lunes, 26 de enero de 2015

LUÍS RECUPERA A FORTALEZA

O país, expectante, vive horas de enorme tensión: poderá o entorno familiar e de amizades de Luís Bárcenas reunir os 200.000 euros que lle permitirán saír da cadea? Aposto sen medo a que cando vostedes lean isto, Bárcenas estará na súa casa ledo e feliz despois de un ano e sete meses penando polo PP. Que trabasen as súas contas e bens non é motivo suficiente para que alguén da súa condición non reúna cantidade tan menor, afeito como estaba a mover feixes billetes da conta B que ao parecer si tiña o PP. Alédense entón tódolos votantes de voa vontade, os ceos sempre saltan de ledicia cando un descarreirado regresa á boa senda, neste caso a do silencio, a de cargar coa súa culpa, que se lle aliviará, a cambio de non estender máis (si, máis lixo é posible) a porcallada sobre a cúpula do partido. 
Estes procesos acostuman a seguir todos un guión semellante. No inicio do drama (mellor sainete), os correlixionarios dánse ánimo (“Sé fuerte, Luís”), hai aínda esperanza de que os perigos non salten por riba dun pequeno escándalo. En canto se ve que adquire proporcións ingobernables, os asediados soltan da man ao desventurado e din no coñecelo de nada, ou, acurralados, que si, que o coñecían, pero que os enganou, que se confiou con inxenuidade na súa responsabilidade, ninguén é libre de sufrir un desengano. A partires de aí, o traizoado entra nunha rabecha na que cuspe con malicia a implicación de todos na falcatruada, non estaba só, todos sabían, necesitaban e apoiaban o que ocorría, ameza con facer temer as trabes do Estado. Dende este momento, as espadas en alto, uns agárranse a que a xustiza fará o seu papel negando coma Pedro as veces que faga falla relación a partires de agora con quen se descobre que é un malfeitor, e os encadeados proban do veleno amargo da reclusión. Tempo de meditación suficiente para comprender que un pulso aos verdadeiramente poderosos, ao Estado, non se lle pode ganar, que é inútil e estúpido instalarse na perrencha. Algo haberá que negociar. 
Un ano e sete meses adoita ser un tempo razoable para que un desesperado que disque posuía papeis e anotacións moi comprometidos recapacite e regrese ao camiño razoable, perdéndose toda contabilidade, toda memoria. É unha tristeza, un verdadeiro fracaso pagar un por todos, converterse no chibo expiatorio, pensa o pícaro, pero non queda outra: ou silencio e amaños na escuridade ou o tempo de prisión pode ser insoportable. E así, en canto o desencarreirado dá mostras de entrar en razón, a xustiza, casualidades que nos ensina a vida, cae na conta de que é hora de comezar a aplicar leis con suavidade. 
Non digo que o conto sexa exactamente así, pero vostedes saberán encher ocos e defectos. O certo é que Bárcenas está a piques de volver á liberdade desexada e o PP coma se nada. Chega a tanto o seu cinismo que ata pretenden reverter o proceso ao seu favor: grazas a eles que este paxaro entrou no cárcere, porque andan detrás da corrupción, a xustiza está actuando, e, ademais, farán para que isto nunca máis ocorra. Que lles parece? Uns artistas. Coa tristeza engadida de que probablemente lles funcione, porque a segunda parte do razoamento ata a hora das eleccións xa estou en condicións de adiantarllo. As liñas mestras das próximas actuacións non se moverán de repetir ata a saciedade dous comodíns: un, a xustiza actúa, a xustiza é independente neste país, nós non interferimos na actuación da xustiza; e dous, esquezan asuntos feos, pesados, que xa a todos nos aburren, e centremos a atención nas boas noticias que son as que realmente lle importan á xente: os datos económicos van ben, damos estabilidade, estamos recuperándonos. E de aí non os moverán. Bárcenas gozará da súa liberdade limitada, o xuízo final xa saben que cando chega xa é tarde, e paso a paso, situarán a confrontación electoral no punto onde se desexaba: o desorden revolucionario de Podemos ou a recuperación estable e realista do PP. Perspectiva impensable dada a podremia en metástase declarada do partido que goberna. 
Ben amarrados os puntos substanciais, se Bárcenas é un bo ladrón(presunto), carga coa culpa que se lle impoña e acepta en silencio a súa penitencia, as penalidades non serán tantas. Pero deberá ser un presunto bo ladrón: aquel que non delata a quen lle deu a posibilidade de roubar, que non esclarece o modus operandi da organización, que non sinala co dedo aos xefes, cousa de pésimo gusto, e admite que é o único culpable, agora arrepentido e en mala hora seducido pola tentación que a todos nos persegue. E mentres todo isto ocorre, en privado, desta vez moito máis discretamente, recibirá probablemente a través de intermediarios o reforzo que necesita, a voz de confianza que tanto se aprecia nestes momentos: vas ben, Luís, vas ben; así se fai, vese que estás recuperando a fortaleza.




PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.