lunes, 23 de marzo de 2015

PARA TI QUE CHE GUSTA O JAZZ

VARIAS noites á semana durmía acompañado de Juan Claudio Cifuentes, Cifu, porque el facía un programa de jazz para xente coma min á que nos gusta o jazz. As noites xa non volverán a ser iguais. Foise por causa dun ictus. Nós seguiremos escoitando a Coltrane, Evans, Ellington, Parker, Davis e outros moitos que el nos presentou, pero xa non será igual. Faltará esa introdución longa e detallada sobre a data de gravación do disco, se o fume era mesto no estudo, se chovía a mares na cidade, o peiteado do saxo baixo, o carácter do batería fichado a última hora por enfermar o titular e toda canta anécdota se lle ía asociando na súa palabra sen afectación. Molestábame ás veces a súa prolixa DOCUMENTACIÓN, o que pretendía era escoitar a boa música que elixía no silencio da noite, pero sempre quedaba perdoado, no medio de tanto dato que parecía inútil aparecía algún que merecía a atención. Se acudimos aos podcasts de RNE clásica podemos recuperar os seus programas, pero non será igual. Hai hábitos aos que se afai o corpo que se antollan irrecuperables. Pechar a luz, escoller o volume exacto para gozar da música sen excitarte nin desvelarte, programar para que se apague cando xa supós que estarás ben durmido, acocharse e agardar a sesión que hoxe seleccionou Cifu, xa non volverá. Son hábitos perdidos que nos van esnaquizando o corazón.
O mérito de xente coma Cifu está na paixón que contaxian. Cando chegou de París a Madrid, aquí non se coñecía practicamente nada sobre jazz. El viña do centro do mundo a unha sucursal do terceiro mundo e contribuíu coa súa paixón a introducir en salas e nos medios esta música. Díxose nestes días de loito que poñía excesivos reparos aos músicos de despois dos 70, coma se nos anteriores estivese todo tocado, e tamén que non era home de escribir, por iso nin un LIBRO de divulgación nos deixou. Sobre a súa tendencia a pararse nos anos esenciais, nada que criticar. Aí está o fundamento. Os mellores anos dan para escoitar sen fin. En canto ao seu estilo de divulgación, el admitía que era home de radio. Con ter o seu período de éxito na Tv, seguía preferindo a radio. Cada quen divulga como mellor sabe. El fíxoo pola palabra, non atopaba tempo para escribir. A súa palabra causou efecto: a partires de agora seremos moitos os que botemos de menos : "Este es un progama de jazz. Para ti que te gusta el jazz".

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.