viernes, 27 de mayo de 2016

SAÚDE E NEGOCIO


As empresas farmacéuticas, xunto coas de armamentos, son das máis poderosas do mundo. A súa capacidade de persuasión e presión sobre os gobernos é inmensa. As súas ganancias gozan duns marxes extraordinarios. Dedícanse con tanto diñeiro á promoción dos seus produtos que, a pesar da creación de leis de vixilancia das súas condutas, aínda inducen á sospeita polas súas prácticas de seducción (?) daqueles que deben contratar prezos e dos que dispensan os seus productos. Nos últimos anos, a concentración do poder das farmacéuticas xira arredor de cinco ou seis empresas de EE.UU. e Europa que, contra  a India, Brasil e Arxentina, procuran que ningún novo modelo se explore no mundo. Ás empresas farmacéuticas vailles de perlas así e non mostran desexo de que nada cambie. A fixación de prezos é pouco transparente, a innovación escasa e o interese pola saúde queda aplastado polo puramente comercial. Con isto non nego unha evidencia: calquera empresa busca beneficios, pero  as que se dediquen á saúde  deberían equilibrar obxectivos.
            Elena Villanueva, portavoz de No es sano, nunha longa e clarificadora entrevista concedida a ctxt.es , rebate algúns dos enganos máis frecuentes deste modelo farmacéutico e arguemnta as razóns polas que merece a pena reflexionar para promover un cambio. Para empezar, é moi discutible a eficacia de que os prezos dos medicamentos se fixen sobre a base económica dun país. As farmacéuticas acordan prezos negociando segundo as posibilidades económicas dos países, o que leva, entre outras consecuencias, a que algúns medicamentos adquiran uns prezos de escándalo e que outros sexan escasos naqueles países nos que se pagan menos. Que en España se paguen 25.000 € por un remedio para a hepatite e en Exipto 900 polo mesmo significa que tanto para España coma para Exipto, con custar “só” 900€, podería facer quebrar o seu sistema de saúde. Pero é que outro tanto lle pode pasar a Francia polos prezos que están alcanzando os tratamentos anticancro. A fixación de prezos exise unha revisión ou acabaremos decidindo de maneira arbitraria a quen si e a quen non tratamos con fármacos de prezos tan elevados ou arruinamos os sistemas de saúde. É de auténtico escándalo.
            O argumento que se soe utilizar para xustificar tal tendencia  é o enorme gasto en investigación. Pero isto non parece tan claro. A investigación esencial, a realmente custosa, a que chega a descubrir unha molécula prometedora, está do lado da investigación pública. O que soen facer as farmacéuticas é mercar esta patente e logo realizar ensaios. Non é tanta a preocupación pola innovación, canto pola rendabilidade. E parece inconcebible que sexa a industria farmacéutica a que goce de maiores marxes de beneficios. Non só iso: ningúnha industria, nin a do automóvil, pode permitirse, tal e como fan as farmacéuticas, sacar un modelo, patentalo e durante 20 anos impedir que ninguén poida copiar ese avance. Isto vai contra a innovación, traslada o interese primordial da empresa non a solucionar problemas de saúde senón a alcanzar unha inaceptable rendabilidade.
            Con tal espírito empresarial, enténdese que se investigue sobre determinados produtos e se esquezan outros. Non tardaremos segundo os expertos en carecer de antibióticos que fagan fronte ás bacterias cambiantes, investir neles non dá ganancia. Pero si, por contra, en fármacos para as enfermidades crónicas e para poboacións que poden pagalas. Como exemplo, baste fixarse no incremento de vendas  de ansiolíticos e antidepresivos para a maioría da poboación do mundo rico. Medicamentos que  se usan debido a un programa ben planificado para nos convencer de que son mellores os fármacos que a resistencia á dor, as relacións sociais e o paso do tempo para solucionar problemas que sempre existiron. En cambio, para as enfermidades mentais realmente necesitadas, as ofertas en psicofármacos son menores. Investígase para curar o que non necesita cura médica, creando necesidades farmacéuticas sobre perdas, desamores, estrés e frustracións que sempre se resolveron con tempo e a dose de sufrimento que vai asociada a vivir.  En realidade, sendo a industria que máis beneficios alcanza, non dá á sociedade os produtos que máis necesita, senón os que a ela máis a benefician. Tanto é así que moitas enfermidades quedan desatendidas por non ser rendibles. E cando atopan un remedio para unha enfermidade crónica, o prezo resulta inalcanzable para calquera sistema de saúde.

            En resume: a fixación de prezos, monopolios de anos que frean a investigación innovadora, tanto investimento en  comercialización e a escasa transparencia entre o sector e os gobernos, invitan a que se revise con urxencia o modelo - a que agarda a UE para intervir?-, porque, tal como está, isto non é san, as relacións entre saúde e negocio esixen máis control que unha operación de alto risco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.