domingo, 31 de enero de 2016

SILENCIOSOS GANADORES

SE as formas son a esencia da democracia, rompelas supón unha falcatruada con independencia de quen as rompa. Durante este período político tan entretido no que os políticos están demostrando as súas habilidades no xogo das astucias, audacias ou raposadas, cada quen intenta utilizar as regras en favor dos seus intereses. Nada que estrañar. Para iso o contrapeso de que uns controlen escrupulosamente aos outros. O curioso é que os nosos ollos só se fixen naqueles quebrantos que van en concordancia cos nosos desexos, aínda que non debería sorprendernos, os estudos cognitivos apuntan a que así nos comportamos.
Incluso llo aplicamos á ciencia, pois percibimos como máis certa e metodoloxicamente mellor e máis rigorosa a aquela que satisface as nosas satisfaccións morais. Se isto ocorre coas demostracións científicas, o que non pasará derredor de aspectos ideolóxicos.
Os medios fartáronse de criticar o regreso á gardería dos parlamentarios, sobre todo de algúns moi dados a representacións teatrais, golpes de efecto e chamadas á emotividade. Pero perdidos entre gravatas, rastas, chulerías e outras interpretacións do espectáculo e as emocións, as decisións vanse tomando, cada quen aposta pola súa estratexia e o país mira apampado á espera de se hai que votar outra vez ou non. A grande decepción de todo este proceso sería que, de ter que votar, podería estenderse unha néboa de fartura que incrementase a abstención.
Mentres uns se acusan de chantaxe, outros de ilusos e todos de partidistas, a podremia da corrupción navega polo mar de Valencia con pestilente tufo, os anos pasan sen que en Andalucía se resolva nada sobre os ERE, os ordenadores do PP foron esnaquizados por Mazinguer Z e, cando os xuízos teñan sentenza, algúns xa nin se acordarán do motivo polos que eran xulgados os sospeitosos. Este parlamento necesita unha renovación. E non cambiando de vestiario, nin mandando ao galiñeiro aos populistas.
Lei electoral, parlamento, corrupción necesitan un xiro visible. E para isto convén abrir os ollos, abrilos ben: os mellor situados seguen a ser PNV e DiL, eses privilexiados silenciosos que dende a transición levan manexando ao seu antollo os fíos máis perigosos do país, para quen o fin último non atende ás necesidades da maioría. Atentos, porque eles están ao axexo e xa colleron posición.

