sábado, 4 de junio de 2016

VENEZUELA ESTÁ CERCA

ANDAN os dirixentes de Podemos repetindo un argumento de escape centrado en dúas falsidades. A primiera di que Venezuela queda lonxe. Non é certo. Estará para eles que viaxaron alí coa frecuencia que agora non lles presta recordar, pero para min, que nunca fun, queda moi cerca. Porque moitos galegos traballaron alí duro e aportaron ao país en épocas en que se podía prosperar. E porque outros están agora presos nesta desfeita de fracaso máis evidente e estrepitoso. Por iso non é certo que se lle dea unha importancia informativa esaxerada.
Un amigo ten un familiar que alí se fixo moi rico, e nunca quixo retirar os cartos, dicía que Venezuela llos dera, en Venezuela estaban. Ata que non aguantou máis, claro, e tivo que arrepentirse do seu compromiso. Hoxe non da malvendido todo canto fixo ao longo da vida e tivo que regresar a Galicia, vello, canso, buscando axuda na familia. Así miles de emigrantes que se ven perdidos, atemoriados, fracasados. Que me informen de como evoluciona a situación alí non me parece un esforzo inútil.
Pero é que aproveitan esa situación e manipulan con ela os partidos contrincantes con fins electorais, minten por segunda vez. Tampouco é certo. Os cidadáns aos que lles piden o voto para solucionar os problemas de aquí teñen dereito a saber que pasou co asesoramento que prestaron alí. Deixemos de lado as admiracións persoais, que poden variar; tamén o financiamento, parece que montado o partido non se pode demostrar. Pero o que non poden tapar, salvo estupidez ou cinismo supremos, é que prestaron o seu saber político na configuración daquel socialismo que ía transformar América Latina.
É lóxico que queiramos saber se estes asesores que agora nos prometen sacarnos da crise e levarnos por un camiño de renovación democrática pensar utilizar idéntico catecismo que o ensinado a Chávez e Maduro. Eu quero que me expliquen se é que non seguiron as súas ensinanzas os dirixerentes bolivarianos e por iso fracasaron, se foron aplicadas, pero por ser aínda mozos ilusos foron eles os equivocados e aprenderon e agora xa saben que non se poden realizar ou se cren que foron factores externos (presións internacionais, boicoteos, demos ocultos encargados de facer fracasar tales experiencias) os que conseguiron que os seus bos consellos non chegasen a término. Que se expliquen.
É importante sabelo porque hai dous feitos innegables: eles foron asesores ben recoñecidos e pagados polos gobernantes dun experimento que ía converter Venezuela nun paraíso de igualdade e dignidade e o que está á vista é un país ao borde dunha guerra, desarticulado, pobre, corrupto e invivible. Non parece que mereza dúbida: ou se explican ou, se calan, todo fai pensar que temen ao bocazas de Maduro. Ata agora todo fai pensar que temen as represalias dese gobernante tan esperpéntico. E iso cheira moi mal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.