martes, 8 de septiembre de 2015

A PREGUIZA ALIADA DO ESFORZO

          Lembro que unha vez, despois de varias entrevistas cun adolescente con dificultades nos estudos, canso xa o rapaz – e eu tamén- de dar voltas a un diálogo aburrido e sen avances visibles, mirou avergonzado para o chan, armouse de sinceridade e lamentou en alto: Se houbese algo contra a vagancia... Naquel momento pensei que se referiría a algún fármaco milagreiro e contesteille rotundo, despois dun longo silencio, que non, que ningún remedio coñecía para vencer a preguiza. Tal vez non debera resignarme tan rápido. Droga non coñezo ningunha que ataque de raíz a preguiza, pero existen outras formas de enfocar o problema. É probable que xa contase a anécdota noutras ocasións, un pode caer nestas repeticións, espero que disimulen.
            As últimas investigacións no funcionamento do cerebro coinciden en que  o seu natural é a vagancia. Que tendemos ás solucións máis doadas, aquelas máis inmediatas e que ofrecen menos complexidade. Daniel Kahneman estudou ben estes procesos e conclúe que unha lei xeral do mínimo esforzo rexe nas actividades tanto cognitivas como físicas. A lei establece que se hai varias formas de lograr un mesmo obxectivo, o individuo gravitará finalmente cara a pauta de acción menos esixente. Así, por exemplo, cando nos vemos diante dunha situación difícil a nivel de razoamento, a miúdo respondemos a outra máis fácil, polo xeral sen advertir tal substitución. A preguiza está profundamente arraigada na nosa natureza. Na economía da acción, o esforzo é un custo, e a adquisición de habilidades vén determinada polo balance de custos e beneficios. Tódalas variantes do esforzo voluntario- cognitivo, emocional ou físico- fan uso de un fondo compartido de enerxía mental. E o ego esgótase. Por iso a xente (os propios científicos con bastante frecuencia tamén) busca datos que poidan ser compatibles coas crenzas que actualmente teñen. E por iso toda acción que require esforzo, se non está ben adestrada ou domada, tende, tanto metal como fisicamente, á solución máis fácil, á máis enganosa, á de menos razoamento, aquela que está máis achegada ao agrado que ao desagrado, ao simple que ao complexo. E isto é tan medible como que as nosas pupilas, ao igual que o contador da luz das nosas casas, son un indicador do estado da nosa enerxía mental, e din polo claro o que nos custa esforzarnos.
            Coñecedor desta lei, de que somos vagos, de que o noso cerebro tende a economizar enerxía, o investigador xudeu Uri Gneezy propón que entre o deber e a preguiza custa menos obedecer que decidir. Pensa que negociar con nós mesmos diante dun esforzo non é boa medida. Acabamos sempre atopando escusas máis ou menos cribles, pero escusas que retardan ou paralizan o que o esforzo esixe. Para lograr que a preguiza se converta en aliada do esforzo, o camiño será o da orde que obriga, que se impón. Das ordes incómodas primeiras pasamos aos costumes e ás leis, ás rutinas que se nos fan máis cómodas que calquera deliberación. Se cada vez que nos atopamos diante dun esforzo nos paralizamos na reflexión sobre a conveniencia, beneficios e agrado da súa execución, o máis probable é que desistamos, que acabemos por non facelo. O cerebro é experto en escusas para a vagancia. O práctico será ordenar con firmeza: si ou si. Inicialmente poden ser necesarios incentivos diante das primeiras ordes, pero unha vez convertidas en lei, os incentivos resultan innecesarios, o incumprimento da rutina fai que nos sintamos mal. Habituarnos a obedecer para esforzarnos, compensa.

            Se houbese algo contra a vagancia..., dicía o adolescente compunxido, impotente. Hai. Hábitos temperáns. Ordes, incentivos, costume, lei. Repetición. Repetir nos anos primeiros aquelas condutas desexables, convertelas en hábito para que sexan rutina, nada que esixa razoamento nin deliberación para o seu cumprimento. Nos primeiros anos créanse os hábitos básicos que dan as armas para se planificar, propor obxectivos e contar con medios para alcanzalos. Un erro educativo frecuente, tanto no medio familiar coma na escola,  soe pivotar arredor da enorme cantidade de obxectivos, plans, metas, proxectos que se lle propoñen ao aprendiz, ao neno, ao estudante, sen caer na conta de que o primeiro, o imprescindible e básico está en adquirir hábitos. O deportista, o músico virtuoso, o científico curioso e laborioso, o artesán meticuloso e que aprecia o traballo preciso, non se fan só – tamén- por soñar con grandes metas, obxectivos magníficos. Conségueno fundamentalmente pola cristalización de automatismos e sistemas de respostas que lles dan a fortuna de ter a preguiza aliada do esforzo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.