domingo, 4 de octubre de 2015

TSIPRAS PARTÍNDOSE DE RISA

A un moi amigo meu nunca o daba seducido o estilo de vida dos alemáns. Recoñecía a súa capacidade de orde e traballo, a súa conduta organizada e ben programada, e tamén lle gustaba a cervexa ben fría con salchicha, pero non acababa de aceptalos. Resentimento talvez de emigrado que pelexa durante noites e anos co idioma, co rigor da lei, coa disciplina laboral, con esforzarse para se facer aceptar dentro dun grupo que o consideraba inferior pola súa procedencia, polo seu físico, pola súa carencia de capacitación profesional e pola súa lingua.
Con todo, nunca deixou de me aconsellar que en cuestión de automóbil, nada coma os que fabricaban os alemáns. O peor dos fabricados en terras xermánicas superaba ao mellor de calquera outra industria. Había que estar cegos, sentenciaba, para non distinguir a fiabilidade, seguranza, confort, durabilidade e fortaleza dun coche alemán fronte aos cascarillas da competencia. Admitía coas orellas agachadas que unha cousa consistía en non lles ter moita lei e outra en recoñecer que facendo coches e mantendo a súa palabra eran únicos. O meu amigo xa non vive. Non dou imaxinado como reaccionaría diante da xigantesca trampa da Volkswagen. Un fallo, ademais, non por neglixencia senón por dolo, algo que engadiría máis irritación no seu desgastado ánimo obrigado a admitirlles méritos a contragusto.
Que os custes pola falcatruada da compañía anden arredor dos 40.000 millóns de euros segundo algunhas previsións son perdas de calafrío. Ata o punto de que a empresa pode andar no gume da navalla da súa quebra, iso aínda contando coa solvencia e liquidez que corren polas veas de Alemaña. Algo que co paso dos días non parece tan improbable. Non quixera pensar que vai ser tamén aquí o diñeiro público o que salve unha vez máis as aventuras astronomicamente pagadas dos xenios xestores do libre mercado. Pero o Land de Baixa Saxonia é propietario do 20% do capital e xa ninguén se asusta de que puidese verse obrigado ao rescate con diñeiro público, pois sería malo de entender que non se colaborase no reflote dunha empresa de tal tamaño e significación. Non sería o primeiro caso. A General Motors estivo a piques de ir á quebra e tivo que ser o contribuínte dos EE.UU. quen acudise ao rescate. Volkswagen é un motor tan potente para Alemaña que sería curioso ver a Merkel xustificando a necesidade de rescatar aos tramposos. Algo que partiría de risa a Tsipras e ao meu amigo, que en paz estea.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.