viernes, 31 de julio de 2015

ESPAZOS MORTOS DE RISA

            Non sei se será exacto o que di Roberto Centeno, que España contén dentro de si varias Grezas e que acabará estoupando, pero vendo a cantidade de espazos mortos de risa que só parecen servir para os paxaros se cadra non anda tan equivocado. Durante a época na que se pensaba que progreso cultural era inaugurar auditorios, piscinas, polideportivos, bibliotecas e institutos de ensino medio en cada concello onde os votantes se poñían de uñas, políticos, arquitectos e construtores dedicáronse con emoción a encher de contedores a xeografía galega e española. Será raro o alcalde de calquera signo político que non caese na tentación irresistible de entrar á competencia por ter un auditorio máis moderno, un campo de deportes máis grande ou instituto máis cerca da casa cós dos veciños. A competitividade localista mediuse no número de inauguracións, na cantidade de contedores culturais e agora monean tristes sen actividade algunha nin recursos nin imaxinación para darlles utilidade.
            De todas, a pelexa máis compresible e xustificable foi a dos institutos de ensino medio á beira da casa. Outro tanto se podería dicir das bibliotecas públicas. Servizos tan imprescindibles non se pode comparar con piscinas no medio do monte para as cabras, auditorios para unha ducia de xubilados ou centros de exposicións onde nunca se colgou un cadro. Achegar o ensino público aos cativos, eliminando horas de autobús, parecía unha razón de peso, aínda que ás veces abusouse e creáronse centros sen a planificación mínima, causa de que agora anden moitos á busca de estudantes, as aulas soas non serven para nada. Con ser isto un gasto inútil, hai outros moito máis evidentes nos que non se repara e que son proba evidente dun malgasto e ineficacia palpables.
            Centrémonos, para non esbardallar en exceso fóra de rego, nunha actividade tan necesaria e na que existe un consenso absoluto: a necesidade de que a mocidade faga deporte, que dedique boa parte do seu tempo a socializar e cultivar o corpo con actividades físicas, sexa danza, deportes en equipo, individuais, competitivos, cooperativos, tradicionais, os menos coñecidos. Para que tal propósito se poida realizar, precísanse campos de deporte. Durante épocas – e aínda algúns hoxe o repiten mecanicamente- o argumento máis socorrido para explicar que non se levan a cabo tantas actividades como serían aconsellables xiraba arredor da falta de espazos. Unha xustificación fácil que se comprobou non era  a esencia do problema. Hoxe sobran espazos para realizar deporte. Non só polos propiamente dedicados por concellos e outros organismos para tales fins, senón porque a administración empéñase en desaproveitar os recursos á súa disposición cunha alegría inmensa, coma se realmente foramos ricos, non estiveramos aforrando en necesidades esenciais.
            Hai tempo que manteño que é unha auténtica pena ver os magníficos centros deportivos, abertos e pechados, dos centros escolares completamente desaproveitados ao longo do ano, xa non digamos durante as fins de semana e vacacións. Resulta tan difícil a xestión deses campos de deporte e outras dependencias? Sería tan custoso? Paseo por barrios nos que os rapaces pasan de largo á carón das vallas que cercan solitarios e tristes campos de baloncesto, balonmán, fútbol, ximnasios , bibliotecas mortas. Parece difícil de entender como un barrio de sete ou oito mil habitantes pode contar con tres centros escolares públicos de diferentes niveis, cada un coa súa biblioteca, existindo incluso outra máis pola que se pelexaron a morte votos definitivos en determinadas eleccións, e pasan os veráns inactivas, esquecidas, incomunicadas cos habitantes coma se cada institución pechase en si toda función e responsabilidade.

            Eses espazos mortos por falta de uso dan pena porque son a confirmación de que o problema non é tanto de falta de lugar físico canto de xestión sobria, aforradora, integradora; de dinamización do deporte ou da cultura. Se contaramos cunha rede de persoal ben tecida, potenciada polos concellos – este si debe ser labor da administración máis próxima-, e desaparecese a rixidez que obriga a pechar a cal e canto toda actividade unha vez que rematan as clases lectivas, a vida deportiva e cultural estarían máis que sobradas de lugares onde o lecer puidese ser instrutivo e creativo. Se gran parte do problema deste país é o enorme peso de duplicidades e inutilidades políticas, hora vai sendo hora de saber aproveitar ao máximo os magníficos recursos públicos que poderían, con flexibilidade e racionalidade, dar uso a cantidade de espazos que nunca deberían estar, por inactivos, mortos de risa. 

