lunes, 12 de octubre de 2015

O BEN QUE LLE VAI AOS MALVADOS

SALVADA a presunción de inocencia, fundamento deste pésimo mellor sistema de organizarnos que coñecemos, hai personaxes que producen unha enorme tristeza e rabia. Non tanto pola fría planificación dos delitos fiscais, branqueo e comisións ilegais cometidos, así coma da repugnante textura moral que coma pus van deitando na súa conduta, senón porque se intúe que, despois duns días de ser primeira noticia, de ter que fuxir escapando dos xulgados e de recibir o inofensivo insulto dunha ducia de cidadáns irritados, seguirán coas vantaxes das súas contas en Suíza, cos seus bens no estranxeiro de orixe familiar a salvo e cos seus roubos impunes, saltando por riba de trampas, interventores, leis e xuíces. Unha película mil veces vista de reis do mambo, meigos da economía pública e privada, que dominan os túneles máis sinuosos e agochados para escapar con apenas uns riscos leves na pel curtida en mil embustes. Son personaxes reflexo exacto dunha sociedade que disimula canto pode unha guerra de clases de arriba-abaixo, na que os que pertencen ao 1 % selecto, tecen a conveniencia, previa contratación de mercenarios que nos fan crer que se esforzan polas clases medias ou polo ben común, un plan de enriquecemento groseiro e insaciable dos seus intereses.
Son eses tipos que perden a vergonza e o remordemento no exercicio da súa "actividade" coa alegría de saber que contarán con "intelectuais" que aplaudirán as súas bastas xustificacións realistas de superioridade. Os que, fartos de luxos e caprichos, optan por matar leóns en terras exóticas por puro mal leite e petulancia; os que presumen de coñecer o prezo de toda persoa e alardean dos inimigos comprados e humillados; os que gastan cinismo coma tarxetas de crédito das entidades públicas ás que funden; os que elixen aos xuíces que os han xulgar e a continuación confesan con raposa beatitude fe na xustiza; os mesmos que sen rubor nos dan a entender que todos fariamos exactamente igual, que se non actuamos coma eles é porque non tivemos a oportunidade. Poida que si. Pero admitirán que causan moita tristeza e rabia. E non tanto porque, como dixo Víctor Hugo, os malvados vivan coa estraña lixeireza de crer que todo lles sairá ben, senón pola resignación á que nos imos afacendo silenciosamente de que así deberá seguir sendo, porque se non fose así -non lles fose ben aos malvados-, a nós iríanos aínda moito peor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.