sábado, 10 de enero de 2015

TEN QUE HABER LUZ

Hai mil motivos e a situación desesperada de millóns de persoas que non invitan a comezar o ano con gran ilusión. Pero con repetilo e non tratar de ver nunca unha regaña de luz tampouco nos irá mellor. Non pretendo que se alegren demasiado porque o salario mínimo suba tres euros, as pensións un e disque pola rebaixa do IRPF gañemos de media uns trinta euros ao mes (veremos). Sei que non é para ir a Bastavales tocar as campás porque os empregos miserentos sirvan para lavar a cara das estatísticas, nin tampouco porque os privilexiados do país sexan un 3,5 % máis ricos mentres para sanidade, educación e atención aos vellos se escatime con cínico paternalismo. Sería de necios esquecer que moitos fillos reciben axuda económica dos pais, viven con eles, resisten todos grazas a escasos subsidios. Sería estúpido negar que moitos vellos pasan os últimos días atendidos por fillos en paro, lambendo uns aos outros as desgrazas que nunca veñen soas. Non teríamos os ollos abertos se ignorásemos que mozos ben formados emigran servindo de maquillaxe para quen precisa de algún número que levar á boca de cara a un optimismo de comenencia. 
Aínda así convén mirar para os días que nos veñen coa maior esperanza, coa fortaleza do que non se rende, de quen sabe saltar de fracaso en fracaso sen perder o entusiasmo. Quedan aínda motivos para a ilusión. Milleiros. Un servizo sanitario resistente aos ataques desapiadados dos que o queren privatizar; uns equipos de profesionais da saúde formados e tan atentos a curar coma a coidar, sensibles; mestres entregados ao seus alumnos en corpo e alma, pendentes da súa evolución, das súas necesidades todas, non só as de instrución; traballadores sociais preocupados por que a lei chegue a cantos máis beneficiados; empresarios que dedican o seu esforzo e capital para que a empresa siga adiante, contra vento e marea; informadores que foxen das filtracións contaminadas e seguen pelexando pola obxectividade; creadores que nos regalan tenrura en letra, emoción en relato, color en lenzo, música no vento; traballadores honrados, esforzados, que realizan as tarefas a conciencia; políticos dunha peza que entenden a importancia do ben común e tal cal se comportan. 
Por iso e porque cada quen sabe as razóns íntimas para a súa pequena ou grande ledicia: unha neta que sorrí coma unha princesa con pel de porcelana; unha análise de sangue que non engade medo; unha mañá luminosa, por fría que estea, que peta no cristal da ventá e te anima a amar a vida; un amigo que hai tempo non vías e atopas satisfeito; o remate dun libro que te deixa flotando, elevado, igual de perdido pero feliz; unha viaxe inesperada que te envolve en curiosidade e entretemento; un pai que pensabas non volvería a rir e ri; un fillo que aparece de pronto cunha sorpresa; un proxecto executado con esforzo e constancia; un serán no que analizas o que vai de día e aceptas que non foi perdido a pesar non facer nada... 
Merece a pena iniciar o ano con fe. Sobrarán días para lamentos, temores ou fracasos. Baixar a dificultade nestes primeiros días en atopar razóns para esperanza é un exercicio favorable e reconfortante. Temos por diante un abano de posibilidades que non podemos desprezar con túzaro pesimismo: poderemos seguir vivos, aprendendo, compartindo, loitando; quédannos días para espertar con ganas porque queremos pillar o tren, para descansar a gusto porque nos sentimos amados; para seguir buscando traballo; para formarnos e esforzarnos porque a cada paso menos sairá de balde; para emprender a viaxe que planificamos; para votar; para cantar a soas ou en compañía; para bailar agarrados ou libre e abandonados; para rir por bobadas; para xuntarnos cos amigos e falar de cousas miúdas, compartir o silencio ou o paseo a bo paso. Quedan días dabondo para informarnos e formar criterio, para discutir con quen non coincidimos, para despistarnos con frivolidades, ir ao cine en tardes de choiva, cociñar un doce con calma ou mercar con pracer aquelo polo que tanto tempo levamos agardando.
Souben polo profesor Casalderrey que este ano estará dedicado á luz. Luz que nos dá calor e nos permite ver, medrar e iluminar a nosa mirada. Un personaxe de I.B. Singer, me parece que en «Sombras sobre el Hudson», escribo de memoria, repite constantemente, a pesar do tormento que o persegue dada a súa educación de xudeu que o culpa, que nalgún lado ten que haber luz; nalgún lado ten que haber luz, non se cansa de repetir. Ten que habela. Debemos mirar atentamente, con calma, con dedicación. 
Hai mil motivos e a situación desesperada de millóns de persoas como para non ser inxenuos e crer en mentiras interesadas. Pero hai tamén mil motivos e millóns de sorrisos que contrapesan e invitan a mirar con ganas este ano 2015 no que eu lles desexo, amables lectores, que consigan todo aquelo que tanta falta lles fai.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.