ESTÚPIDA INDIGNACIÓN

INDIGNADOS, pénsase mal e non se decide ben. Recordábao Javier Marías nun artigo. E ten razón. Alodado pola ira, o rancor ou o resentimento, o pensamento acaba dando malas instrucións á hora de actuar. Un coñecido meu caracterizábase por abandonarse a este defecto. Acordo que nunha ocasión, levado polo descontrol máis absoluto, dera que rir a quen o observabamos pero a el case lle custa o ingreso en urxencias. Tiña un daqueles automóbiles de finais dos sesenta. O coche, tal vez por ser vello e levar días parado, non quixo acender á primeira. Nin á segunda nin á terceira.
Persistindo no intento, o amigo deu en poñerse encarnado insistindo en arrincalo contra vento e marea. O motor negábase. Como o intento túzaro persistía, a muller animouno a que desistise, parecíalle máis conveniente atopar a causa e non cegarse con manobras que poderían danar a batería. Ignorando todo consello, porfiou ata a obcecación. Mais ninguén conseguiu facelo desistir. Gurrou e gurrou –a batería debía de ser eterna– e pasados innumerables probas, por fin, o motor arrincou. Sorprendidos do éxito, todos esperamos que se tranquilizase e recuperase a calma pola boa sorte. Equivocados que estabamos.
Medrando aínda máis a súa ira deu en premer no acelerador cunha furia rabiosa. Falaba co coche: Non querías acender, cabrón! Pois agora acendiches, e brúas, e vas bruar... Todos pensamos que a reacción obedecería á excitación previa e que axiña decaería, pero non. A cada paso máis acendidos –el e o coche–, o acelerador premido a fondo, o motor bruaba efectivamente con tanta esaxeración que agardabamos o momento no que estalase. Non esbourou pero estivo máis de media hora ruxindo a fondo mentres o irado, desbocado, premía no acelerador ignorando a súplica da muller. Aos alleos deunos a risa, pero o protagonista quedou fóra de si. Como a muller aínda gobernaba algo nel, non soubemos se por fin o motor quebraría ou el tolearía por completo, pero polo visto tivemos suficiente como para ver os efectos tan estúpidos dunha ira descontrolada.
Marías non se refería exactamente a este tipo de conduta esaxerada, máis á resposta de indignación instalada na colectividade, que en política e noutras actividades sociais acaba en manipulación e intolerancia. Ten razón, como dicía no inicio, pero non sempre toda indignación resulta tan estúpida nin inútil. Ás veces é unha válvula necesaria para vencer a submisión.

