domingo, 21 de junio de 2015

O FRACASO DA RENDA BÁSICA

            Non é que andemos cerca do templo a Apolo Licio nin que sexamos todos aristotélicos, pero por pasear que non sexa. Gracias en boa medida aos cartos chegados de Europa, rara será a cidade ou vila, de costa e de montaña, que non conte cun paseo magnífico á beira do mar ou dun río por onde persoas de toda condición combatemos colesterol, ansiedades varias, preguizas ou indolencias guiados polos consellos saudables máis de moda. Sendo tantos os que recorremos aos beneficios de tal práctica, non é estraño que na peripatética práctica non atopemos con  coñecidos, algún mesmo case esquecido como me aconteceu nun destes días. Estudaramos xuntos en anos de adolescencia pero logo perdinlle a vista coma a tantos outros, mais ao recoñecernos coincidimos nese punto do pasado onde parece que todo quedou inmóbil, fraguado nunha pasta carente de emoción pero nítido.    Postos ao día da situación de cada quen, descubrín axiña que el, máis novo, pasaba por momento laboral complicado. Despois de anos en varias empresas, quedara hai xa máis de tres en paro e agora, sen cobro de ningún tipo, resistía entre algodóns familiares como boamente podía. Non quixen saber máis e el considerou que cos indicios aportados chegábame para  entender. E por se non me quedaba claro, resumiu: “Xa sabes: somos moitos os que sufrimos deste mal, o que pasa é que non nos queren ver”.
            Nos comezos da crise apareceu con forza nos medios o economista Niño Becerra. Polas declaracións apocalípticas que facía desconfiei do seu rigor, pero preocupeime de contrastar as súas predicións cos feitos, o que me levou a considerar que non é tan falabarato e que fundamenta bastante as súas análises. Nunha última entrevista que lle leo ataca directo á situación que de maneira concreta me tropecei no paseo co excompañeiro: existe un terzo da poboación que a cada paso é máis ignorado, ao que non queremos ver, ao que nos custa aceptar que para el non hai solución. Mantén o catedrático que no cambio tan profundo ao que chegamos, pensar en volver a tempos pasados é unha ilusión. Vivimos nun cambio  sistémico tan profundo que pensar en volver a modelos produtivos anteriores, ao crédito que nos permitiu endebedarnos e aspirar a un paro do 7% que para España case supoñía pleno emprego, é unha ilusión ou un engano político para ir ganando tempo. Recorre el á clasificación dos tres terzos: un, o máis favorecido, que vive ben, nin se decata da situación; outro, máis tocado, que de maneira precaria, inestable, mal remunerado, inseguro, vai resistindo; e un terceiro, sen posibilidades de recuperación, perdido, para o que só queda unha solución: a renda básica.
            E esta é a grande vergonza. Este terzo irrecuperable. Por iso a renda básica é tan mala de aceptar. Nin os que arrincaban con ela nos dentes se atreveron a promocionala e defendela. Facelo é tanto como aceptar que este sistema se rende e recoñece que non conta con medidas que fagan posible a recuperación dun terzo da poboación. Admitir tal fracaso non é doado para ninguén, equivale a dar por feito que un terzo é inútil, que nada pinta nesta sociedade, que carece do moitivo mínimo para loitar. Dáselle unha saída artificial: posto que carecemos de oportunidades para un grupo de poboación que non poderá escapar da pobreza, deámoslles unha renda básica para que non creen problemas e poidamos permitirnos seguir ignorándoos. Sería a aceptación do fracaso.Non sabemos o que tardaremos en aceptalo, pero todo indica que non quedará outra en canto os apoios familiares non resistan e os datos de exclusión non se poidan camuflar. 

            Me parece que foi Obama quen dixo: Aceptaremos unha economía na que só a uns poucos lles vai espectacularmente ben ou comprometémonos con unha que xera mellores ingresos e oportunidades para todos aqueles que se esforzan? Co avance tecnolóxico, cunha perspectiva laboral só viable para os que aporten grande valor engadido, cunha necesidade máis evidente de alta e renovada formación para se manter en activo e con exemplos coma o do gobernador do Banco de España solicitando abaratamentos no despido e concedéndose unha suba do 5,8% no seu desproporcionado salario, todo parece indicar que a economía que se impón é a que lle vai espectacularmente a uns poucos. Ocúltase esa que debera xerar  mellores ingresos e oportunidades para os que se esforzan. Para o terzo que pretendemos ignorar, aqueles que xa nin con azos contan para se esforzar, a ver o que tardamos en recoñecer que a única saída que nos queda  é admitir e aplicar  o fracaso da renda básica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.