lunes, 15 de febrero de 2016

POÑERSE A TIRO

INVÁDEME unha dúbida: son tan estúpidos os novos gobernantes coma se meter constantemente en camisas de once varas ou é que hai uns poderes mediáticos que nos fan ver, por pura manipulación, que non dan unha ao dereito? Refírome por novos gobernantes aos que se proclaman renovadores, cargados de ilusión e aupados polos moi fartos, que conseguiron gobernar en moitas cidades co propósito de dar outro aire á política. Se nos atemos ás primeiras planas dos diarios, a alcaldesa de Madrid, por exemplo, non dá pé con bola. Día si e día tamén, comete erros de principiante elixindo por acción de goberno asuntos delicados que trata coa superficialiadidade e inocencia de "perroflautas" dos que se rodea e aos que tanto ridiculizan os medios que máis a combaten. Que se rúas ás que lle cambian o nome de maneira boba, que se titiriteiros de mal gusto – á parte a decisión do xuíz meténdoos na cadea- , que se placas retiradas e voltas a colocar...
A información que sae constantemente nalgúns medios é tendenciosa. Elección de noticia, modo de titular, aclaracións do texto indican ás claras o sesgo ideolóxico e a inquina innegable contra estes novos gobernantes. Nunca se viu apuntar con tanta carraxe sobre gobernante algún dende o primeiro día. Iso, a pouco que se pretenda algo de obxectividade, non creo que se poda negar se analizamos diarios dixitais do estilo de Okeidiario ou Libertaddigital, por poñer dous exemplos alarmantes. Agora ben, isto admitido, non comprendo como se pode caer na trampa de entrar en asuntos que non corren présa, que se poderían atacar noutro momento e con maior información, sen incorrer en provocacións tan inútiles. Tanta présa ten Carmena por cambiar nomes de rúas? Estorba tanto un retrato do rei? Non existen actores culturais máis formados e menos rechiantes? Non eran os problemas reais dos cidadáns o motivo da súa entrega á política? Pensan, entón, que son estas as urxencias polas que agardaban os cidadáns cando os votaron? Se saben que os están apuntando coa escopeta para cazalos no máis estúpido dos fallos, dos que dan carne populista –populismo non é privativo da esquerda–, para ocultar problemas maiores, a que vén dedicarse dende o primeiro momento a decisións que non corren présa? Téñenvola xurada, Carmena, pero estades sendo torpes e caendo nas nasas das que xa non poderedes saír. Se vos poñedes a tiro...

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.