SESTA NO HÓRREO

       A esencia de ser neno, salvo contadas excepcións, é a actividade. Ou era, que agora parece que os trebellos electrónicos tiran dunha vida máis sedentaria. Pero naqueles tempos da segunda metade do século pasado, na aldea, nada nos amolaba máis aos nenos que a obriga innegociable de durmir a sesta. Os adultos, esgotados dos duros traballos do verán e de tanto madrugar para aproveitar as horas sen sol, agardaban con ganas a sesta reparadora de despois de xantar. Os rapaces, supoño que para que non molestásemos, tiñamos por imperativo dos maiores que unirnos a aquela práctica ríxida, que nos parecía un severo e triste castigo. Pero como contra a imposición intransixente sempre o intelecto discorre con rabia, a pesar das ordes e castigos ameazadores, o período de silencio e sono transformábase nun momento de risa, contos e descubrimentos inesquecibles.
            Un verán produciuse un avance moi duramente traballado. Lembro que despois dunha negociación tan longa case como a última do eurogrupo coa delegación grega conseguiramos un acordo memorable: tivemos permiso para durmir no hórreo. Os adultos subían ao cuarto, pechaban tódalas ventás, facían un silencio de calor mesto e entregábanse ao seu sono desexado. Os cativos podíamos ir durmir – é un dicir- ao hórreo coa condición de que non se sentise unha voz máis alta que o zunido das moscas. Arrincada esa mellora, a sesta pasou de ser un castigo a unha brincadeira.
            Como a emigración non é nada que aprenderamos en Galicia con esta crise, xa daquela en cada casa había familiares que emigraran ao País Vasco, Cataluña ou Europa, sobre todo, pola miña zona, a Alemaña. Na miña familia tamén tiñamos emigrados no país que agora exerce a hexemonía en Europa. Merkel, que ten dous anos menos ca min, supoño que andaría daquela baixo as ordes do seu pai pastor e nadando nas frías piscinas da RDA, ademais de pasar os seus ritos de iniciación de adolescencia,  que non creo foran moito menos estritos cós meus. O que vén ao caso é que meu tío tivera a decisión de emigrar coa familia a Sindelfingen e durante as vacacións conducía un Mercedes ata a aldea para ser a envexa dos irmáns e veciños. Tiña unha filla do meu tempo, pero como pasaba os días e os anos  tan cerca de Stuttgart a min parecíame unha alemá de verdade.  E podía selo, as súas pernas eran coma de Santiago á Coruña e o cabelo brillaba coma o trigo que tanto traballo daba aos labradores. Evito detalles que todos estarán maxinando. Chega con que saiban que durante a semana que os alemáns estiveron na aldea, a hora máis desexada por min – e non só por min- era a da sesta, todos alí mesturados no hórreo, sempre buscando coincidir coa alemá. Os ocos de curiosidade que lles poidan quedar sei que os encherán cada quen coa súa máis refinada imaxinación.
            Mais o que me trouxo ao acordo estas sestas con sol e alemá é a recorrente referencia a Alemaña e Merkel nestes tempos tan duros para o proxecto europeo, aínda con acordo nas boqueadas. Un vento zoa nestes días de tanto sol de Greza a Finlandia, de España a Alemaña. Un vento que leva pegado nas velas unha desconfianza  entre a solidariedade e a responsabilidade. Na encrucillada pelexan as voces contra a hexemonía da fría política alemá experta en física cuántica, a mesma que, imperturbable, ve pasar por diante das súas repetidas chaquetas os cadáveres varóns dos seus opoñentes políticos (o último creo que será Tsipras), aos que vai decapitando un a un sen se lle mover o peiteado, ou as que se agarran a ela como a única líder salvadora do que poida ser Europa no futuro, a única  con capacidade e firmeza para manter os criterios razoables. Sen o seu pragmatismo Europa xa estaría desfeita, pensan os que non se abrandan diante de manifestacións orgullosas de pobos recluídos nunha dignidade de fume despois de pasar anos sen dar un pau á auga. Por causa da súa rixidez, pensan os que a critican, e por se levar unicamente do interese a curto prazo para os seus electores, a piques anda coas súas esixencias interesadas de escachar unha unión monetaria mal planificada, ou ben acordada pero  en  favor dos grandes financeiros.

            Mentres desentraño tan difícil nobelo sobre Merkel e o seu país agora unificado,  triunfante, poderoso, e a Europa que treme, admito que me pode o recordo daquelas sestas nos días de sol. Sei que a diferenza de importancia dun asunto para o outro non ten comparación, pero ás veces convén ser humilde e aceptar que un peca de curto de miras e céntrase en momentos mínimos nos que nunca idealizou tanto Alemaña coma naquel verán de sestas no hórreo. Para os curiosos que queiran encher algún oco, saiban que a nai da fermosa alemá debeu desconfiar algo, porque varios días antes do regreso a Sindelfingen xa lle prohibiu  que nos acompañase durante a sesta no hórreo. 

MEDO ÁS MATEMÁTICAS

COÑEZO persoas ás que se lles dan moi ben as matemáticas. Posúen ese don. Sen gran esforzo, con satisfacción, enredan cos problemas e resólvenos coma se foran un xogo. A súa capacidade de abstracción permítelles entender á primeira o curso dunha resolución, ven de seguida os pespunte e remate dunha operación. Para quen gozan de tal facilidade estráñalles que se insista en que algún problema ocorre co ensino das matemáticas, que algo debe fallar na transmisión desta materia cando son tantos os alumnos que as rexeitan e se vencen e admiten que carecen de capacidades cognitivas para poder abordalas. Dando indicios nos primeiros compases do ensino e xa cristalizados no secundario, o número de estudantes que renuncia a entendelas e que opta por un currículo que fuxa delas é demasiado elevado. Tanto que, tal e como recordaba o profesor da Complutense Julio Contreras, o estudante escapa das carreiras nas que predominan as matemáticas.
Un feito é innegable: os países con maior progreso contan cun bo número de persoas preparadas en ciencias, enxeñería e tecnoloxía, graos que esixen un grande dominio das matemáticas. Quen vai por diante na innovación ha contar cunha elite ben formada nestes campos. En España non imos nesta dirección. A elección dos estudantes medra no campo das ciencias da saúde e nas xurídico sociais, descende nas humanidades e tamén nas enxeñerías, o último ano un 6%. A sociedade precisa de enxeñeiros (co bonitas que son as pontes!, dicía a filósofa Amelia Valcárcel ao lamentar non ter estudado enxeñería), pero as matemáticas crúzanse no camiño. Moitos estudantes elixirían ramas tecnolóxicas se non fose polo coco matemático. O sistema educativo padece de graves erros dende hai décadas, pero a concreción no temor ás matemáticas é mostra visible de fallos máis fondos. Sei que existen colectivos de profesores interesados en dar un xiro pedagóxico, que se esforzan por presentalas con outros métodos; deberían non desfalecer. Cómpre romper con esa establecida prevención así como lograr presentalas de maneira máis atractiva. O país necesita unha boa base matemática. Non sobran vocacións para ningunha actividade, pero o futuro depende en gran medida dun grupo potente de científicos, tecnólogos e enxeñeiros. As matemáticas non deberan ser un problema do que se foxe, senón un estimulante desafío intelectual para mellorar a vida.

