martes, 8 de diciembre de 2015

APRENDENDO CON CARRACEDO

QUEN sabe, sabe, dicimos en Arzúa e supoño que tamén en Santa Comba. Que o traballo do profesor Ángel Carracedo no campo da xenética forense era recoñecido a nivel internacional seino dende hai tempo, de aí a miña admiración, pero o que non coñecía é a súa facilidade para escribir artigos xornalísticos claros, amables, lúcidos e alegres, capaces de seducir dende o primeiro ao último. Escritos sen artificio, coa humildade do que de verdade sabe, coa universalidade de quen ten o mundo por casa sen deixar de apreciar as súas raíces, demostran, como brillante científico que é, gran poder de observación, curiosidade e síntese.
Durante os últimos meses, un xornal galego recolleu os artigos que o profesor fora metendo nun peto para lle ensinar á súa nai ao contactar con outras culturas na súa peregrinaxe científica polo planeta. E así puidemos rir gardando silencio coma suecos, facendo cola coma alemáns, utilizando retranca no mundo árabe, aparcando como os italianos ou bailando coma colombianos.
Miña nai comezaba o xornal polo revés por saber o que contaría ese catedrático que tanto viaxa, xa ten que ser bo para que o chamen de tantos lados. Pero tamén sei de curtidos columnistas entusiasmados polo seu modo de enganchar ao lector. A min, xa dixen, encantoume a humildade de quen, por ter auténtica sabedoría, non precisa de imposturas nin alardes, mostrando a vida co relativismo e humor propios de quen goza co traballo que realiza.
O que máis lle envexo é que conte con amigos en cada cidade do mundo. E o que máis me consolou foi que tamén el (o contrario xa sería rabiar coa envexa) se sentise acovardado diante dos meneos das colombianas cando soa un vallenato, cumbia ou bachata. Prometeu na súa despedida que escribirá para outro peto entre viaxe e viaxe, e esta vez en galego.
Ha ter mérito: que escriba con idéntica alegría na súa outra lingua valerá máis que mil liturxias oficiadas por políticos que soan a falsidade. Porque aí si queda plasmada a esencia de facer pé en Santa Comba para ser científico no mundo, pois en eso consiste o orgullo de ser de onde se é: amar o propio para ser universais. Agardamos eses artigos, profesor, con vostede sempre se aprende.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.