VIXILANCIA AO XUBILADOS CREATIVOS

       Para que negalo: a min o que máis me gustaría neste momento sería ser un escritor de éxito rotundo. Iso que a maioría sabe ás claras o que é: un señor (ou señora) que escribe libros cada tres ou catro anos e vende neles coma rosquillas en sete ou oito idiomas. Fai cartos para vivir ben e paga os seus impostos sen trampa nin cartón. Gustaríame por todo, pero especialmente para regalarlle a Fátima Báñez a miña pensión por se lla quere ofrecer en limosna á Virxe do Rocío.  Pero por desgraza, nestas condicións, en España cóntanse cos dedos das mans os que se poden permitir tal valentía.
            Como calquera sabe, vivir con decoro de escribir no é aventura fácil. Require moito esforzo, dedicación intensiva e outras circunstancias que non son tan doadas de poder manexar. Por iso a maioría dos que escribimos compaxina actividades laborais que nos permiten vivir e,  en tempos libres , dedicámonos ao que nos gusta con maior ou menor fortuna. E tamén por isto son moitos os que ansían chegar á idade de xubilación para, asegurada minimamente a mantenta, contar con máis tempo para centrarse naquelo que máis os satisface. Mais miren por onde, o goberno, moi preocupado por que todos sexamos Facenda e non se escape un céntimo de euro, deu en vixilar a estes grandes defraudadores: se cobran pensión e polas súas actividades artísticas (dereitos de autor, conferencias, exposicións, colaboracións, etc. ) ganan máis de 9000 euros ao ano han de perder a pensión. Hai que optar. Que é iso de realizar actividades lucrativas unha vez que xa un se xubilou... Como é fácil de entender, quen por 12.000 euros ao ano vai perder a súa pensión?  Que hai de malo en que ese contribuínte pague pola súa actividade  sen perder o dereito adquirido ao longo da súa vida laboral? Pretenden que nos deamos a  lacazáns ao chegar aos 65 anos? Resulta realmente un problema de fraude para a facenda pública?
            Seguimos tendo que lle dar a razón a Larra. E non só polas dificultades económicas de escribir, senón tamén porque parece que un non dá saído das preguntas primeiras coas que nos martirizabamos durante a primeira xuventude: a partires de que momento é un escritor ou deixa de selo? Cando un sente os primeiros impulsos por contar historias e soña con entrar a formar parte dos contadores delas, gosta de analizar en que momento, por fín, se pode contar entre eles.  Lembro que a miña obsesión xiraba arredor da primeira publicación. En canto publique algo, pensaba, deberei consdierarme escritor. Pero todo é moito máis complexo. Publicas por primeira vez en colaboración con outros, un conto premiado, algo anecdótico, e segues crendo que aínda estás nas portas. Prolongas a espera a cando publiques de verdade ti só o teu primeiro libro. Lógralo. Pero tampouco. Porque de inmeditao che entra a dúbida se non serás dos moitos escritores truncados que se quedan nun primeiro libro do que non dan pasado. Publicas o segundo para reafirmarte e logo un terceiro, incluso levas algúns premios de sona, pero como a inseguridade é libre, segues dubidando se de verdade es o que pretendes ser. Así ata que van pasando os anos, escribes ata a xubilación sen te exceder en títulos, menos en éxitos, pero resistes a ver se de verdade, agora que contarás con liberdade e tempo, podes reafirmarte en que es aquelo que cres ser.  Chegas á xubilación e, por se non fose dabondo con atacarte un cancro para que pases máis tempo na sala de tratamento que diante do ordenador,  preséntase  Fátima Báñez para axúdache cun estímulo económico que non podes rexeitar. Como para preguntarte se non será horas de saber se xa un deixou de ser escritor...

            Creo que era Javier Marías o que dicía que ata os 57 anos non lle negaba as posibilidades de facer algo interesante a ningún escritor, a esa idade escribiu Cervantes El Quijote. Hoxe, entendo, visto o que medrou a esperanza de vida, poderíamos alongalo ata os 77, pero como a ministra siga tan ríxida empeñada en controlar as catro faragullas que por escribir recibimos, ata se podería perder algunha obra de mérito. Aínda que así non fose, permitir que un xubilado compaxine as súas rentas de capital ou outras moitas (que poden ser moi elevadas) coa pensión e por contra acurralar a artistas para que opten por xubilación, media xubilación ou prescindir dela para realizar pequenas actividades polas que pagan os seus impostos obrigados, non parece unha política apropiada a favor da cultura nin dos cidadáns que desexan ser creativos mentres viven.

lunes, 25 de enero de 2016

PÉSIMO NEGOCIO

SE está comprobado que o cerebro humano ao nacer necesita moita preparación para ser unha mente creadora e comprensiva; que necesita hábitos, información, contraste, cariño: cultura, porque gran parte da mente humana é resultado da evolución cultural, por que se empeñan en nos facer crer que todo investimento en cultura, atención social e infancia non é tal senón gasto? As palabras non son inocentes.
Sempre, pero dende a crise do 2008 máis, a intención da linguaxe referíndose aos cartos non disimula: se compramos novos materiais antidistubios, investimos en protección; as grandes empresas, por definición, investen en crear postos de traballo e riqueza; os partidos políticos, o parlamento e a realeza, necesitan orzamentos; aos bancos, para que non nos deixen caer no precipicio, hai que lles dar cartos como estímulo.
Agora ben, se un concello contrata asistentes sociais ou psicólogos, está gastando o que non se ten; se o goberno dedica cartos a crear escolas infantís, contratar profesores, mellorar a universidade, potenciar os servizos para que nenos e vellos estean ben atendidos, iso é gasto, un gasto que, por norma, haberá de agardar a que os orzamentos, estímulos e investimentos permitan gastar. Porque para gastar hai que producir e ninguén produce en atención social ou sanitaria. E, como xa se conseguiu convencer a case todo o mundo, non se pode gastar por riba das nosas posibilidades.
A este dogma só se lle consinte unha excepción: que educar serve para contar cos mellores en innovación tecnolóxica, o que si produce riqueza, pero aínda así, por aquí, mirando a curto prazo, enténdese que tampouco esa riqueza compensa diante da urxencia dos estímulos e investimentos en contentar á banca e á clase política.
Así, arrastrados polo complexo de que ao libre mercado non se lle poden poñer cancelas baixo pena de trasnoitado comunista real, avanzamos na consumación como norma que toda atención social, á vellez, á cultura e á infancia é un gasto perigoso ao que hai que manter á raia. Máis o certo é que todo o que aforramos non investindo en cultura non chega a nada para o que logo hai que gastar en Policía, cárcere e infelicidade. Confundirnos co que é investimento e gasto non trae bo negocio.

