lunes, 24 de agosto de 2015

OCULTO DELEITE, COMPAIXÓN FATIGADA

           As noticias do verán non puideron ser máis truculentas. A falta de carne fresca para o pucheiro da corrupción – o do ministro do interior recibindo a Rato non deixa de ser un enredo infantil na galería esperpéntica das falcatruadas aceptadas como naturais-, case cada día espertamos con sucesos horripilantes. Seguro que non existe a máis mínima causa efecto entre verán, descanso de moitos, tempo de ocio e lecer e o incremento de actos que producen tanto arrepío, pero a coincidencia entre tanto contraste lévame ao síndrome de Lucrecio, ese polo que todos de algunha maneira  dicimos entre dentes e o máis baixo que sabemos: menos mal que isto lle ocorre aos demais, a outros, non a min, como tranquilizándonos sabendo que non somos nós os que padecemos delirio, machismo, agresividade descontrolada, arroutadas temerarias, un accidente mortal ou a desgraza de ter que cruzar o mar a nado para escapar da miseria ou da barbarie. Cómpre recoñecer, como di Javier Moscoso, que todos experimentamos un certo deleite nas desgrazas dos demais e  que nos gusta exercer de xuíces. Pásanos coma unha veciña que, non sendo moi de misa nos seus anos de moza e adulta, coa vellez profunda virou nunha afeccionada incansable á asistencia a canto enterro e cabodano  coñecía arredor da parroquia. Despois de lamentar a perda do finado ou finada e aclarar sorprendida que pola idade non fora o deceso – con independencia de que cumprise xa os 95 ou 97-, vestía as roupas adecuadas para o acto e acudía a el coa satisfacción íntima de ir ela quedando atrás de todos. No que toca a exercer de xuíces, sabida é o gozosa que nos resulta a charla de café sentenciado con contundencia o que conviría facerlle aos asasinos de mulleres, aos irresponsables que corren diante de touros, aos mozos que se esnafran co coche de madrugada despois de andar de esmorga e a solución drástica que cada quen coñece para acabar dun golpe coa marea de inmigrantes que se achegan ás costas do sur de Europa. Desde fóra, na tranquilidade que dá verse a distancia da desgraza, a todos se nos ocorren receitas máxicas, todos sentimos un calado alivio por non padecer  de cheo por eses males.
            Pero a maiores do deleite oculto, tamén tales sucesos nos levan á compaixón. Gústanos vernos por un anaco coma persoas compasivas, capaces de nos poñer no lugar dos pais que perden unha filla asasinada, dos que han de xogarse a vida toda por vivir dignamente. Vernos doídos de verdade, rabiosamente irados, desconsolados, fainos máis humanos e tamén serve para nos tranquilizar. Emocionarnos de maneira vicaria é un modo de nos defender do deleite oculto. Non digo que non sintamos rabia e compaixón e simpatía polos que sofren, pero si que nos resulta unha compaixón beneficiosa, rendible psicoloxicamente. Serenámonos na paz de sabernos bos e tenros de corazón, capaces aínda de entender o sufrimento dos demais. O que acontece é que, como nos dixera Sennet, a compaixón deste tipo padece de fatiga, cansa axiña, resiste pouco. Así como imos dunha alarma noutra, dunha indignación a un desconcerto, como  nos veñen ás bágoas aos ollos ou un frío nos remove o aro do lombo, de contado regresamos á rutina e inconsciencia diaria, a vida segue, cada un ha de regresar ao seu. Por máis que as noticias tráxicas se amoreen, a compaixón non medra nin promove actitudes para a solución, ao contrario: fatígase e esquece, e dá de baixa aquela tensión que incitaba a buscar algún xeito de acabar co que produce o mal. Afacémonos á noticia cruel por inercia e acabamos por abandonarnos nun lamento tan consolador como ineficaz que pouco aporta. Unímonos incluso en manifestacións cívicas de rexeite e protesta cargadas de fervor indignado, pero tamén elas se fatigan e acabamos por esquecer e regresar á inconsciencia previa ao disparo de pena que nos causan actos tan repugnantes, atroces ou inexplicables.

            É asunto moi discutido o papel que os medios de comunicación deben adoptar diante de noticias tan tristes. Abrir cada día o telexornal ou titular na primeira dun diario coa macabra e desconcertante acción dun pai que serra as fillas en anacos ou o da nai delirante que afoga ao seu bebé non pode carecer de repercusións. Que sirva para concienciar, contaxiar ou fatigar á opinión pública dependerá de variables múltiples: o nivel de sensacionalismo co que se presente, a utilización do morbo, o nivel de crítica do receptor, a forma instrutiva ou a insistencia banal coa que se manexe a información. Non sei se pode causar efecto chamada escoitar e ver aos inmigrantes arriscando a vida a nado por un vivir mellor, se narrar con detalle o asasinato de mulleres pode contaxiar a algún desalmado ou se destacar como primicia a fría violencia dun esquizofrénico  acaba por rebentar os controis que atan a outros enfermos,  pero si parece claro que tocan o oculto deleite de nos crer a salvo por ver o mal a distancia e nos confortan na tranquilizante compaixón que se vai fatigando. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.