domingo, 24 de mayo de 2015

IGNORANTES E INDECENTES

A GRANDE preocupación de Emilio Lledó, a quen cos anos se lle acumulan os premios, xira arredor da arte de educar. Se os mozos actuais non acceden a un proceso educativo diferente ao presente, estamos condenados a ser gobernados por ignorantes e indecentes. Así ve a unha boa parte dos políticos, non porque a política sexa actividade innobre, ben a contrario, necesaria para organizar o ben común, a xustiza, a igualdade. A filosofía partiu da curiosidade por saber de que elementos estabamos compostos; como a auga, o lume, o aire e os átomos nos constitúen, pero de seguida se centrou no ben, na sabedoría, na verdade e na beleza. E para que a verdade e o ben se impoñan, ningunha actividade resulta máis beneficiosa que a política, a máis arquitectónica das ciencias, a que se encarga de organizar o público e o colectivo, os estados e a xustiza, permitindo loitar pola igualdade, tal e como Aristóteles nos ensinou. Ocorre, non obstante, que cando no conxunto social o que imperan é o atrevemento da ignorancia e o descaro da indecencia, non podemos agardar que os políticos se comporten de maneira diferente. Para que o saber e decencia medren cómpre o reinado da educación.
Laméntase Lledó do declive dunha universidade moribunda, obsesionada por preparar para atopar traballo e non para pensar. Alerta diante da alarmante decadencia da reflexión, a análise e a lectura, imprescindibles para a maduración de cidadáns libres e críticos, con criterio e xuízo. A vida, vivir ben, depende da capacitación de cada quen para adoptar unha lectura activa do libro do mundo. E esa lectura non é posible sen unha educación empeñada na relación co profesor, a única actividade da que se gabou: ser un humilde profesor encargado de axudar a descubrir como as distintas lecturas do mundo configuran a propia. Por iso desde sempre potenciou a figura do mestre, pois sen facer ofensiva baleira e trivial sobre os indubidables adiantos do noso tempo, defendeu que os dedos infantís e adolescentes teñen que tocar, non só nin principalmente teclados, senón páxinas, mover fichas, garabatear, pensar e soñar coas palabras, oír aos mestres, falar e mirar, xogar e ler, crear, dubidar, e todo diante da pantalla principal: a da vida. En canto se entenda que son a reflexión e a creatividade o miolo, seremos máis sabios e ricos, e estaremos moito menos gobernados por ignorantes e indecentes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.