lunes, 2 de mayo de 2016

PIANO CON MARACAS

O auditorio grande do Centro Cultural de Belèm estaba cheo. Arturo Sandoval habería un ano que actuara no mesmo lugar, pero Lisboa é cidade á que o músico cubano viaxa con gusto e os lisboetas agradécenllo coa súa presenza. Antes de comezar a tocar xa tiña ao público aos seus pés. Pero en canto o magnífico grupo (piano, teclados, baixo, batería e percusión) tocaron os primeiros acordes, máis cando Arturo colleu a trompeta, os aplausos e berros de emoción non pararon. Sandoval demostra sobre o escenario a súa experiencia como músico, a relaxación absoluta de quen desfruta tocando e a simpatía vitalista de quen goza coa vida. Dirixe, atende ao sintetizador, percusión, piano e trompeta, e canta. E todo o fai con entrega, sen medo, convencido de que o seu dominio musical non necesita avaliación. 
O grao de emoción subiu coa versión que fixeron de El Manisero, coa interprestación de Every day I think of you dedicado ao seu mentor e modelo, nunca esqueciso, Dizzy Gillespie e, tamén, con algúns agudos estridentes, irtos, innecesarios, máis para a galería. Mais o concerto aumenta en temperatura, cada exhibición de Sandoval causa tanta admiración coma excitación no asistentes, ata o punto de que son moitos os vellos (o público é maioratariamente maduro) que se moven nos seus asentos como levados dunha electricidade incontrolable e tocan palmas e tararean. Pero aínda faltaba o mellor. Sentado ao piano, Sandoval executa unha peza cun ritmo in crescendo ata que, improvisando, invita ao percusionista a que se lle una coas maracas. Lamento tanto non dar pillado o nome deste músico como desfrutei coa súa exhibición. Nunca as maracas pensei poderían regalarlle tanto á música. Foi unha simbiose perfecta entre as entradas que o mestre daba e o ritmo co que as maracas repicaron ata nos deixar a todos coa boca aberta. O cimbreo do percusionista acoplándose a piano e maracas ensambados contaxiou de tal maneira aos espectadores que non había mans nin asubíos nin berros para premiar tal marabilla. Logo aínda tocaron outra peza e a de propina, a emoción permaneceu, pero nunca á altura de cando maracas e piano se mesturaron en ritmo máxico. Ao saír á noite de Lisboa, aínda sendo marzo, non ía frío ningún. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.