lunes, 26 de enero de 2015

PERDIDO NA NÉBOA FRÍA

A TAL hora, mentres escribo, acabo de saber que José Luís Alvite morreu en Compostela. Cando me lean, o seu corpo levará unha semana enterrado en Boisaca. E pasada esta semana irán esmorecendo as columnas dos xornais lembrando as súas metáforas ásperas e sentimentais. Logo, no club da noite e dos seus lectores, coma nunha película negra, o pianista deixará caer sobre o teclado a tapa do cadaleito, as coristas beberán o rímmel que lles esborrexe dos ollos aos labios encarnados de mordelos, o camareiro rendido beberá o grolo derradeiro antes de que o vaso se derreta e, despois de apagar as luces e fechar a porta, guindará a chave no primeiro sumidoiro que atope na rúa, para seguir andando na néboa fría sen saber cara onde. O Savoy queda clausurado coma os ollos de quen non ponde xa nunca máis mirar nin a noite nin o día.
Antes de ler a Alvite coñecín a seu pai, as mans anoadas detrás do lombo, inclinado coma se coas gafas prendidas do afiado nariz quixese perforar as pedras, osmando pola Praza da Inmaculada, na Imprenta do Seminario, a ver se pillaba algún rumor no remuíño do pombal de sotanas do arcebispado, eran tempos escuros e nin unha noticia se podía levar a EL CORREO GALLEGO se algún cóengo non soltaba prenda. Pasado algún tempo comecei a ler as crónicas de sucesos do seu fillo José Luís coma lía as crónicas de touros de Joaquín Vidal: coa admiración de quen non se perde unha soa letra a pesar de non gustar nin dos touros nin dos sucesos. De inmediato souben que aquela prosa narrando unha liorta de madrugada á saída do Corzoagochaba unha ametralladora de frases perfiladas co cicel dun adicto ás metáforas. Gábome de non ter que agardar a que Herrera o elevase ao altar da Razón e de Cero para escribirlle hai moitos anos un artigo laudatorio no xornal no que por aquela época colaborabamos os dous. Foi a única vez que falei con el. " Déboche unha, Abel", escoitei a través do teléfono a súa voz envolvida en mesto fume, coma se da palabra entre dous gansters se tratase, sen máis adornos. Despois os dous cambiamos de directores (el máis) e eu seguín aprendendo das súas frases engastalladas con palabras esgazadas de vidas de derribo. Ata que no mesmo ano, mes arriba, mes abaixo, aos dos nos diagnosticaron cancro (o seu, peor). Ao saber da súa morte recibín un dobre lategazo. A tal hora, mentres repaso como homenaxe póstumo algunhas das súas frases, sinto un calafrío: xa non vexo o home que pechou o Savoy, perdeuse entre a néboa fría.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

