domingo, 1 de noviembre de 2015

SÓ DIANTE DO PERIGO

        Parece que Blair pide unha miga de perdón coa boca pequena pola decisión de intervir na desfeita evidente de Irak. Non é que me convenza nin conmova a súa contrición. Sospeito que son declaracións de político hábil e curtido que non se corta á hora de pulir, matizar ou negar calquera dito ou feito. Algo habitual entre os da súa profesión, polo menos os que non elevan a súa rixidez a extremos de afirmación coma contrapeso de debilidade, o que podería ser o caso de do expresidente Aznar, empeñado en manter contra vento e marea que cando un amigo te chama hai que apoialo pase o que pase. Mais non é a falta de contrición por aquela decisión nefasta o que me ocupa daquela época do goberno do marido de Ana Botella, senón un erro que, trasladado á situación política actual, podería servir de ensinanza.
         Por se a decisión de apoiar a Bush non fose suficientemente discutida e contestada, naquel final de ciclo do presidente de FAES produciuse outro erro de magnitude incalculable: o modo de actuar no atentado do 11 de marzo do 2004. A cerrazón, o interese partidario ou a ignorancia - calquera deles malos conselleiros- encarreiraron as súas decisións pola peor das corredoiras: non reunir ás forzas políticas máis significativas e conseguir uns acordos mínimos de actuación.  Por iso perdeu as eleccións – o mal menor- e, sobre todo, meteu ao país nunha confusión e desconfianza que  tardou en apagarse. 
         Rajoy, a pesar de padecer o desprezo manifesto do  seu mentor, parece que o está seguindo na estratexia en canto ao problema político de maior envergadura que deixa a punto de estar no final da lexislatura. Coma se non estivese suficientemente avisado, coma se non levasen as campás tocando a lume dende hai anos, primeiro insiste en que el é moi tranquilo, pausado e prudente – porque iso é bo en política, coma en todas as cousas da vida- e nega o incendio. Cando lle chega o fume aos fociños admite que ten un problema moi grave. E cando está a punto de estalar todo polo aire, acepta comer co representante socialista e chama por teléfono – ou acepta a chamada, no estou seguro quen se dirixe a quen- a un tal Rivera, mozo sen experiencia, verde, pensa, ao que con condescendencia supoño daría largas. Descoñezo se é tamén neste caso por cerrazón, interese partidario ou ignorancia, pero a falta de decisión e reflexos que está mostrando pode resultar moito máis cara que aquela cazurra obstinación por parte de Aznar ante a catástrofe do atentado.
         Non creo que faga falla insistir no que levo anos dicindo: a burguesía catalá – como a vasca- (si, tamén hai outros sectores sociais entusiasmados coa independencia, pero se os cartos gordos, os corruptos e os ilustrados non apoiasen a xogada todo sería distinto) non vai de farol. Está completamente decidida e non pensa retroceder. Diante dun desafío así, que un presidente do goberno non tome a iniciativa de reunir aos partidos con peso determinante do país para trazar unha actuación conxunta paréceme suicida. Se a grave crise económica padecida non mereceu un acordo entre algúns partidos responsables e tampouco agora se ven trazas diante da desfeita que está á vista, ¿que ha de pasar neste país para que os políticos, esquecendo siglas e intereses electorais, acorden algo sensato e con miras de futuro para o ben da colectividade?
         Creo que foi Javier Marías quen dixo que “hay una especie de pulsión autodestructiva (en este país) que asoma la oreja de nuevo”. A min tamén mo parece. E oxalá nos equivoquemos os dous. Non se trata de alarmismos, pero a imparable marcha que tomará o parlamento catalán, trufado de partidos de dereitas corrompidos ata a medula, independentistas convictos dende a orixe e revolucionarios coa alegría impaciente propia do furor xuvenil,  non presaxian tempos apracibles. Ata o de agora, o “conflito” como aos independentistas lles gusta chamar, acostumaba a resolverse reformando o modelo de Estado con inevitables custes económicos para o resto das comunidades autónomas. Agora xa nin eles queren nin, de querer, creo que o resto das comunidades estivesen dispostas, salvo engano traidor dos partidos maioritarios, a aceptalo. Así pois, algo novo por forza haberá de negociarse entre os partidos con peso, salvo que aceptemos que a iniciativa continuará do lado dos que se queren ir polo seus métodos arbitrarios e caprichosos. Sen dúbida son os principais responsables desta situación os que a veñen propiciando dende hai anos. Pero isto non desculpa a falta de decisión do presidente para reunir a cantos máis partidos mellor para establecer un plan conxunto. Porque se en algo acertou Rajoy é que  non estamos diante dun problema dun partido nin dun  presidente, senón de tódolos españois e, cando é así, cantos máis partidos se unan, mellor.  Nesete caso, quedar só diante do perigo non é ningunha valentía.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.