sábado, 7 de marzo de 2015

ENSINAR NA ESCOLA, ADOUTRINAR NA MESQUITA

IGNORAR a importancia do feito relixioso para entender ao home e á sociedade sería un atraso. Dende as primeiras muxicas de evolución e linguaxe, tódalas culturas manifestan relación co divino e co misterio, e tratan de se explicar mediante relatos nos que o relixioso adquire unha importancia indiscutible. Tanto para nos entender coma para nos organizar, a relixión foi determinante na maneira de comprender o mundo e de configurarnos socialmente. Iso está certificado polas manifestacións artísticas primeiras, polas grandes culturas en Oriente e Occidente e nas tribos máis agochadas. O feito relixioso xogou -xoga- un papel tan determinante no que é a relación do home coa transcendencia, que pretender non reparar na necesidade de estudala sería un signo de cerrazón. Intentar suprimir do ensino regrado unha formación rigorosa e contrastada sobre tal feito incuestionable non entra en cabeza aberta á curiosidade intelectual. A discusión preséntase no como articular ese ensino de maneira obxectiva, aceptada por todos e sen privilexios nin adoutrinamentos.
En España parece que nos encerellamos no mito do eterno retorno ao nos enfrontar cada certo tempo a novos currículos e maneiras de introducir a relixión na escola. A razón é evidente: a Igrexa católica ten poder para esixir un modelo ao seu gusto. Por suposto que hai un peso específico do cristianismo na configuración de Europa. Mais un Estado laico debe respectar tódolos credos e o feito relixioso, sendo conscientes da relevancia que merecen contexto histórico e xeográfico, debe ser explicado na súa totalidade. E non só iso: debe ser explicado dende unha perspectiva obxectiva, neutra. A escola non é un lugar para catequese nin para adoutrinar, nin para que as distintas igrexas envíen os seus misioneiros a realizar apostolado. Nos Estados democráticos existe liberdade relixiosa e cada igrexa pode exercelo ao seu modo. No medio escolar só debe introducirse un currículo obxectivo, ben trazado por expertos, negociado e impartido nas materias (podería ser transversal) e co profesorado que a administración acorde. O que non nos permitirá saír deste círculo vicioso é ceder ao desexo de que as igrexas (pensemos no islam para ver mellor) decidan currículo, elixan profesores e adoutrinen a costa do erario público. Para iso teñen as mesquitas. Nas escolas, para todos, establézase dunha vez un currículo sobre historia das relixións impartido, coma matemáticas ou física, polos expertos e mecanismos de acceso que a administración determine.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.