domingo, 15 de marzo de 2015

PERO TI QUE LES NO XORNAL?

POIDA que ao perder oído sexa máis fácil a concentración na lectura. Á miña nai polo menos pásalle. Oír oe moi pouco, pero camiño dos oitenta e nove é capaz de ler sen gafas a letra miúda do xornal e concentrarse nel abstraéndose por completo do que lle rodea. Ademais, ten moi bo dente para a lectura: todo lle vai, tanto ten que sexa política, economía, crimes, necrolóxicas mortuorias ou sociedade. Minto. As de deportes, que non entran na súa devoción, son páxinas que pasa todas xuntas dun golpe cun desprezo absoluto, pero nas demais detense coma se lle fose a vida nelas ata o punto de traer consecuencias na estrutura familiar. Un destes días, concentrada como estaba ela no seu eu eu no meu, díxome moi natural: a que está moi guapa é Rosario. Fixen acordo para buscar entre tías, primas, mulleres de primos e familiares máis arredados a ver se caía a que Rosario se refería, pero non, non me viña á memoria ningunha. De que Rosario me falas, pregunteille. De que Rosario vai ser, estás bobo. Calei admitindo a miña ignorancia. A que disque matou a nena esa de Santiago, home. E a partires de que eu me contextualicei, ela xa me deu todo tipo de detalles tanto de cadea como xudiciais, pero concentrado todo nun resumo: préstalle a cadea e ten moi bo aspecto, onde vai dar a cara de antes para a de agora.
Como isto é frecuente, eu debera estar atento e familiarizarme cos que xa son da casa, pero non me dou afeito e peco de non estar ao día. Ao pouco de non recoñecer que Rosario era coma da familia, tamén ela lendo e eu facendo non sei que, lánzame con certa rabia a seguinte mensaxe: este Rodrigo tamén é ben pouco home. Outra vez o meu radar familiar buscando ao tío ou tío avó Rodrigo sen aparecer por ningures. De que Rodrigo falas, mamá? Pero ti es bobo ou que; non sei que les no xornal. Que Rodrigo vai ser, Rato, ese que foi ministro. Mira que pedirlle trescentos euros a unha costureira (isto tocoulle no corporativismo, de moza ela tamén o foi), hai que ter ben pouca vergonza, un home que foi presidente do Banco Mundial, onde, coma quen di, se fan os cartos... Procurei no defender a ninguén nin botar leña. Tanto tivo. Seguiu quente: hai que ser ben pouco home, por unha merda dunhas almofadas. Se llas estragou, atrevinme a dicir con timidez. Se llas estragou, se llas estragou...Que estragou nin que nada. Non sabes como foi o conto? Pero ti que les no xornal?

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.