viernes, 22 de enero de 2016

UN CORREO DE SINALOA DE POUCO PELO


A última vez que viaxei a Nova York, no exhaustivo control de pasaxeiros , o encargado de revisar a miña bolsa de man empregouse a conciencia. Escudriñou cada un dos obxectos cunha calma exasperante. Especialmente tomouna co libro que levaba para ler no avión: abriuno por varias partes, detívose no marcador coa publicidade da Librería Seixas coma se contivese algunha clave oculta e, cando xa pensei que se poría a ler algún capítulo, pechouno, acomoduno dentro da bolsa, miroume cun lixeiro sorriso e preguntou: Veterinario, non? Sorprendindo ante o meu desconcerto e negativa, quedou matinando como era posible que fallase no súa ben fundada hipótese sobre a miña profesión. Eu non tardei en caer da burra: a suposición de que me dedicaba á veterinaria fundáraa no título do libro: “El poder del perro” de Don Winslow. Estaba claro que o confundiu o título e non tiña nin idea do seu contido.
            Os policías no control de entrada no aeroporto de Newark debían de saber algo máis sobre Winslow o foi pura casualidade, pero o certo é que me desviaron da fila, me mandaron a unha sala de espera e un policía desapareceu co meu pasaporte por máis de media hora. Eu ía na cola pensando en Philip Roth pola asociación entre Newark e o escritor xudeu, completamente ausente, cando ao presentar o pasaporte un policía negro me miraou fixamente durante un bo anaco e  decidiu separarme do resto de viaxeiros converténdome nun  sospeitoso. Igual lle parecín un correo disfrazado de veterinario dalgún cártel de Medellín.
            A broma foi boa. Tal como pasaban os minutos o nerviosimo foi  medrando vendo pasar policías dun lado para outro, sen ninguén me explicar nada, sen pasaporte, levándome a pensar que podía entrar nunha situación complicada  sen comelo nin bebelo. E co caros que son os avogados ... Menos mal que por fin regresou outro policía facéndome  catro preguntas vanais antes de me devolver o pasaporte e, cando xa marchaba, dicíndome: que la pase bien, demostrándome que era hispano e se me sometara ao esforzo de ter que entendelo en inglés era porque lle daba a gana.
            Acordeime disto agora que acabei de ler “El cártel”, tamén de Winslow. Unha lectura que rompeu coa miña promesa de dedicarme só aos clásicos, non convén unha rixidez tan extrema. Pero a verdade é que o acabei á forza, pois a obra, con estar moi documentada e demostar o autor que sobre o mundo do narcotráfico o sabe todo, non merece tantas páxinas nin ofrece a calidade que me gustaría. A Winslow pásalle coma a Scorsese con “El lobo de Wal Street”: aos quince minutos estamos fartos de saber que os lobos das finanzas se rebozan coma croquetas nunha lama de coca, sexo e ambición . Pois a Winslow igual: ás cen páxinas coñecemos toda a batería de armamento que utilizan traficantes e perseguidores,  a brutalidade impensable que se exhibe de maneira pornográfica en Badiraguato, Culiacán, Tijuana, Ciudad Juárez e Novo Laredo ; que os señores da droga non deixan de ser indixentes durmindo aqui e alí con vinte mansións de luxo, que lles encantan as reinas da beleza, os reloxos caros e os tipos de ostentación máis curiosos; que tratan  de controlar, mesturando paternalismo e terror,  os territorios e contactos para seguir amasando montañas de cartos; que os métodos dos traficantes e perseguidores acaban sendo os mesmos; que o nivel de corrupción alcanza tanto a Los Pinos como a Washington e que, despois de corenta anos de loita, as drogas son máis abundantes, potentes e baratas ca nunca. E, por se fose pouco, despois da crise do 2008 a única fonte de liquidez era o diñeiro xerado pola droga.

