martes, 3 de febrero de 2015

PUROS POBRES

CONTA Vallejo, o de La virgen de lo sicarios, o que reduce os seus mandamentos a non reproducirás, amarás aos animais e non votarás, que, cando de pequeno tocaba cartos, súa nai lle dicía: "Vamos, lávese las manos, m’hijo, que tocó plata". Que se podía agardar duns nenos educados así? Que saísen puros pobres. Porque existen pobres e puros pobres. Os pobres a secas poden ser de solemnidade, que é unha maneira grandiosa de ser pobre. Estes case sempre soen selo tamén por herdanza. A pobreza é algo bo de herdar. Un nace un día calquera, nun barrio adecuado, no país propicio e ten por herdanza un futuro de pobre sen complicacións. Non ha de esforzarse moito, sairalle a pobreza polos ollos sen querer. Tamén os hai de vocación, eses que senten dende a máis tenra infancia unha chamada interior que non para de lles dicir ao oído: únete á lexión de pobres, non desertes da chamada, cumpre o cometido para o que fuches invitado, compórtate coma un pobre en toda regra. E vai o vocacional e cumpre á perfección a súa misión. Dáse o caso de que algúns destes son capaces de rebelarse contra o seu destino. Constrúen un guión distinto do seu vivir, esfórzanse, loitan, son máis listos cá fame e acaban por saír de pobres. Non fai falla que lles diga o mérito que merecen.
Pero é que hai outros pobres que son puros. Non importa a súa extracción senón o bautismo familiar, educativo, relixioso, a ferro quente, que os introduce na contradición de fuxir constantemente da pobreza para permanecer nela. Os pobres puros poden nadar entre billetes, amorear riqueza na súa obsesión por fuxir dela, pero non o logran. Conseguen billetes por millóns, adquiren propiedades, non se ven na necesidade de temer polo seu futuro porque foron quen a protexelo nunha confortable estabilidade de riqueza, e, sen embargo, continúan a ser pobres. Ata rouban para deixar de selo. Pero non o conseguen. Cometen estupideces, erros infantís, vinganzas sen sentido con tal de seguir sendo o que son. Hai unha forza interior por riba da herdanza e da vocación que se encarga, por máis que se triunfe ou se roube, de que quen é puro pobre, o siga sendo. Viven na espantosa condena de afanarse pola riqueza para, unha vez lograda e contra o que dita a razón, regresar á pobreza. Amoreen a fortuna que amoreen, acaban chorando diante da súa riqueza porque saben que nunca deixarán de ser puros pobres.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.