lunes, 21 de septiembre de 2015

FOGAR, DOCE BAR

A J.R. MOEHRINGER, neno coleccionista de obsesións coma outros de cromos de béisbol, escapoulle seu pai moi novo e perdeuse sintonizando na radio a ver se atopaba a súa Voz, pero a que o acompañou foi a de Frank Sinatra, o pai era experto en escapadas. Certo que se fixo home intentando protexer a unha nai cansada incapaz de renderse. Mais, para aprender a selo, non abondando o cociente de mulleres e alcohol como ditame valorativo, viuse na necesidade de, para construír o seu nome, acollerse nun bar transformado pola súa pluma nun doce fogar.
Porque se o que nos define é o que nos acolle, non lle podemos baixar o volume á verdade negando que algún fogar precisamos, pois as historias de verdade, coma a Ilíada e a Odisea, esas que lle gustan a Deus –para iso fixo Deus aos escritores–, tratan da saudade do fogar.
O libro no que nos conta todo isto o premio Pulitzer titúlase O bar das grandes esperanzas e goza dun éxito rotundo de crítica e de vendas. E meréceo, non tanto porque posúa J.R. un talento inconmensurable como di del Alessandro Baricco na portada (inconmensurable soa máis a publicidade que a valoración con mesura), senón polo estilo preciso e pulcro, mesturando fondura e humor, dotado desa facilidade que só o ben pulido proporciona, e un ritmo enredador de gran reporteiro.
A transformación do neno e mozo á deriva, habitando na casa dun avó roña en amor por medo a quedar sen el, vai de caída en caída con capacidade para erguese a forza de aprender que renderse é sempre un erro. Arrincando da inexperiencia, impaciencia, perfeccionismo, confusión e medo, moito medo ("O medo vai ser a gran cuestión da túa vida. O medo será o combustible de todos os teus éxitos, e a raíz dos teus fracasos"), aprende de Rilke que son as cousas difíciles as que nos son encomendadas e que é no xornalismo onde pode atopar a combinación exacta de responsabilidade e rebeldía. Superado o pánico (en Yale e no Times) e aceptando que se necesitan moitos homes para crear un home novo, escolle como catalizador da historia da súa conformación o bar onde se refuxiaba. Un bar no que rebole a vida dos homes, o béisbol, as apostas, os cabalos, o alcohol, o boxeo (magnífica a descrición dun combate), pero sobre todo de modelos masculinos que lle serven ao autor para, a un tempo que se conta, escanear o estilo de vida en EE.UU. Un bar, que na súa pluma, pasa a ser un doce fogar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.