domingo, 16 de agosto de 2015

QUEN MENOS MEDO META

              Antes de se disciplinar polo paseo da pedra e da auga, tal e como nolo presentan esas escasas fotos nas que o deixan ver con xesto de velocidade e esforzo controlado, Rajoy xa o sabía. Tal vez os seus asesores caeran na conta e planificaron con todo detalle a estratexia: os contrincantes das próximas eleccións teñen que dar medo, moito medo, quen máis medo dá, perde. E aí temos ao presidente máis temperado, o que mellor deixa amolecer os problemas no seu propio caldo,  explicando con meridiana claridade que fóra del non hai salvación. O seu proxecto non marabillará, non activará exultantes cánticos de alegría e optimismo, pero sen el todo irá a peor. Velaí a lección a repetir nos próximos meses e que os demais partidos deberán contrarrestar se non queren verse desbordados por un ciclista nada explosivo, lento, ao seu ritmo, pero nunca tentado a baixarse da bicicleta.
            Se algunha verdade parece incontestable é a de que a repetición acaba por ser efectiva, con independencia do grao de verdade do que se repita. A experiencia así llo demostra ao partido no goberno e por iso non abandona. Certo que non pode ser completamente falso o que se di, que algún elemento de engado ha de haber no que se propaga, pero aceptado un fío do que tirar, o caso é repetir con descaro a verdade a medias, acabará calando na opinión pública. Así está sucedendo coa melloría económica, principio fundacional do discurso sobre o que se sustentará a campaña dos populares. Pouco importa que se estea acabando coa caixa para os apuros da seguridade social, que cada vez os parados reciban menos prestacións, que ao tempo que medran as exportacións tamén o fagan as importacións, que as desigualdades crezas de maneira escandalosa, que os ricos non paguen impostos, que a clase media estea sendo duramente castigada, que a pobreza extrema se eleve de maneira inadmisible, que os mozos continúen nun nivel de paro alarmante, que o emprego que se crea sexa de calidade pésima e salarios miserentos ou que o futuro da débeda pública e a o mantemento das pensións lles poñan os pelos de punta aos economistas. Está repetido por activa e pasiva que a situación económica entrou na boa vía e non queda outra que admitilo. Os detalles non interesan. O que conta é o enunciado groso, en bruto: melloramos, estamos no bo camiño, a recuperación chegou para quedar.
            Asentado este principio, o razoamento posterior vén ditado polo sentido común: se non queren paralizar o que vai na boa senda, frear este ritmo que comeza a coller velocidade, non enreden, non xoguen con lume. Aí está Greza. Aí teñen aventureiros inconscientes, atrevidos e puerís que proban a meigos sen coñecer de que pasta está feita a política. Dar un paso cara adiante custa suor e bágoas. Retroceder ao abismo non custa nada, só un voto de rabia, irracional, rancoroso. Sexamos sensatos. Aceptemos a realidade. Ninguén pode ofrecer máis. Somos imperfectos, din desde as cabezas pensantes do partido que aspira a seguir mandando, claro que andamos en corrupción e pecamos, quen non, pero ninguén coma nós sabe tratar con estes  avezados gobernantes que dominan  Europa, ninguén entende mellor aos que realmente controlan a agulla de marear: os donos dos cartos. Sigan confiando en nós. O traballo será ruín, os servizos públicos iranse deteriorando, con certeza torceremos cara unha actividade privada con máis peso na sanidade e nas pensións, pero... prefiren que nos chantaxeen, que nos poñan contra as cordas, que non nos financien, que nos pasen polo nariz de novo que vivimos coma lacazáns por riba das nosas posibilidades e nos poñan en tres semanas aos pés dos cabalos, perdón, dos mercados?

            O medo é libre. Exemplos para nos mirar temos de sobra. A táctica do goberno non se agocha: intentarán por tódolos medios facernos saber que son os únicos que non dan medo; nós veremos se estamos tan tolos como para optar por partidos que serían un perigo evidente. Fóra deles, todo é medo. Con eles, alegrías escasas, pero polo menos sabemos que gozaremos do malo coñecido. As votacións gánanse na medida en que se convence ao votante de centro. O votante de centro é aquel que foxe do medo que paraliza, o que nos obriga a recapacitar e votar con sentidiño. Por iso os ciclistas non explosivos buscan adestradores conservadores. Aqueles que se aplican en descubrir onde están os  medos dos votantes de centro e intentan por tódolos medios facerlles ver que só na súa opción se poden aplacar. Os corredores que compiten con Rajoy, a pesar de non ser o actual presidente ciclista que ilusione nin de vistoso estilo, téñeno complicado: deberán demostrar que non se esnafran contra o chan co primeiro acordeón ou con vento lateral, proba suficientemente superada polo paseante da ruta da pedra e da auga. Nas próximas eleccións non ganará quen máis ilusione – as ilusións andan á baixa-  senón o que menos medo meta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.