ENCERRO LIMPO, RÁPIDO E PERIGOSO

DEBO RECOÑECER humildemente en min un condicionante de culpa, sacrificio e pecado. A educación primeira nos principios dun catolicismo franquista non son fáciles de esquivar. Aínda así, admitida a triste tendencia, non hai quen me apee de que determinadas manifestacións culturais – chamémoslle así por lle chamar de algunha maneira- son unha verdadeira estupidez. Que se fixese sempre e acudir á tradición para xustificalas non deixa de resultar dunha debilidade manifesta, dende hai moito os homes non consideraban ás mulleres seres iguais e non por iso imos manter a tradición... Será moi tradicional, repetirase ao longo dos anos, os do lugar sentiranse moi apegados a determinados costumes, pero estaremos de acordo en que hai manifestacións festivas que son unha auténtica salvaxada e unha imbecilidade. Non me pararei agora naqueles festexos que teñen como razón esencial o maltrato a animais. Arrancarlle o pescozo a aves, guindar dende un campanario unha cabra, picar becerros con lanzas, facerlle arder os cornos a touros desconcertados e todas cantas prácticas coñezan de semellante estilo non me digan que son festas populares, moito menos manifestacións culturais. Admitan, por favor, que non son máis na ca repeticións anacrónicas de actos salvaxes.
Hai neste mes unha festa elevada aos altares da idiotez da que me atrevo a escribir porque estou lonxe de Pamplona e sei que ningún navarro me lerá: o San Fermín, festa de rango especial coma para abrir todo informativo, cubrir as primeiras de case tódolos medios nacionais e, como xa noutra ocasión tratei de ridiculizar, ata radiados os seus encerros pola cadea de emisora pública nacional. Co gusto que dá escoitar a narración dun encerro! Que aos navarros lles teña moito chiste e que para os empresarios do hostalería signifique unha inxección de bonanza inigualable non o penso discutir. Entendo que haxa dez días chorasen cantando o pobre de min. Cada quen ten os seus gustos e cos tempos que corren calquera se acolle ao que sexa con tal de obter algo de beneficio económico. Agora, de aí a converter esa semana de orxía nunha noticia coa que abrir cada mañá os informativos xa me parece excesivo. Se hai quen se queixa de que lle estean bombardeando de maneira tan seguida con Greza, díganme se non é para protestar ter que ler cada mañá dos primeros de xullo que o encerro de Pamplona foi rápido, perigoso e limpo, co engadido posterior de que tres mozos de USA e un do Reino Unido están ingresados nos servizos públicos da seguridade social porque lle corneou o touro e o seu prognóstico é reservado. E logo temos a cada paso máis indignados porque a sanidade atende moi alegre a canto inmigrante se presenta nas súas portas...
A vida sería insoportable sen festa. A festa rompe a monotonía, racha o tempo de normalidade e introduce un período no que todo se volve do revés para que a alma se alivie, as normas quebren e a regularidade social se esnafre contra o estrafalario. Ningunha sociedade resistiría sen estes escapes consagrados pola relixión, a tradición e o negocio. Non chega a miña rixidez a tanto coma para non entender a necesidade destas interrupcións imprescindibles. Pero que se precisen e se favorezan non xustifica que se eleven por riba da súa significación. Darlle sona a un acontecemento con fins turísticos non debera sublimalo a unha categoría de ben cultural ou social do que non participa. Se aos de Pamplona lles aporta innumerables beneficios manter esa semana de troula sen descanso e se o atractivo principal segue a ser que pola mañá corran diante dous touros durante uns minutos expertos mozos e estranxeiros engadidos, problema deles. Que San Fermín lle lo pague. Pero de aí a ser noticia coa que abramos a información medio mes de xullo, en igualdade de atención que os incendios forestais, manda chover na Habana.
Parece que a inercia informativa se impón e, salvo desgraza estrepitosa, o mes de xullo está cuberto por tres acontecementos en igualdade de relevancia: os Sanfermíns, o Tour de Francia e os incendios forestais. En igualdade, coma se ao cidadán lle interesase de idéntica maneira a condición dos touros que corren pola mañá en Pamplona, o mozo incauto que se tira diante do touro sen saber nin que é un corno, o ben que funcionan os servizos de urxencia de Pamplona dedicados a atender a tódolos borrachos nacionais e estranxeiros, a desconfianza de dopaxe do corredor que sobe en primeiro lugar ao Alpe d’Huez ou saber que un bombeiro tratando de apagar un incendio estivo a piques de perder a vida. En xullo, aínda coa excitante tensión que nos causaron as negociación con Greza e Irán, parece que nada hai tan urxente, importante e necesario que espertar coa noticia de que o encerro foi limpo, rápido, perigoso. Pobre de nós...