            Non lle quero restar mérito á obra de Winslow. Mostra coñecemento exacto desta guerra en México e no mundo. Nada do que están contando estes días os medios sobre o Chapo me soprende, xa o lera todo en “El Cártel”, fuga e obsesión cunha actriz e película incluídos. Pero as setecentas páxina da novela poderían reducirse á metade se o autor fose máis novelista e menos documentalista. Hai un exceso de armas, traizóns, atrocidades e personaxes que se repiten innecesariamente. O único personaxe que non parece de cartón é Marisol Cisneros, a Médico Hermosa. O resto un rosario de caricaturas sobre as que Don Winslow colga o seu indiscutible coñecemento da realidade. Dendo logo, se tivese que volver a Nova York, teño claro que non levaría esta novela na miña bolsa de viaxe. Por se agora, en vez de como a un veterinario sospeitoso, me  confunden cun correo de Sinaloa de pouco pelo.

domingo, 17 de enero de 2016

SERVIZO SOLIDARIO OBRIGATORIO

NON me move ningún ardor guerreiro. Ata librei da mili. Resultaría irrisorio que me convertese nun defensor das vellas batalliña e reclamar unha volta ao pasado de mili obrigatoria. Para nada. Pero iso non impide que vexa aspectos positivos no servizo obrigatorio á sociedade, a compartir en igualdade mozos e mozas de tódalas comunidades, de calquera extracción social, un período de axuda á sociedade que forxaría unha personalidade de visión ampla, universal, xenerosa, responsable. Vivimos nunha sociedade aganchada aos dereitos con escaso recoñecemento da imprescindible contrapartida dos deberes. Todo dereito supón un deber. Parece coma se a democracia e os valores desta convivencia viñeran dados, regalados, sen custe algún. Talvez a mocidade necesite dunha obriga que a sitúe diante dun esforzo e dunha colaboración social que lle digan da satisfacción de dar algo ao ben común.
Sei que algunhas ideas- ocorrencias máis ben- quizais pouco estudadas e precipitadas de algúns dirixentes de esquerdas están sendo ridiculizadas pola dereita sen piedade. (Lembren iso de axudar a limpar o botellón, ou dos nenos collendo cabichas polas beirarrúas). De inmediato se recorre a fracasos de experiencias socialistas para desprestixialos. A mofa dáselle ben a determinados locutores ben pagados. Pero no fondo, comezar a falar da necesidade dunha colaboración no servizo social, non debería asustar nin alporizar, nin menos levantar ameazas con futuras obxeccións de conciencia no caso de establecer un servizo solidario obrigatorio.
Que habería de negativo en que a filla do notario de Bilbao e o fillo do xornaleiro de Jaén tivesen que compartir uns meses da súa vida axudando a dependentes en Galicia? Por que chamaría a risa que o fillo do empresario catalán debese colaborar coa filla da mestra de Mérida nun centro de refuxiados en Alxeciras? Por que habería de prestarse a mofa que mozos de Albacete, Cádiz e Donostia formasen cuadrillas para vixiar e coidar os montes? É probable que un se vaia obcecando e non cotemple na súa complexidade a medida, pero por máis que o analizo, a min paréceme que un servizo solidario obrigatorio durante un tempo na vida sería de grande utilidade para a mocidade e o país.

