigar, descubrir algo que dende o punto de vista científico sexa de utilidade para o resto da humanidade? Merece a pena vivir confortable, inconscientemente, desfrutando, sen complicarse innecesariamente? Será quizás máis proveitoso entregarse ao servizo dos demais, darse plenamente para que alguén viva mellor? 
Seguro que existen respostas variadas e parcialmente acertadas. Pero chámoume a atención a resposta dunha eminencia como Vinton Cerf, un dos máis importantes creadores de internet, hoxe apóstolo no mundo para que todos, sen excepción, teñamos acceso a ela, investigando aos 73 anos a maneira de crear unha rede interplanetaria que conecte todo o sistema solar. Despois dunha vida de éxito, de recoñecemento, de innovación transcendental para a historia da humanidade, con toda sencillez e humildade di: o que merece a pena na vida é levar con éxito unha familia. Estou moito máis orgulloso de que os meus fillos sexan peresoas boas e felices que do proxecto de internet. Levar con éxito unha familia, ter fillos bos e felices. Algo tan sencillo é se cadra o que máis merece a pena. Unha tarefa difícil, para a que non existe universidade nin master específico, por máis que se pague.
Tarefa que consegue se cadra mellor un taxista que un brillante matemático, mellor unha vendedora dunha mercería que un potentado das finanzas. Un reto de complexidade enorme para a que uns están máis cualificados ca outros. Lembro n­unha das entrevistas con motivo da retirada da política de Alfonso Guerra –por debaixo do agresivo personaxe político existe un home culto e sensible sen dúbida– que dicía algo similar. Se de algo se arrepentía da súa entrega á vida pública era do tempo que non lle dedicara aos seus fillos. Analizando a súa traxectoria era iso o que menos se podía perdoar. 
A moitos, cos anos, pásalles igual: lamentan o pouco que gozaron da infancia, da inocencia, da bondade, da tenrura dos seus nenos. E outros remoemos que poderíamos facelo moito mellor loitando con máis tesón por u­nha familia mellor tecida arredor dos fillos. Porque non dubido que haberá moitos outros motivos de peso que merecezan a pena na vida, pero Cerf ten toda a razón: non hai maior contento e orgullo que lograr uns fillos bos e felices.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.