lunes, 8 de febrero de 2016

"YO TE QUIERO, ALFONSO, COÑO, TE QUIERO"

Que terá a política, Nosa Señora do Corpiño, para que persoas capaces, estudadas, de ben, educadas e cabais, acaben cometendo as máis evidentes estupideces? Non cómpre o don da adivinación para saber que alguén, xustiza de lado, é un falabarato, bardallas, falangueiro, trapalleiro, laretas e caralavada. Como se explica, entón, a debilidade coa que políticos que ata chegan á presidencia do goberno acaben tirándose aos brazos de individuos de tan mala ralea? É tal o poder de seducción destes moinantes? Dependen tanto os votos de estes galopíns? Non cadran as contas se non é coa axuda de tan pésimos feirantes?
         O que poden cambiar as asociacións xeográficas. Eu a Valencia sempre lle tiven lei. Dende pequeno que fantaseara cunha moza daquela procedencia, pasando pola admiración ás voces rotundas que de alí saíron, ata a envexa polo seu sol, o seu mar e as súas laranxas douradas, sempre que Valencia me viña á boca era coma se de dozor, vida, cáldido desexo e luz se me enchese. Tanta era a miña perferencia por aquela terra que, cando a elección infantil non permitía ir máis aló do Real Madrid ou do Barcelona – Deportivo da Coruña aparte-, a min dábaseme pola estraña defensa do Valencia C.F. de Claramunt, xogador ao que salvo algúns expertos, seguro que poucos recordan. Mais mira ti por onde, de admirar a Miguel Hernández, Blasco Ibáñez e Sorolla un pasa sen comelo nin bebelo a conectar por un automatismo non desexado a asociar a comunidade Valencia con Camps, O Bigotes, Rita Barberá e agora, para colmo, con un tal Alfonso Rus ao que só velo e escoitalo en tres detalles memorizados por Youtube a un cáelle a cara de vergonza allea.
          O alto nivel da presunta estafa e ladroízo do citado Rus nin merece comentario. De confirmarse,  non existe non mundo, por moito que se pague, sofista capaz de convencerme de que había razón para soportar tal furto nin tal personaxe. Tal grao de dependencia para o  finanzamento dos partidos de individuos así esixe sin máis dilación unha revisión  dos gonzos dos cartos dos que vive a actividade política. Do contrario, a democracia corre serios riscos. Mais deixando de lado esta evidencia na que levamos anos insistindo e parece que ninguén dá entendido na súa transcendencia, o que me sorprende é ata onde somos capaces os votantes de nos deixar levar por populismos de toda caste.  Porque nos últimos tempos énchense páxinas falando de populismo referido só a uns espabilados e desencantados mozos universarios que leron ao filósofo arxentino Ernesto Laclau, pero para populismo do bo e chocalleiro o do tal Rus.
           Resulta curioso como este fenómeno populista de trombón  e karaoke de baixa estofa adobiado con algo de paternalismo e simpatía de maldita a graza, acaban recollendo voto en cantidade. Podería ser que gozasen da habilidade para en tempo curto captar un amplo abano de votante crédulo e necesitado, tanto coma para ser comprado con fanfarronadas ou promesas de primeira necesidade, pero que sexan quen de manter fidelidade dese voto por décadas xa resulta máis malo de entender. Que alguén poda crer por máis dunha vez as promesas deste fantoche valenciano, que chega ao desprezo e ridiculización dos seus propios votantes, é análise que merece a atención de especialistas en comunicación e socioloxía política.

           Pero ao que ía: se tan claro aparece aos ollos, como todo un aspirante e logo confirmado presidente do goberno pode abrazarse a estes meigos e as súsa trapalladas? A santo de que hipotecar a honra e decencia deitándose á vista de todos con estes barallocas maliciosos? Como un brillante opositor, rexistrador da propiedade, político con experiencia, presidente que se ten por honrado e didicado ao ben da maioría , entregado a tal cometido nunca por cartos nin por ambición persoal, ofendido ata a medula se o tachan de indecente, pode caer unha, dúas, tres, e non sei cantas veces nas redes destes galopíns? Un pode enganarse elixido como tesoreiro a un tal Bárcenas, pode abanear ante a lambida figura dun titiriteiro como Camps, mesmo ceder diante da personalidade abrasadora dunha Barberá empeñada en recordarme a Golda Meir – quen lle dera ser unha estadista coma a israelí- . Pero caer na euforia de proclamar urbi et orbe que un está para o que sexa con Rus. E por se fora pouco, acolléndose a esa  carecterísta tan propia dos pícaros valencianos de manifestarse afecto sen pudor, coma se Nino Bravo os deixase inxectados polo seu “Te quiero, te queiro”... En fin, señor Rajoy, que lle creo todo, pero que se rebaixase a ese “ Yo te quiero, Alfonso, coño, te quiero” non mo vai dar explicado nunca xamais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.