martes, 24 de mayo de 2016

O GUANXI NON O É TODO

CONTA GAY Talese en Vida de un escritor, que, cando viaxara a China seguindo a unha xogadora de fútbol que fallara o penalti decisivo co que as chinesas perderán a copa do mundo fronte ao equipo de EE UU, lle soprendera a importancia que naquel país tiña contar con guanxi, é dicir, con moitos e bos contactos. Coma se a súa pausada e madurada obra non estivese en grande medida apoiada no guanxi do que el se rodeou dende que rematou a carreira na universidade de Alabama, da facilidade para conectar coas máis importantes figuras do xornalismo da segunda metade do século pasado en Nova York, da súa hablidade para buscar, entrevistar, seguir, conxeniar, calar e ser cómplice das súas fontes e dos modelos que servirían para crear ese novo xornalismo fraguado en datos tan certos coma minuciosos pero contado coa arquitectura dunha ben trazada novela. Agora Talese regresa á actualidade polo próximo libro no que conta unha historia por moito tempo agochada dun hosteleiro obsesionado con espiar a vida segreda dos seus hóspedes. Un caso realmente morboso, non polas anotacións de conduta sexual dos seus clientes, disque máis ricas que todos os estudos Kinsey e de Masters e Johnson xuntos, senón polas repercusións de tipo legal que o seu silencio puidera traer por ocultar un homicidio do que foi testigo mentres se dedicaba á súa paixón por espiar a vida allea. Mais non só agora, dende os primeiros pasos no xornalismo deportivo, o escritor fillo de xastre chegado da Calabria –se cadra por iso a persistencia na súa indumentaria de figurino impecable–, mostrou unha habilidade especial para buscar as relacións clave no seu obxectivo: escribir libros ben informados e ben tecidos que conseguisen éxito.

En grande medida, a vida son relacións. Non só Talese necesitou de moito guanxi en China para chegar ata a futbolista, súa nai, a familia e amigos, o seu contorno en definitiva, que logo debuxa non só a vida dun individuo senón tamén a dunha comunidade, un inmeso país coas súas ambicións, contradicións, frustraciós e miserias. Calquera na súa profesión, no seu vivir sabe que todo xira arredor das relacións. A boa vida, a mala, os negocios, o ocio, o saudable, o pernicioso, a prosperidade, o fracaso, todo depende da facilidade, empeño e convicción que demostres en aproveitar as relacións. E para que, claro. Richard Sennett, ese músico que alcanzou a fama como sociólogo, insiste en que o obstáculo maior para que non funcionen os ascensores sociais é a rede de relacións. Por máis que se esforce ou conte cunha intelixencia privilexiada, aquel que parte dunha posición inferior sempre padecerá duha esixencia superior debido á súa peor rede de relacións, axenda de contactos, como se prefire dicir hoxe. Existen actividades máis solitarias e dun maior peso na concentración e soidade. Pero aínda estas, se non atopan caneiro polo que empatar as augas da creación coas da transmisión, quedarán ignoradas, perdidas.

Coas redes sociais nacidas a partir da explosión de internet, as relacións e axenda están sufrindo unha transformación revolucionaria. Pero non se debería prestar a confusión. Moito do que algúns consideran rede de relacións non son tal. Só un expositor á vista do mundo e dos intereses comerciais. Unha maneira de confundir amigos con seguidores, relacións con exposición. Sen negar a porta que se abre neste novo mundo, non me cabe dúbida que as verdadeiras e frutíferas relacións seguirán conseguíndose mirando aos ollos, escoitando, compartindo menú e mantel. Sobre todo compartindo a comida. Talese é un grande amante dos restaurantes. Houbo un edificio –o número 206 Este da rúa 63 en Nova York– que o obsesionou pola continuidade no fracaso de canto restaurante alí se asentou. Fíxolle un seguimento dende que o coñeceu e non houbo cociña nin inversor que alí prosperase. Nin italianos, nin exmulleres de Trump, nin magníficos cociñeros foron capaces de resistir cun negocio mínimo. Todos acabaron por pechar. E conste que todos, absolutamente todos, arrincaban cunha rede de relacións impresionante. Pero debe ser que hai restaurantes –se cadra polo que cega a bracura dos manteis– que non resisten nin ás mellores relacións da cidade experta en realacións por antonomasia, nin escritores que perduren só gracias aos contactos. Os libros de Talese tivo que escribilos a base de moita información e horas diante da máquina de escribir. Ningúns dos amigos e coñecidos cos que socializou ceando nos mellores restaurantes o fixo por el. Porque con ser esencial contar con moito guanxi, o guanxi non o é todo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.