DELEITE E NOXO

A MEMORIA ten mecanismos estraños. Será pola fogaxe. Ía tanta calor que decidira dar un paseo pola fresca debaixo dos carballos que conducen á capela da Mota. Sen razón que o explique, coma se os estivese vendo, viñéronme á cabeza un pai e os seus tres fillos, dúas nenas e un neno, visitando unha sala do MoMA en Nova York cargada de obras de Picasso. Quedoume a imaxe gravada pola atención e curiosidade dos nenos, e pola capacidade didáctica do pai. Poucas veces vin nenos de tan pouca idade (irán de 8 a 5) tan concentrados e gozosos, vinos atentos unha anaco, pero con necesidade de peterrear de vez en canto. Certo que a habilidade do pai non era común. A base de preguntas breves pero afiadas, curtas, escasas, ía metendo nos fillos a curiosidade e intriga sen fallar nunca. O punto de partida, o engado, procuraba que fose sempre un animal, facéndolles descubrir as transformacións polas que pasaban forma e color. Cando os animais estaban ben observados e comentados, coma nun xogo no que o mérito consiste en superar a dificultade, trasladaba as preguntas ás caras humanas. A paciencia, sabeduría e gusto do pai contaxiaban de tal maneira aos cativos que non se lles vía miga de distracción ou aburrimento. Saín da sala impresionado pola facilidade coa que os catro gozaban dunha maneira tan natural.
Apegado á mesma visita de aquel ano, lembro como aínda co deleite e paz que me proporcionaran os visitantes de Picasso, entro nunha sala na que ferven e roxen as performances de Marina Abramovic. A provocación da artista de Belgrado, tan marcada pola experiencia dos iugoslavos esnaquizados na recente e atroz guerra, paralízame. Berros, sangue, corpos que se feren, esgarros de odio e noxo, miradas ansiosas palpitando nas pantallas que me rodean. Medo, dor, odio. Guerra. Sufrimento. Imaxe e son que estremecen. Os visitantes miramos illados, asombrados, incrédulos. Cada paso supón recibir unha labazada, un susto, unha coitelada. Penetras no terror e saes desasosegado, magoado, inseguro. É posible que sexamos os mesmos quen mostramos tanta paciencia ensinando aos fillos a ver a beleza do debuxo e a pintura e os que agredimos, desprezamos e humillamos ao igual? Somos, é evidente, penso mentres desando o paseo, cun leve zunido de aire fresco acompañándome por entre as pólas dos carballos. E sigo sen saber por que hoxe e agora lembro aquela visita. Será por tanta fogaxe.

