domingo, 17 de mayo de 2015

DEIXAR DE SER NENO

HAI unha coincidencia entre as persoas que, no campo que sexa, fixeron algo de mérito na vida: comezaron cedo a gobernarse a si mesmos. Como dixo Joseph Conrad: deixei de ser neno aos 17 anos, un home que debe coidar de si mesmo xa non é un neno. Na actualidade faise difícil deixar de ser neno. Prolónganse tanto a nenez e a adolescencia que resulta difícil saber cando un se goberna a si mesmo. Nalgún tempo non ofrecía dúbida: se un traballaba e formaba familia, deixaba de ser adolescente, non dependía de ninguén e debía valerse por si mesmo. Hoxe, aínda cumprindo os dous requisitos (traballo e familia, que por desgracia tan difíciles son de conseguir), moitos seguen sen deixar de selo. A causa primeira asenta na prolongación necesaria do tempo de preparación. Coa universalización do ensino e coa extensión da formación profesional, non é doado alcanzar unha capacitación adecuada antes dunha idade na que noutros tempos moitos xa eran adultos con responsabilidades e compromisos indiscutibles. Pero ademais, goberna no ámbito familiar unha lei oculta que favorece o proteccionismo.
Nos anos de despois da ditadura, atraidos pola lei do péndulo, as novas familias procuraron un humus protector tan morno que case se converteu en abafante. Escapados da restrición, da escaseza e da represión, os novos pais deron e consentiron en exceso aos seus fillos para que non sufrisen as calamidades por eles sufridas. Medraron esas novas xeracións na abundancia, na facilidade do todo dado, na proposición de máis expectativas que no fortalecementos de hábitos para logralas.
Prolongaron así algúns unha dependencia e esixencia desmesurada de vida plácida porque si, sen experimentar a satisfacción do logro por lanzarse sen rede á conquista da vida. E non mal resolta esa contradición perigosa, a crise esboura esnafrando aos máis débiles que se afunden nun mar atravesado de infortunio. E aqueles que alegremente educaran na abundancia, a ti non che ha faltar o que a min me faltou, deben agora continuar coa protección de quen se ve zarandeado polo peor do vendaval.
Falta por ver se os que nazan nesta nova realidade favorecerán para que os nenos e adolescentes deixen de selo canto antes, independizarse pódese facer aínda que as circunstancias de formación e integración laboral sexan distintas, porque coidar de un mesmo canto antes dá innegables vantaxes individuais e sociais.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.