IES LUÍS SEOANE


Non podo ser imparcial. Despois de vintecinco anos formando parte do claustro do IES Luís Seoane, estou moi contento porque o xurado decidise concederlle a este instituto periférico o premio Cidade de Pontevedra. Aínda así – sendo parcial-, intentarei xustificar por que me parece merecido o premio  e  valente a decisión do xurado.
            No curso académico de 1988 inciou a súa actividade o instituto no barrio de Monte Porreiro. Arrincando coma un desdobramento do Instiuto Politécnico, despois de tres anos de acomodo, axiña buscou a súa identidade. Consciente da súa inserción nun barrio cun baixo nivel socioeconómico, alto índice de paro e unha ampla comunidade xitana, o claustro soubo de contado adaptar os seus plans de actuación a este condicionante esencial. Durante o período no que o claustro funcionou baixo a dirección de Xosé Luís Veiga , o instituto asentou as bases do que é hoxe: un centro educativo de elite nun barrio da periferia. Por suposto, os continuadores nos equipos directivos (Xosé Pinal, Raimundo Naveira e Carlos García) dinamizaron o claustro para manter e mellorar estes cimentos, pero foi na última década do século pasado na que se asentaron con solidez as liñas polas que había guiarse a acción educativa.
            A primeria, xa insinuada, o firme compromiso co contexto sociocultural. Antes de que o trebón de leis nos invadise con distintas xergas sobre a atención á necesidade específica de apoio educativo, o clautro inciou accións de colaboración coas familias, apoios dentro e fóra da aula e organización de programas de recuperación nas materias esenciais. Iniciativas pioneiras e arriscadas que se adiantáronse a moitos decretos. A acollida, detección de dificultades, colaboración coas familias e centro de procedencia, tenacidade no combate contra o absentismo, dedicación dos titores e seguimento personalizado dos alumnos, formaron sempre parte do ADN do Luís Seoane .
            A segunda, a innovación. Pero con filtro, crítica e sen papanatismo. Nunca cegado pola submisión ideolóxica, senón bebendo do escaso zume sauable de cada reforma. Na súa rama profesional atinou dende o comezo co todo programa de conexión con Europa, incorporouse á velocidade de internet ao fenómeno do século, soubo conectar Monte Porreiro con Alemania, Francia e Polonia. Os nosos administrativos experimentaron dende o primeiro instante o que era o progama Erasmus , en que consiste un viveiro de empresa na aula ou un  traballo por proxectos realistas e en contacto coa empresa. Foi pioneiro tamén en entender que a ESO sería realidade e implantouna de maneira experimental. Enganchouse dende o inicio aos novos bacharelatos configurando unha  triple oferta educativa sólida, porque se na área administrativa é referencia na comarca e na dura tarefa de educar un colectivo da ESO multicultural e con evidentes carencias demostrou tenacidade irrompible, no mantemento do bacharelato non permitiu que os máis brillantes alumnos do barrio perdesen a oportunidade de acceder a estudos universitarios.
            E por último, unha apertura eficaz. Non de escaparate. Xa na súa presentación arquitectónica, con esa entrada tan ampla e luminosa na que se atopan unha belísima biblioteca ao fronte da cal traballa un equipo magnífico e unha salón de actos testigo de tanta actividade creativa, o centro di que está aberto á sociedade. A que veñan e a saír. Á luz. Aos colores de Luís Seoane. Teatro, actividades do barrio, formación, viaxes, conexión coa Unesco e con traballadores sociais, centro de exposición e colaboración coa arte e a cultura, o instituto realiza intercambios con Cuba, Arxentina, Europa e o resto de España, mostrando o que é unha educación pública esixente, igualitaria e libre. A nai dun alumno, entre orgullosa e eufórica,, resumía á perfección o motivo do seu agradecemento: “Se  o meu fillo non caera neste centro,  nunca conseguería o título no ciclo formativo”. Por isto atinou e foi valente o xurado ao premiar a este instituto de barrio. Porque a excelencia non só está nos brillantes alumnos que logran altos éxitos académicos – que os ten- , senón tamén cando un con serias dificultades de personalidade aproba un título de formación profesional ou unha moza xitana de vinte anos consegue o título da ESO.

            Imposible nominar á cantidade de profesionais que colaboraron neste éxito. Só quero mencionar a dous profesores que moito se aledarían desta boa nova se a morte non quixese tan cedo leválos de onda nós: Juan José López e Carme Souto. Para toda a comunidade educativa, parabéns.

