domingo, 22 de febrero de 2015

HAI QUE ATAR A CABEZA

SÓ me falta perder a cabeza, que se cadra xa a perdín, porque levo perdido de todo. O extravío ao que máis tempo de investigación lle dediquei foi a un abrigo que me gustaba moito. As súas últimas noticias sitúano en Lugo no ano 2007, pero nunca máis volvín saber del. Unha mañá de frío fun ao armario coa idea de poñelo, no o atopei, rebusquei por toda a casa, fixen memoria e cheguei a Lugo, pero de aí non paso. A miña inxenuidade non chega a tanto como para pensar que o podo recuperar, pero aínda é hoxe o día que lle dou unha volta a ver se aclaro onde e como puido perderse prenda tan querida. E se co abrigo non tiven éxito, imaxinen con obxectos máis miúdos: gafas, plumas, guantes, bufandas, camisas (aínda me doio dunha que me quedou nun hotel de Amsterdam) e libros (de libros mellor non falo, acabo por acenderme e perdo a compostura). En fin, que o que non perda algo que tire a primeira pedra, sobre todo se os anos van caendo enriba dun.
Que un xulgado perda o sumario sobre os ordenadores do caso Bárcenas, se cadra é un accidente, pura casualidade. Agora ben, préstase á estrañeza, a sorpresa polo menos, non me digan que non. Que se borren os ordenadores onde Bárcenas cociñaba a contabilidade máis contraditoria do país (a que todos vemos e ninguén pode ver) non sorprende, parece o que é: un acto intencionado dos destrutores para que non quede ni cinasco de información comprometedora. Como era de esperar (por que de esperar?: pois porque cando se investiga sobre o financiamento dos partidos debemos esperar sempre o peor), unha xuíz considerou que a destrución dos discos duros dos ordenadores que Bárcenas tiña na sede do PP non era constitutivo de delito de danos nin encubrimento. Como parece lóxico, as acusación recorren o arquivo desta causa; non sei se era de esperar, pero a Audiencia Provincial dá a calada por resposta, e, miren por onde, cando queren interesarse polo motivo do silencio, salta a lebre: perdeuse o abrigo, que digo, o sumario. O recurso de apelación non aparece. Non, non deduzan o que non digo. Pérdese calquera cousa. Por que non se había extraviar por mero extravío? Con ser mal pensados non imos avanzar máis. Xa chamaron ás partes para que coa documentación que aporten se reconstrúa o sumario. Imos pensar que esta perda vai ser moito máis fácil de recuperar que o meu abrigo. Pero hai que atar a cabeza

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.