sábado, 9 de mayo de 2015

BENVIDA AOS EMERXENTES

Os estudos demoscópicos adiantan unha tendencia clara: non se gobernará sen negociación e acordos previos. Ata o momento das eleccións é previsible que se dean aínda modificacións e sorpresas. Os electores andan ao asexo por descubrir a quen se pode votar sen ter que tapar o nariz nin vernos abocados á catástrofe. A indecisión e desconcerto reinan. Sábese da podremia dos dous partidos hexemónicos ata o de agora, pero tampouco se está polo labor de enredar con lume, a información hoxe voa, os intentos de manipulación tamén, pero, con todo, a liberdade e axilidade que proporciona a rede transforman as mensaxes e as expectativas a velocidade da luz. Daranse variacións nos meses que veñen, pero algo non variará: os partidos aos que máis se lles ven os vermes no interior non volverán a ser maioritarios. Sexa con Podemos ou con Ciudadanos, haberán de negociar.
            Este panorama que a algúns lles aterra polo perigo de nos converter nunha democracia insegura e inestable coma a italiana, a min paréceme a menos mala dada a situación na que nos atopamos. O que non se entendería e mostraría unha concepción patolóxica da democracia sería o continuísmo cego do reparto de forzas. Constatando día a día a putrefacción do partido do goberno e do antecesor, non vería saudable que non recibisen o castigo electoral que se merecen. O PSOE xa está atravesando o seu deserto inacabable. Ao PP correspóndelle por hixiene unha reforma en fondura do tamaño que o goberno aplicou ás relacións laborais ou aos servizos públicos. Cando organismos internacionais persisten en nos recomendar máis reformas profundas, moitas veces penso se non incluirán tamén entre elas a transformación drástica do funcionamento do partido do goberno. Resulta difícil de explicar como, con tanto lixo á vista, resisten nos seus postos sen que se lles mova un pelo determinados cargos do partido. Por iso o votante os castigará. Non tanto como se merecen, ao meu ver, pero recibirán un castigo que os obrigará a unha renovación interna.
            Dos partidos emerxentes, os que enarboran a bandeira da limpeza, a tendencia tamén parece clara: Podemos loitará para non chegar ás eleccións coa lingua fóra, perdendo a cada paso máis votos; e Ciudadanos aproveitará o vento nas velas para avanzar como esperanza dos amantes de propostas democráticas, centradas, modernas e laicas. Da conduta que adopten en Andalucía e dos erros que cometan nos meses próximos dependerá que sumen máis ou menos votos, pero cantado está que recollerán o fastío dos que noutro tempo confiaron nos partidos que ata o de agora nos gobernaron. Dependerá deles, polo tanto,  como se  organicen  grandes concellos, comunidades e o goberno central. E isto suporá un cambio significativo na política. En dous aspectos fundamentais.
            O primeiro afectará á necesidade de limpeza e persecución de políticas corruptas. Se os emerxentes pretenden prosperar e asentarse como forzas con peso, haberán de responder das súas promesas de purificar a conduta da clase política. O descrédito alcanzado polas trapacerías cometidas deberían corrixirase da man destes dous partidos emerxentes. Con independencia das actuacións futuras, algo positivo xa lograron: os partidos podres vense obrigados a cambiar de actitude, séntese controlados e comezan a sentir algo de vergonza pola inmoralidade dos seus actos. Verse cos ladridos nos calcañares obriga aos partidos antes maioritarios a unha autocrítica que sen tal vixilancia sería impensable.
            Pero ademais, os emerxentes introducirán unha novidade na maneira de pactar diferente á coñecida ata o de agora. Os partidos que viñeron gobernando no país non é a primeira vez que necesitan de pactos, pero sempre dependeron de dous partidos curiosos: Ciu e PNV, os dous cunha finalidade moi clara por máis que a disfrazasen: negociar para preparar a independencia dos seus respectivos territorios. Os novos negociadores, por primeira vez, esixiran pactos pero cun obxectivo ben distinto: lograr a cohesión e solidariedade entre as distintas comunidades do Estado. Aínda que só sexa polo propósito de corrixir a corrupción e por buscar unha maior cohesión territorial, benvidos sexan ao escenario das decisións os partidos emerxentes.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.