domingo, 21 de junio de 2015

MERA ILUSIÓN

AMAR é onde di o último libro de poemas de Joan Margarit. Onde e talvez cando. Todos temos dereito a pretender un cambio de vida, o que resulta máis inxenuo é querer cambiar de idade. Pero como a vida se afunde na vulgaridade e na ilusión, confundimos cambiar de vida con cambiar de idade, equivocamos onde con cando, arriscamos na fin coma se estiveramos no comezo. Pero así é vivir e ninguén, por culto, experimentado, viaxado e triunfador que sexa, escapa ás tentacións da vulgaridade e da ilusión.
Dende os dezaseis anos, aínda sen nunca coincidir con el, coñezo a Vargas Llosa coma se foramos compañeiros de adolescencia no internado Leoncio Prado. Tiven tempo, seguindo a súa vida e obra, para comprender algunhas claves da repercusión dunha na outra, algo que soe ser frecuente en case todos os creadores. Que nestes días a vida persoal de quen escribiu La tía Julia y el escribidor sexa a noticia rosa por excelencia non me pasou desapercibida, como probablemente a case ninguén que me lea, está claro que nunca nos sobra distracción. Por suposto que o que se comenta non deixa de ser asunto privado e non merecería nin unha triste liña se non fose porque sabemos que nada é banal para a intelixencia e capacidade creativa do escritor de Arequipa. Unha das súas ideas base insiste en que o mundo foi, é e será unha porcallada tal e como nos ensinou Discépolo no seu tango, pero que para iso contamos coa literatura: coa súa capacidade de transformar a realidade, de atrapala e mellorala, rebelarnos contra esa vulgaridade e fracaso permanente por medio das palabras e da construción de mundos que nos melloran. A súa fe na literatura impulsouno durante a vida a machicar a realidade ata regalárnola nun mundo con vida propia amasado cos materiais da incompleta e irrespirable realidade. Quen pretende reinventar o mundo vese se cadra obrigado a reinventarse tamén el mesmo. Non nos importa a súa elección de como reinventarse, pero si o que poida repercutir nas próximas creacións. Margarit vai á esencia: "La vida se hunde en la vulgaridad/y en la mera ilusión. En la vulgaridad/por no haberla arriesgado en los comienzos./En la mera ilusión/por arriesgarse de una forma/desesperada al acercarse el fin". Llosa conviviu co risco dende os comezos para manter a raia a vulgaridade, pero co que non pode, igual que un caquera ao intentar ensanchar o tempo, é coa mera ilusión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.