sábado, 9 de enero de 2016

SETE MULLERES

NADA teñen que ver as miñas sete mulleres coas da película de J. Ford. Din algúns que menor na súa nómina de filmes xeniais, poesía pura en imaxes, pero segue a ser de Ford, e os contrastes entre os personaxes, entre a ciencia e as ideas atrasadas dunha relixión en situación límite tanto xeográfica como no contexto violento da China de 1935, fai que non esquezamos a Anne Bancroft nin a Margaret Leighton.
Pero non, nada que ver a película coa que se despediu o director amante da Irlanda dos seus pais, se non é a grande importancia que a nai imprimiu na súa filmografía á hora de tratar ás mulleres, non tan superficialmente, como se intentou facer crer, de maneira retrógrada.
Sen adentrarme en terreos psicolóxicos, admitir a importancia da nai na configuración da personalidade dos fillos parece dato obxectivo. E que tal influencia repercutirá en certa maneira no xeito en que a relación se establecerá co outro sexo, tampouco merece discusión. Por suposto que conflúen moitas outras variables no modelo de relación que de adultos estableceremos co outro sexo, a min, por exemplo, os anos de internado en Belvís, non cabe dúbida que me condicionaron.
De calquera maneira, eu acepto gustoso a miña necesidade da muller, concordo con que non é bo que o home estea só. E por iso, con máis ou menos acerto, criterio e madurez, andei detrás das mulleres sen me conformar, de aí cambios e fracasos, se cadra pola mala idea de perseguir unha muller ideal que nunca se dá na realidade. Poida porque os non ben acabados emocionalmente non é que precisemos unha muller, senón todas.
Necesitámolas tanto que nos gustaría reunilas a todas nunha, pretensión chamada ao fracaso. Por iso agora, que cando as campás tocan a morto un xa se dá conta que non é só para os demais, agradezo tanto verme rodedo de mulleres. Sete. Só entre as sete que me miman, me distraen e animan cada día.
Certo que a causa de que seis se comporten así e dunha que os deuses me regalaron talvez para compensar sorte con infortunio, pero aínda así, sete, sete son as mulleres que me rodean e non podo pedir máis. Confórmome. Con sete síntome pleno. E non, non estou nun convento.

A VOZ

NON, A MIN escoitar a Frank Sinatra non me salvou a vida coma a J.R. Moehringer, aínda que a súa voz máis desexada, por máis que escoitase a de Sinatra era a de seu pai detrás da que andaba no dial da radio. Eu souben de Sinatra cedo, pero as circunstancias non me permitiron escoitalo e aprecialo ata xa ben entrado en anos. Tería once cando oín por primeira vez falar del. Foi na clase dun profesor de música ao que apodabamos «Ceboliña» (os nenos teñen unha intelixencia maliciosa para os alcumes digno de estudo, era exactamente unha cabeza calva cunha cara mofletuda, sen pescozo ningún, sobre unha cebola cuberta por unha sotana), que tiña sensibilidade e cantaba matizando ben. Como as lección de redondas, brancas, corcheas, calderóns e silencios, e peor a lectura medindo, non resultaban de todo agradables, sempre aparecía o pícaro de aula que lle sabía sacar conversación. A «Ceboliña» entrábaselle ben polas súas preferencias musiais. Cal é o seu músico clásico preferido, don Luís, que era o seu nome? Facíase de rogar pero acababa en Brahms , na súa infancia pobre en Hamburgo, en seu pai que tocaba nas tabernas e nas súas cancións xitanas op. 103 ás que adoraba. E cando parecía que xa acababa a súa descarga admirativa por Brahms, algún, atento a que podiamos volver a ter que ler e medir, atrevíase: e dos actuais? Non dubidada: Frank Sinatra. A súa voz en extensión xusta, nunca estridene, de gravidade moderada e, sobre todo, o seu fraseo maxistral convertíao na voz do século.

Pero por aqueles anos a voz que máis me interesaba era a miña. Os nenos da época, sobre todos se non tiñan ben os pés na terra e proviñan de familia pobre, como era o caso, soñaban con ser toreiros, futbolistas ou cantantes. O toureo non me chamaba polo sangue e por caguiñas, o fútbol si, pero non tiña corpo para competir físicamente e non me quedaba outra que cantar. Si, fun cantor dende que teño os primeiros recordos e durante a infancia non o facía mal. Tiven os meus éxitos. Comparábanme con Joselito sen chegar a ter a súa voz, aínda que si caín nel en perdela moi cedo. Entre os doce ou trece anos rompeume e quedei cunha voz esgallada, inacabada, cun rexistro escaso, só capaz con pezas sen esixencia. Unha desgraza sobre todo cando sabes cantar, tes gusto, oído, sentido do ritmo e capacidade para o fraseo pero careces de instrumento co que executar. Menos mal que non só me parecín a Joselito en que se me tronzase a voz moi cedo. Lendo a meticulosa biografía de Bach de John Eliot Gardiner descubro que tamén o xenial músico de Eisenach perdeu a súa. Aos quince anos, a súa inusualmete boa voz de soprano partiu, aínda que o control da respiración aprendido habíalle de servir para a súas futuras composicións.

