sábado, 24 de octubre de 2015

MOI INFORMADOS OU MOI CONFUNDIDOS?

               Lamenta Safranski que non quede hoxe en Alemaña un programa na ZDF coma “Cuarteto filosófico”, aquel que dirixira durante dez anos con Sloterdijk. Eu lamento moito máis que xa non acorde algo similar en ningunha televisión pública española. Dende os tempos de José Luís Balbín (e mira que choveu), non callou experiencia algunha na que o diálogo intelixente acollese os problemas de maior relevancia sobre os que imperase a reflexión e non o titular fácil, a agresividade partidaria ou a desvergonza interesada. Estraña que nin televisións públicas nin privadas fagan un esforzo por compensar o exceso de espectáculo morboso co que parece mellor se nos distrae.
         Nos últimos tempos alcanzou éxito – que xa está aburrindo- o programa de debate-combate  político no que algúns fixeron carreira. Programas nos que os distintos partidos envían aos seus mellores espadas – afiados de lingua, agresivos, túzaros e se ben parecidos mellor- para tourear coas noticias políticas máis frescas. Non negarei a esta aposta de programación unha certa utilidade, nas ganas por aniquilar aos contrarios cóanse denuncias que non estorban, pero a mecánica dos mesmos bebe no modelo simplista dos sálvame con luxo ou sen el. Pouco aportan estas propostas á reflexión pausada e aberta, non dogmática, máis interesada por entender que por vencer.
         Ante as próximas eleccións andan xa os líderes e os medios quentando a posibilidade de distintos debates espectáculo. Entre dous, entre tres, entre catro? Cada líder, xunto cos seus asesores, estudan minuciosamente as vantaxes dunha opción ou outra. Parece lóxico que moito mellor resultaría unha exposición e contraste entre todos aqueles que contan con posibilidades de ter unha importante representación parlamentaria. Que á cidadanía lle interesa ver e escoitar as distintas ofertas quedou demostrado na ben recibida proposta de Évole sentando nun bar a Rivera e Iglesias, os dous emerxentes que mellor aproveitaron os programas de debate político nas televisións. Estes, hábiles coa palabra, non temen contrastar as súas propostas cos outros dous líderes dos partidos asentados. É de esperar que Sánchez tampouco rexeite o reto e veremos que decide a raposa táctica política de Rajoy. Poida que os seus asesores non lle recomenden ir ao bar do Cuco, pero non estaría eu tan seguro de que a opinión pública non castigue a quen non acepte confrontar programas. De aquí a decembro verase por onde van as estratexias.
         Mais deixando de lado o espectáculo televisivo do debate en tempo electoral, a necesidade que me ocupa é a dun programa estable, serio e atractivo – a calidade non esixe aburrimento- no que prime o rigor científico e académico sobre o curto prazo da pelexa política. Un lugar no que os especialistas se sentan con tempo suficiente e contrincantes adecuados intentando aclarar os aspectos máis complexos da realidade. Eses que non se poden despachar con simplezas, altruísmo ou demagoxia. A situación dos refuxiados non se pode liquidar en tres frases bonitas ou a base de boa vontade. Aclarar sobre se subir impostos, cales, como e cando, esixe contrastar datos, experiencias históricas, rachar prexuízos, dubidar sobre dogmas establecidos. Analizar a grande transformación que a rede supuxo ao nos ter a todos comunicados ofrece tantas vertentes, abre tantas posibilidades e agocha tantos perigos, que bo é sentar arredor dunha mesa a persoas entendidas, estudosas e con criterios para escoitalos e dubidar, pensar, aprender. A pesar de tódalas transformacións na comunicación, aínda non creo que debamos dar por morta a reflexión á que nos poden conducir os que máis reflexionan, os que estudan e pensan, porque, fundamentalmente por tanta información horizontal, seguimos precisando das voces que alcanzaron xerarquía polo esforzo e a dedicación ao saber. 
         Neste tempo no que corre a canadas a información alodada, cómpren espazos aos que acudir onde se filtre e purifique a auga limpa do lixo. E para iso segue sendo imprescindible a voz dos filósofos, dos científicos, dos literatos, dos pensadores que expoñan coa maior obxectividade o froito dos seus avances, das súas reflexións, e, como non, das propias dúbidas, porque moito está por saber, por clarificar. Agora, cando todos temos ao alcance da man abundancia de datos, opinións e ofertas, é cando máis cómpre un ámbito de reflexión e clarificación do que está contrastado ou é badoca e interesada manipulación, charlatanería e boba trapallada que nos aloula. Javier Marías contestou non hai moito nunha entrevista que internet organizou por primeira vez a imbecilidade. Non sei se tanto, pero que sen dúbida este desborde de información necesita voces xerárquicas que a canalicen, seguro. Porque do contrario estamos a piques de conformarnos pensando que sabemos algo de todo e case non sabemos de nada, crernos críticos e aleutos cando vivimos completamente enganados e manipulados. A información bruta sen exercicio de asimilación e sen xerarquía intelectual que nos guíe pode converterse nun magma que nos aplana na simpleza da confusión ou o engano.   

         

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.