lunes, 13 de abril de 2015

O CANTADO FRACASO DE VAROUFAKIS




           
            Ás miñas amigas gústalles a rabiar o ministro grego de economía Varoufakis. Disque é a expresión sublime da masculinidade, do heroe, da potencia homérica, do clasicismo exento de enfeites baleiros e chocos. Atráelles ese rostro labrado con algo máis de dozura que as esculturas de Leiro, pero con idéntica fortaleza, tamén ese cranio rotundo, e ese corpo consistente e esvelto. Tamén, claro, aprecian que fala un inglés non aprendido hai tres días, que se ve afeito a ambientes onde as guerras intelectuais son coma un xogo e que se desenvolve con gracia informal onde outros só saben ir co uniforme de executivo encorchetado. Saber cabalgar con destreza unha moto de grande cilindrada tampouco repele. Que a súa política sexa máis ou menos realista e que con el Greza saia da triste situación económica que vive é asunto sobre o que se cadra non se dan posto de acordo nin as miñas amigas nin moitos outros, máis ben se desconfía da súa eficacia, pero sobre o anteriormente enunciado, o acordo é unánime e parece que un político así era hora que chegase, e non podía vir de outro lugar que non fose de onde se contaron as fazañas de Ulises.
            A min tamén me gusta Varoufakis. Por todo o dito e porque encarreira a proba do nove para saber se realmente do mundo universitario á política as aplicacións son posibles. Do mundo universitario que non coincide co pensamento máis habitual, claro, porque dos que van a favor da corrente xa contamos con experiencias de sobra de que si é posible, máis aínda: que case se produce un efecto vasos comunicantes sen poder distinguir entre o que vai da universidade ás finanzas ou no sentido contrario. Co flamante ministro grego estaremos en condicións de comprobar se aínda quedan azos para confiar en que a política se impoña aos intereses dun xeito de entender a economía, a riqueza e o progreso.
            A lei que impera dende finais do século pasado, coas vantaxes e inconvenientes da globalización, obriga a que os políticos anden a tombos intentando cadrar os intereses dos cidadáns sen se ver aniquilados polo peso dos poderes económicos. Un xogo perverso no que a pretensión de contentar á maioría dos seus votantes choca case de fronte co interese aberto dos enramados económicos que os poden asfixiar e guindar fóra da circulación en menos que canta un galo. Por iso a desconfianza do cidadán cara os seus elixidos. Por iso a desesperanza do político ao solicitar unha miga de autonomía que logo ha intentar encaixar coas presións, esixencias e chantaxes dos que realmente saben cara onde e como queren que discorran os destinos da economía. A diverxencia móstrase a cada paso máis evidente: medrar, ir ben a economía non sempre coincide con que lle vaia ben á maioría dos cidadáns. O exemplo máis evidente témolo neste melloramento incipiente do que o goberno se quere valer para convencernos de que apostamos ben e deberemos seguir facéndoo se non aceptamos que todo escache e se esfarele nos comezos da melloría. Crecemento e creación de emprego son variables que se utilizan para demostrar que a mellora non ofrece dúbida. Non se desprezan datos así. Por suposto que non. Pero é síntoma realista de melloría?

            Os defensores de que non se coñece outra maneira para progresar, insisten en que grazas a que as grandes empresas recuperan ganancias acabaremos todos por recibir algún froito desas ganancias. Ningunha fórmula demostrou ser mellor: ganan os grandes, algo ganarán os débiles, na medida e proporción que se poida, pero algo chegará a eles. Non medran os grandes, fundímonos todos. Este é o camiño, non convén saír fóra del. Outros, con visión distinta, consideran errada esta entrampada estratexia que só leva á desigualdade e á incongruencia insostible. Arranxos con tendencia á precariedade no emprego, salarios paupérrimos, condicións de sometemento con difícil rebelión, exclusión e diferencias entre maiorías resistentes e elites privilexiadas e dirixentes.             Entre os defensores de que unha economía distinta é posible poderiamos situar a Varoufakis. Medios de todo o mundo veñen cantando os seus fracasos antes aínda de que se produzan. Coma se os arúspices máis tétricos ditasen o seu canto triste, os grandes medios encárganse de nos adiantar os fracasos, traizóns e desastres que levará a Greza o intrépido heroe que xoga a fazañas ilusas abusando da confianza dos crédulos perdedores. Os desesperados depositan a confianza nun atrevido ilustrado que enreda con teorías de xogos á conta da súa desgraza. Outros, sen embargo, agardan con esperanza que un propósito político asentado na prioridade de desfacer a desigualdade demostre unha nova capacidade de acción económica. Que sexa posible ou non é curiosidade que se impón á voz dominante do fracaso cantado. E no caso de que este se confirme, o que procede é unha análise rigorosa das súas causas, porque se cadra non toda a culpa debe recaer sobre o atractivo Varoufakis.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.