martes, 31 de mayo de 2016

O REGALO DE MARÍA LIGIA

PREGÚNTAME un lector como é posible que nos momentos de tristeza elixa pezas musicais tristes. Véñoo facendo dende hai moito. Pídeme o corpo esa dose de melancolía e tristeza sonora acompañando á que me perfora polo interior. Canto máis decaído e apagado, máis me anima o réquiem de Mozart, de Faure ou de Verdi, as tonalidades en sol menor de Bach asociadas coma en outros moitos autores ao lamento, a despedida en do maior de Mahler ou a doce melancolía do Der Leiermann de Schubert. Nada me pode ofrecer maior consolo e paz que deixarme vernizar pola súplica da aria Erbarme dich, mein Gott; ese lamento suplicante de piedade, de atención ao meu corazón, aos meus ollos que choran, por piedade, meu Deus, ese recoñecemento humilde e amargo de precisar piedade, expresado por Bach coa meirande fondura que voz e violín poden trenzar, é o mellor bálsamo contra toda desesperanza. Por iso á tristeza prescríbolle música triste por máis que a moitos os desconcerte ou lles repugne, como lle pasou a María Ligia, a colombiana que me axudaba na limpeza da casa.
No día da presentación xa demostrou unha determinación que non faría máis que ir in crescendo. Despois de saudarnos, eu tiña présa e dispoñíame a marchar, cando me freou en seco: Ay, no, no, doctor, mientras yo gobierne esta casa, usted no me va a la calle con esa camisa, pues. Quítesela, por favor. Fíxome espir, pasoullo o ferro e cando ma viu posta de novo, orgullosa, convenceume de canto mellor non ía así, coa camisa sen unha engurra, as raias marcadas, coma un pincel. A nosa relación continuou por moi bo carreiro, María Ligia era rápida, organizada e moi eficaz. Pero eu notaba que mentres ela realizaba as tarefas da casa e eu lía e escoitaba música, cando pasaba ao meu carón, poñía cara de dor, de incomprensión, de pasar por un mal trago. 
Nunca me atrevín a preguntarlle se sentía algunha incomodidade debida a calquera conduta da que eu non fose consciente. Ata que unha tarde na que recibín a visita de miña nai, despois das presentacións, María Ligia non aguantou máis e aproveitou para se queixar: Pues como que me parece buena persona el doctor, doña Consuelo, pero, como decirle, pues, como que me da mucha lástima que se pase la tarde escuchando esa música de iglesia, señora, ¿non podríamos hacer algo? Yo tengo en la casa música para arreglar esas pena, me lo dice y al momento le traigo rumba y merengue y salsa para que se le mueva el ánimo... Non houbo maniera de a convencer de que a música que ela chamaba de igrexa era a que a min me movía o ánimo e agora teño a casa estrada de cds con reguetón, salsa e todo tipo de ritmos caribeños que tampouco son para desprezar e algún día utilizarei na miña dieta de música para a tristeza. Aínda que só sexa por agracemento ao regalo de María Ligia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.