lunes, 2 de mayo de 2016

SAUDADE DE DEUS

VIVO momentos de pena por deixar de crer en Deus. Gustaríame gozar da gracia de experimentar a súa cercanía, protección, comprensión, amor e acollida. Un Deus amoroso e comprensivo vén moi ben en toda situación, máis cando as esperanzas se van achicando por moito que a razón se afane en lle buscar diques ás serias ameazas. É doado aceptar a morte de deus se por tal se entende a un ser tan poderoso coma vingativo, tan distante coma desapiadado, tan impenetrable como caprichoso; tirano, escuro, frío. Dese ser que vixila, controla, penaliza, culpa e atemoriza non é doado desfacerse. 
Non facía falla que N­ietzsche nolo descubrise: estaba morto en canto fomos quen a situar a nosa razón no lugar que lle corresponde e prescindimos de antromorfizacións ilusorias que nos alienaron do que en realidade nos importa. Tampouco resulta difícil esquecer a un deus tapa buratos, por dicilo coma Dietrich Bonhoeffer, aquel ao que se recorre cando quedamos sen explicacións científicas ou coherentes da realidade que se resiste a ser coñecida. Eses deuses punitivos, sanguinarios, dados ao suborno por sacrificios ous donativos, analxésicos da curiosidade científica e do progreso, nunca me produciron a máis mínima atracción. Sen eles vívese mellor.
Pero hai outros. Outro na nosa cultura. Un que é pai e nai que non esequece ao fillo, que anima na pena, que escoita e serve de guía nas situacións de maior angustia. O que se achega cunha man amiga para consolar e compartir, o que fala sen dogmatismo, case con humildade, porque se pon do teu lado, entende a túa debilidade, está da túa parte aínda que nada pode a pesar do seu poder para liberarte da dor, do medo e da imperfección, o que sabe escoitar e ofrece esperanza e alegría aínda que xa non queden. Dese Deus, como diría Julian Barnes, ao que só coñezo de oídas e lecturas pero non dou aprehendido nin sentido, teño saudade. 
Pero será que Deus se retira ou achega (León Bloy) cando e como lle parece. E para algúns, aínda sentido saudade das súas bondades, leva tempo retirado, en silencio. Será, como algúns din, que a eternidade nunca compensaría porque é enormemente aburrida e a resurrección, como consecuencia, tampouco merece tanto a pena.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.