domingo, 5 de julio de 2015

EMANCIPADA PORTADORA DE VESTIDOS

QUE si, que as mulleres de hoxe están a anos luz das de hai trinta anos. Que no mundo laboral, educativo, na liberdade alcanzada, no comportamento sexual, no poder político e tamén no económico, o progreso resulta indiscutible. Avoas con oitenta anos en nada se parecen ás mulleres que con trinta educaron aos seus fillos. Nin elas mesmas se recoñecerían soportando aqueles días de sometemento. Xa non digamos as súas netas estudadas, con aspiracións laborais idénticas ás dos máis prometedores dos varóns, viaxadas, libres e seguras. A transformación da vida da muller nos últimos anos –ganada a pulso– é espectacular. Moitos machos non saen do seu pasmo vendo tal evolución, a algúns cústalles aceptala así, e moitos, por máis que verbalmente o celebren, aínda seguen adaptándose a esta nova situación que os mantén desorientados. Algúns, e isto xa é tráxico, retorcendo a súa debilidade en agresión miserenta, contribúen a que o maltrato sexa unha das máis graves eivas da nosa sociedade. Pero si, a muller de hoxe, a pesar de que cobra menos e de que aínda non aparece en tódolos centros de poder en concordancia coa súa valía , emancipouse cun ritmo nunca visto.
Sorprende, non obstante, que neste avance permanezan algunhas condutas. Coma se alguén se empeñase en que determinados papeis non se perdesen. Por referirme a un concreto: ese afán detrás do ideal de modelo, a muller dez igual a modelo, por riba da presidenta, da empresaria, da profesional brillante. Parece que detrás de todo, no fondo, quedase ese ideal imperecedoiro de alcanzar a plenitude como modelo, como ideal de beleza, manifestación visible do triunfo. E non me atrevería eu a culpar só ao machismo desta persistencia no rol. Certo que a publicidade e o mundo da moda, movidos en grande medida por homes, colaboran na resistencia deste ideal, talvez coa subterránea utilización empobrecida do reclamo feminino. Pero parece que tampouco á muller lle gusta desprenderse de tal reduccionismo. Sánchez Ferlosio exprésao mellor ca ninguén no seu último libro Campo de retamas: "Por deprimente que el hecho nos resulte, la culminación social de la mujer y por ende su imagen ideal es hoy la de modelo. Oh, nueva reina, portadora de vestidos, qué se hizo de la emancipación?!". Será que os homes non o damos entendido e por ser portadora de vestidos non deixa de culminar a súa emancipación?

AS ELÉCTRICAS MORREN CO MEDO

            Sospeito que acabaremos todos por non durmir ou durmir moi mal. Con esta nova proposta da factura da luz, a ver quen é o simpático que dorme sen angustia. Descoñezo se o meu contador é dos de intelixencia superior como para detectar esas variacións horarias no encarecemento ou abaratamento no consumo de enerxía, pero de calquera maneira que sexa, eu penso andar á última, non quero regalarlle á compañía que me dá luz un céntimo de euro e así me agarda unha dura tarefa a partires deste momento. Farei o que sexa preciso para estar informado convenientemente, baixarei no móbil a aplicación que se esixa e vixiarei día e noite para saber con exactitude a que horas cadra o consumo máis barato para prender a luz, acender o ordenador ou lavar a roupa. Como moito me temo que as horas de maior aforro coincidirán coas máis apropiadas para durmir, a miña desconfianza de que se instale en min un insomnio perdurable ao que non penso combater de ningunha maneira é máxima.
            Non é estraño que nunca comprendese o recibo da luz. Aparte de non ser moi espelido para asuntos de tal dificultade, nunca lle prestei maior dedicación. En contra de toda recomendación pedagóxica, abandonei a tarefa sen me forzar a entender, fiándome de que outros, moito máis competentes, se mostraban incapaces. Quen definitivamente me arredou de tal intento foi un compañeiro matemático que me asegurou que, por puro esgotamento,  se rendía. Visto que el, tenaz onde os haxa, non persistía e se daba por vencido, eu apunteime á derrota sen intentar nin a pelexa de inicio. Abandonado polo tanto ao capricho do que as compañías eléctricas quixesen enredar comigo, pasei todos este anos pagando con puntualidade o que dicían que consumía. Xamais puxen en dúbida os seus cálculos e dei sempre por bos os recibos crípticos nos que se me garantía que consumía o que alí se se dicía. A miña fe no recibo, como comproban, era infinita e ségueo sendo. Sobre todo porque non se producen variacións estrañas: un consumo monótono como corresponde a un home tranquilo e de bos costumes, con horarios regulados e hábitos equilibrados. Mais, chegada esta oferta revolucionaria, non penso continuar neste plan de pagador pasivo, ignorante, confiado. A partires de agora prometo andar aleuto para aforrar o máximo posible, estou convencido de que non me dará para unhas vacacións, pero o entretemento tamén ofrece as súas recompensas.
            Como adiantaba, teño a certeza de que o mareo ao que nos someterán as compañías para lograr aforrar un céntimo será da intensidade de tormenta no Cabo de Fornos. Se o luns compensa acender a lavadora ás cinco da mañá, probablemente o xoves sexa mellor ás tres e media; se acender o ordenador resultará máis barato ás catro da mañá, xa me poden imaxinar escribindo estes artigos a hora tan pouco favorable; e se, como estará cantado, a hora máis apropiada para pasar o aspirador anda entre as tres e as cinco da mañá, estou vendo a cara da veciña do piso de embaixo cando pola mañá me atope con ela no ascensor. Como me erga para traballar ás catro, poña a lavadora ás cinco, pase o aspirador ás tres e aproveite para  cociñar e lavar pratos nese tramo horario, ha dar gusto a cara coa que me mire, tanto se ela só padece a miña elección horaria coma se, por idéntico razoamento, se apunta ós mesmos labores. Habemos de dar gusto todos. Ollos encarnados, humores a punto de estalar, cansazo sen disimulo en tódalas caras tódalas mañás. Un feixe de emocións fabricados na noite para incremento da amabilidade e as boas relacións entre veciños.