Claro que perder o que se di perder a voz con auténtico dolor é o que lle pasou ao amigo Mariano, aínda que, na súa desgraza, conta coa sorte de ser mimado pola súa muller Fina Casalderrey. Despois dunha operación desagradable e complicada, Mariano non pode nin cantar nin falar. O impulso natural da fala debe reprimilo para buscar unha pizarra na que escribir o que nos quere dicir. Claro que existe reeducación e volverá a dicir o que quere, pero esixirá todo o esforzo e paciencia que lle insuflrarán sen dúbida fillos e amigos.

Neste pasado ano, por ser o centenario do seu nacemento, vin moitas reportaxes sobre a vida de Sinatra e escoiteino moito. Apreciei de novo a súa facilidade para trasladar as emocións e sentimentos nese fraseo envolvido na súa voz de barítono baixo pulida polo whisky e o fume da noite. E nestas, que volvo á quimioterapia e, entre as consecuencias das substancias ben medidas que me pauta o doutor López Clemente - ao que nunca darei pago pola súa profesional atención- , aparece a de se me transformar a voz. A semana fera - teño semana de sesión dura e outra menos- , aí pola metade das cinco horas que paso enchufado, comeza a poñérseme unha voz maís grave, redonda, que me empeño en pensar que se parece á de Sianta - con algo hai que se distraer-, e que me dura ata a media tarde. Á miña moza encántalle cando saio da sesión falando grave, e regálame bicos e risos coma se a namorase máis. O malo é que pouco dura e acabo por volver a esta voz esgallada, de tenor esmouchada, coa que me teño que conformar e queira a fortuna e a atención médica que por moitos anos. E o bo é que a moza tanto me ri cunha voz como coa outra.

AGARDANDO AOS ALBANEIS

OS obreiros da construción teñen mala sona en canto a cumprir a súa palabra. Cando estaban atoados de traballo, porque non daban feito, e agora que non teñen, non se saben ben o porqué. Pero o certo é que contas que che veñan arranxar unha humidade, tes palabra de que será na semana próxima, e cando te decatas estás metido no ano de espera. Porque a facilidade que teñen estes operarios para te enguedellar sobrepasa con moito á que deberá mostrar quen queira formar goberno despois das eleccións do 20D. Entendo que solucionar problemas de humidade é asunto complexo e que esixe competencias e experiencia, pero ser capaz de enredarte ata que te dás por vencido esquecendo humidade e obreiro xa é sabedoría fóra do corrente. Todo isto vén ao caso porque a min téñenme entrampado estes albaneis por varios meses e só lle pido ao novo ano que dunha vez se dignen presentarse no piso para darme largas outra tempada, pois que o arranxen xa non o creo.
Agardo con tanta ilusión esta visita porque, despois de escoitar as explicacións dos sogros de Granados, a calquera se lle acenden as esperanzas de que a fortuna entre na casa. Xa saben: Granados, ese preso presunto corrupto ao grande, coma outros políticos descarados, amasou millóns a feixes mentres andaba de comisionista por Madrid. A cada paso vaise descubrindo que as moreas de millóns acumulados dando comenencias dende o seu posto político non son doados de contar nin de seguir. Este paxaro, ao que moito antes de corrupto xa tiña catalogado coma un cara lavada de marca maior -sobraba con velo en algún programa pontificando con displicencia e ignorancia sobre todo, sempre atacando aos adversarios coa soberbia de quen ten a carteira chea e carece de conciencia-, nunca puido disimular a súa baixa catadura. Descubertas as súas trampulladas, os seus compañeiros de faena política, coma se nada ocorrese, botáronse a un lado. Supoño que no cárcere dedicarase a conservar o froito do seu "traballo" para cando quede libre. Se cadra por iso apareceron 900.000 € nun maletín na casa dos seus sogros. Pero estes, mira por onde, xustificárono porque disque na súa casa entran moitos empregados de Ikea e fontaneiros. A ver se este ano veñen os meus albaneis e deixan unha maletiña...