viernes, 27 de mayo de 2016

ADOLESCENTES DIANTE DA MORTE

A última novela de Ian McEwan  ( “La ley del menor”, Anagrama) é curta, lese de contado. Non máis de 150 páxinas nas que ten espazo suficiente para enfrontar dúas ideas ben razoadas e argumentadas, sen esquecer a pel e paixaón dos personaxes que as representan. Fiona, a protagonista, é unha xuíz brillante e respectada do Tribunal Superior de Londres. Especializada en asuntos de familia, a piques de cumprir os sesenta anos ten detrás unha vida de traballo, esforzo e rigor que  a converteron na muller sobria, organizada, temperada e prestixiosa que cumpre co seu deber social nunha sociedade estruturada, onde orde e normas fan posible que, con tódolos erros e fallas, o mundo funcione menos mal. Cuberta e protexida por papeis que esixen sentenza, lendo as argumentacións das partes, informándose e utilizando a súa sabedoría xurídica, conxuga o seu traballo intenso co gusto pola música, a vida social dentro do seu ámbito de elite e o matrimonio cun profesor universitario atlético, culto, bo compañeiro de vida. Non teñen fillos, pero si familia, irmáns e sobriños, que cobren en parte as alegrías dos nenos . O marido, algo maior ca ela, véndose no pórtico da última etapa da vida e sospeitando que lle pode pasar o sol pola porta, non quere perder a última oportunidade de vivir en plenitude a paixón, o ardor e a emoción que arrasa, e utilizando parte de lealdade e parte de egoísmo que foxe da culpa, aclara diante da esposa que está disposto a correr esa aventura cunha muller máis nova sen deixar de querela.
            Mentres a culta e laboriosa xuíza tropeza con esta confesión, estando de garda recibe unha solicitude dun hospital que desexa facer unha transfusión a un mozo de dezasete anos que, por motios relixiosos,  os pais e el mesmo se negan a aceptala. Tanto os pais como os vellos gardiáns na fe da secta á que pertence (testigos de Jehová) , presioanan, arroupan e animan ao adolescente para que se manteña firme na súa decisión esixida por Deus. A leucemia que consome ao enfermo é maligna e veloz, os médicos coinciden: se non recibe a transfusión, a morte sería o mal menor, porque o rapaz podería quedar con graves secuelas para o resto dos seus días. Aquí se plantexa o dilema: os dereitos dunha crenza, dunha decisión persoal guiada pola fe dentro dunha sociedade laica rexida pola lei que ha de atender o beneficio e dereitos básicos de todos. McEwan demostra nesta parte do libro, cando a fume de carozo se ha de escoitar ás partes, atender os argumentos dos pais, a situación persoal do enfermo, as reflexións fundadas duns e outros avogados, para que a xuiza, a soas coa súa sabedoría, criterio, responsabilidade, decida sobre a vida deste enfermo. Nunha decisión especial, a xuíz opta por achegarse ao hospital para entrevistar ao adolescente. As informacións que lle chegan sobre el coiciden: é un rapaz intelixente, maduro, seguro, responsable, bo fillo, convencido de que a súa fe é garantía de que debe entregar a vida. Non ten dúbidas. Cultiva a poesía e a música. Exprésase con claridade e mellor que a mioría dos mozos da súa idade. Escoita e responde con firmeza diante das preguntas ou presións sobre a súa decisión. O encontro deste mozo coa xuíz Fiona será determinante, traerá consencuaias. Non tanto para a xuíz, probablemente xa convencida da sentenza que ditará antes de se entrevistar co rapaz, pero si para o mozo que atopará un modelo, unha muller que lle cambiará a vida.
            A sentenza, como non podía ser doutra maneira e non adianto nada que estropee a lectura da novela, argumenta con equilibrio e claridade a necesidade de que a vida estea por riba da dignidade, e sendo escuprulosamente respectuosa coas crenzas e opcións relixiosas de cada quen, non permite que se perda a vida dun adolescente que talvez só ve o romanticismo da morte amparado no recoñecemento dunha familia e unha comunidade coercitivas e pechadas en exceso que non lle permiten descobrir outros aspectos da vida e do futuro.

Tras as consecuencias da sentenza e da visita da xuíz Fiona ao adolescente enfermo, McEwan executa un contraputo delcioso coa tensión de sentimentos entre a xuíz e o marido atraído polas últimas ansias de lume vital. Unhas doses de poderosa observación mostran a loita entre a resistencia a perder a comodidade do matrimonio como amizade, seguridade, paz, coidado, costume, cariño entre irmáns, e  a potencia que brota das entrañas esixindo un grolo máis, outro, o último anque sexa, pero un último trago da ardente, excitante e dolorosa sensación de estar plenamente vivos, de que un segue resistíndose á chamada da morte. Un paralelismo moi agudo establecido entre a morte romántica do adolescente que a ve como o recoñecemento da valentía e coherencia entre os seus, mesmo xoga coa idea de facerse un vídeo no que se inmola pola fe, sen ser consciente da dor, o aniquilamento e decadencia que supón a morte real, e o romanticismo do maduro entrando na vellez que se resiste por medio da paixón romántica á certeza da finitude, do cansazo, da aceptación de que a vida tamén é vida aínda que non queime e ferva en todo instante.  En fin, a visión romántica de dous adolescentes fronte á morte.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.