            Son moitos os medios que nestes días se esforzan por nos dar información clara sobre os horarios para que nos vaiamos facendo unha idea, pero non lles resulta fácil. Vese que iso esixirá mirar constantemente, andar moi atentos e levar unha contabilidade fina. Un debe antes de nada revisar o seu contador, saber se é preferente de noite ou día, estudar as ofertas tan variables que nos prometen e logo estar dispostos a aplicalas con exactitude. Nada é gratis. Resulta ben coñecida esta máxima tan de moda nos últimos anos. Coma se antes de agora todo o fora. E como nada é gratis, cada céntimo de euro de aforro haberémolo de sachar con dedicación exclusiva. Quen realmente pretenda extraer o zume máximo deste prometedor aforro que tan xenerosamente as eléctricas poñen á nosa disposición, non lle queda outra que estudar, tomar nota, prepararse con antelación e dispoñerse a cambiar os hábitos de sono. Case seguro que durmiremos menos e peor, pero compensará. Cada céntimo aforrado serviranos para presumir do linces que somos e como as eléctricas non poden con nós. Déixannos sen durmir ou durmimos mal, si; se cadra empeoramos a convivencia na comunidade, pero fundímolas co que aforramos acendendo a lavadora ás cinco da mañá. Están que morren co medo.

jueves, 2 de julio de 2015

A BUBELA E O MAR

LEVO seráns atrapado nunha sinfonía de trinos. Tamén espertares, pero concéntrome máis cando o sol deixa de pelar, que ir case non se vai nestes días de azul perpetuo. Aguzo o oído para distinguir o son propio de cada paxaro. Pero está claro que non me deu Deus o don para captar as diferencias con suficiente finura, por iso me despisto, vou e veño detrás dun son, logo do outro, regreso ao primeiro, pérdome, paréceme que teño localizado o paspallás, que non é, alédome de pillar a carraca da pega, pero pérdoa cando intento distinguir se o que se impón é o da cotovía ou da laverca, cando o que reina é o do carrizo que se repite na súa alegría inxenua sen tregua. Quixera identificar entre tanto canto, coma se dos instrumentos da orquestra se tratase, o momento no que entran o xílgaro e o merlo, o asubío do ferreiro, a percusión seca do peto, o pipí do pimpín co seu redobre, o tritiritití do pardal ou o rular da rula. Un mar de voces, irtas unhas, monótonas e monocordes outras, tamén algunhas con reviravoltas e adornos, vaime enchendo os oídos de música harmónica, persistente, rítmica, fofa, nunha sinfonía inacabada por eterna, que a natureza regala aos sentidos por pouco abertos que estean.
Impónseme neste mar de trinos vespertinos, non sei o porqué, o bu-bu-bu da bubela coma unha martabela incansable. Fago por me ir ao canto do estorniño ou da calandra, con máis chispa, menos monótonos, pero de seguida volve a min o bu-bu-bu tenaz. Vaime adormecendo coma aquel canto da Armenteira que lle explicara a eternidade ao monxe. A min a bubela lévame ao mar. Vexo diante do acantilado un parella de namorados, a bruma ao lonxe escurece o horizonte, embaixo a escuma branca brinca de rocha en rocha estalando entre risos e medo. Cóllense da man. Ela mira ao lonxe. Aí pescaba meu pai, lembra melancólica mirando onde o mar escurece. Sempre que viña mandábame mensaxes: estou largando fronte á túa casa. Se aínda viñese pescar, preguntaríalle se lle pareces bo mozo para min. Pregúntalle, anímaa el. Xa o fixen, ri suave ela. O silencio mestúrase coa brisa que os acariña. Pasado un momento, o mozo atrévese a saber: que che dixo? O que supoñía: que véndome tan leda, faga o que eu queira, ben feito estará. E abrázanse os namorados mentres debaixo unha labarada branca de escuma arde de furia. E eu regreso ao son perseverante da bubela no atardecer atravesado de trinos.

MELANCÓLICO GOBERNADOR


            Escoitar ao gobernador do Banco de España sempre debera ser instrutivo se non fose tan melancólica a súa información, tan melancólico el. Certo que sobre a suba do  seu salario un 5,8% nunca opina nin vén a conto, xa sabemos que se trata do chocolate do loro, pedir explicación sobre tal aspecto é rozar o populismo máis barato, pero escoitándoo deberiamos sacar proveito para o futuro se non fose tan triste e tautolóxico. Neste caso, entre outras verdades, regalounos unha evidencia e unha  recomendación. A evidencia:  por propia dinámica demográfica, no futuro, as pensións non se poderán manter. A recomendación: convén, polo tanto, complementar cun aforro privado. Tamén non ilustrou con que a única forma de axuste da economía española foi o paro, que a razón da desigualdade radica no paro e que a maneira de combatela é anular o paro. Tres verdades encadeadas nunha que entende un neno da teta no tempo que respira e volve a chupar. Tamén se aledou do alto crecemento da economía española neste momento e que non debemos cantar vitoria porque o dólar e o petróleo poden frear a euforia. Como se ve, para alguén que conta con coñecementos especiais e asesores moi capacitados, revelacións bastante comprensibles, se cadra concorda Linde con John Alien Palos en que a vaguidade é a miúdo confundida coa profundidade; agradécese a concreción e claridade do señor gobernador, non nos quere embarullar nunha nebulosa ambigua, aínda non escapando da tristeza propia das súas mensaxes.
            Aceptada a evidencia de que as pensións a este ritmo non se poderán manter (xa se está facendo uso da caixa e non é difícil entender que de onde se saca, se non se mete, acábase) a gracia radica na recomendación: os españois deben, sendo previsores, axudarse con aforro privado. Aforro? Refírese o gobernador a aforrar cada mes para o complemento da pensión futura? A ver, sr. Linde, permítame que reflexione en alto con vostede: dime que os españois debemos aforrar para ir tendo un peto? Si. Entendín ben. O que non sei é como pensa ese señor que se pode aforrar sendo que o salario máis habitual dos habitantes deste país está arredor dos 15.550 euros ao ano, que o salario medio – e xa sabemos o que é medio- ronda os 22.000 (en Galicia non chega aos 20.000) e que no ano 2013 un 13 % de asalariados non chegaba aos 10.000 euros ano. Quixera ver ao sr. Linde aforrando para o futuro da súa pensión cun salario así. Creo que ao final temos que regresar á verdade trinitaria de que a economía axústase co paro, a desigualade medra co paro e a única maneira de solucionar a desigualdade é conseguindo eliminar o paro. Pero este trío infernal non parece fácil de solucionar, porque aínda medrando á estratosférica velocidade do 4% que tan orgullosos nos fai sentir a todos, empezando por Guindos, o presidente Rajoy e propio gobernador do Banco de España, o paro descende pero con melancolía. Unha melancolía ancorada na temporalidade, no turismo, na fraxilidade e nuns salarios que non permiten vivir dignamente para canto máis aforrar un céntimo. Eu agradezo sinceramente as recomendacións do alto funcionario Linde e non lle nego o seu fundamento, pero gustaríame saber cal é a súa proposta para resolver esta encrucillada.
            A non ser que a recomendación estea pensada para aqueles que teñen un nivel de ingresos semellantes aos del. Nese caso podía aforrar todo consello. Seguro que nin el nin ninguén do seu poder adquisitivo necesita que no Parlamento o gobernador do banco da nación lle diga como ha de previr os tempos duros da xubilación. Quen necesita saber a que aterse é a moioría que  cobran 15.550 euros anos ou os que nin traballo teñen. Para eses si cómpre unha saída e parece que non está na man de tan alto experto ofrecela de momento. Saír do paro, si. Esa parece a solución na que confiar. O malo é que se está vendendo unha feble recuperación, despois do desastre, agarrada a unha saída melancólica do paro. Esta modesta melloría económica, por máis que tódolos manipuladores se empeñen en convertela en éxito, non dá para aforrar.

            Resumindo: que a melancolía envólvenos. Contamos con salarios melancólicos, recuperacións melancólicas, expectativas melancólicas. Se a saída do paro é enganosa, os salarios maioritarios mínimos e os prognósticos sobre o mantemento das pensións se volven negras, xa me dirán que nos queda ademais da melancolía. Se polo menos o señor Linde mostrase outra maneira de comunicar máis leda e optimista, aínda cabería o engano de nos convencer de que algo bo nos espera. Pero cando tamén a súa comunicación, en contra do seu salario, é triste e melancólica de cheo, por máis que nos diga que aforremos e que medramos máis do esperado, o que nos agarda non parece que sexa nada fóra dun futuro melancólico.