LUÍS RECUPERA A FORTALEZA

O país, expectante, vive horas de enorme tensión: poderá o entorno familiar e de amizades de Luís Bárcenas reunir os 200.000 euros que lle permitirán saír da cadea? Aposto sen medo a que cando vostedes lean isto, Bárcenas estará na súa casa ledo e feliz despois de un ano e sete meses penando polo PP. Que trabasen as súas contas e bens non é motivo suficiente para que alguén da súa condición non reúna cantidade tan menor, afeito como estaba a mover feixes billetes da conta B que ao parecer si tiña o PP. Alédense entón tódolos votantes de voa vontade, os ceos sempre saltan de ledicia cando un descarreirado regresa á boa senda, neste caso a do silencio, a de cargar coa súa culpa, que se lle aliviará, a cambio de non estender máis (si, máis lixo é posible) a porcallada sobre a cúpula do partido. 
Estes procesos acostuman a seguir todos un guión semellante. No inicio do drama (mellor sainete), os correlixionarios dánse ánimo (“Sé fuerte, Luís”), hai aínda esperanza de que os perigos non salten por riba dun pequeno escándalo. En canto se ve que adquire proporcións ingobernables, os asediados soltan da man ao desventurado e din no coñecelo de nada, ou, acurralados, que si, que o coñecían, pero que os enganou, que se confiou con inxenuidade na súa responsabilidade, ninguén é libre de sufrir un desengano. A partires de aí, o traizoado entra nunha rabecha na que cuspe con malicia a implicación de todos na falcatruada, non estaba só, todos sabían, necesitaban e apoiaban o que ocorría, ameza con facer temer as trabes do Estado. Dende este momento, as espadas en alto, uns agárranse a que a xustiza fará o seu papel negando coma Pedro as veces que faga falla relación a partires de agora con quen se descobre que é un malfeitor, e os encadeados proban do veleno amargo da reclusión. Tempo de meditación suficiente para comprender que un pulso aos verdadeiramente poderosos, ao Estado, non se lle pode ganar, que é inútil e estúpido instalarse na perrencha. Algo haberá que negociar. 
Un ano e sete meses adoita ser un tempo razoable para que un desesperado que disque posuía papeis e anotacións moi comprometidos recapacite e regrese ao camiño razoable, perdéndose toda contabilidade, toda memoria. É unha tristeza, un verdadeiro fracaso pagar un por todos, converterse no chibo expiatorio, pensa o pícaro, pero non queda outra: ou silencio e amaños na escuridade ou o tempo de prisión pode ser insoportable. E así, en canto o desencarreirado dá mostras de entrar en razón, a xustiza, casualidades que nos ensina a vida, cae na conta de que é hora de comezar a aplicar leis con suavidade. 
Non digo que o conto sexa exactamente así, pero vostedes saberán encher ocos e defectos. O certo é que Bárcenas está a piques de volver á liberdade desexada e o PP coma se nada. Chega a tanto o seu cinismo que ata pretenden reverter o proceso ao seu favor: grazas a eles que este paxaro entrou no cárcere, porque andan detrás da corrupción, a xustiza está actuando, e, ademais, farán para que isto nunca máis ocorra. Que lles parece? Uns artistas. Coa tristeza engadida de que probablemente lles funcione, porque a segunda parte do razoamento ata a hora das eleccións xa estou en condicións de adiantarllo. As liñas mestras das próximas actuacións non se moverán de repetir ata a saciedade dous comodíns: un, a xustiza actúa, a xustiza é independente neste país, nós non interferimos na actuación da xustiza; e dous, esquezan asuntos feos, pesados, que xa a todos nos aburren, e centremos a atención nas boas noticias que son as que realmente lle importan á xente: os datos económicos van ben, damos estabilidade, estamos recuperándonos. E de aí non os moverán. Bárcenas gozará da súa liberdade limitada, o xuízo final xa saben que cando chega xa é tarde, e paso a paso, situarán a confrontación electoral no punto onde se desexaba: o desorden revolucionario de Podemos ou a recuperación estable e realista do PP. Perspectiva impensable dada a podremia en metástase declarada do partido que goberna. 
Ben amarrados os puntos substanciais, se Bárcenas é un bo ladrón(presunto), carga coa culpa que se lle impoña e acepta en silencio a súa penitencia, as penalidades non serán tantas. Pero deberá ser un presunto bo ladrón: aquel que non delata a quen lle deu a posibilidade de roubar, que non esclarece o modus operandi da organización, que non sinala co dedo aos xefes, cousa de pésimo gusto, e admite que é o único culpable, agora arrepentido e en mala hora seducido pola tentación que a todos nos persegue. E mentres todo isto ocorre, en privado, desta vez moito máis discretamente, recibirá probablemente a través de intermediarios o reforzo que necesita, a voz de confianza que tanto se aprecia nestes momentos: vas ben, Luís, vas ben; así se fai, vese que estás recuperando a fortaleza.




PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

sábado, 17 de enero de 2015

CON TINO: HOXE CHARLIE, MAÑÁ ADOLF

DESCONCÉRTAME esta reacción ditada pola urxencia da traxedia. Merece a penar estar aleutos ante reacción tan ao pé do acaecido en París. Esa erupción da masa entusiasta de Charlie, esa paixón pola caricatura, esa manifestación inmediata e do brazo entre políticos tan remisos para acordos máis beneficiosos para o conxunto da poboación, dáme que desconfiar. Barreiro Rivas escribe que el é Schenguen, Barenboim négase a lucir o adhesivo de "Je suis Charlie", millóns de persoas lóceno por contaxio nun arrinque de tolerancia, defensa da liberdade de expresión e medo, algúns, por resaltar a outra cara do problema, néganse a ser Charlie. Así, todo remexido, crúzanse argumentos con medias verdades que é a mellor maneira de amasar mentiras completas, tal e como Cercas nos repite en El impostor. Ademais de liberdade de expresión necesitamos saber pensar.
Que Occidente non é inocente parece indiscutible. Que o petróleo, as armas, os intereses de grandes multinacionais e o peso de decisións de xeopolítica internacional non son alleas a estes sucesos non é algo que se descubrise polos atentados de París. Que EEUU alimenta amigos indesexables, quen o dubida. Como que entre os países musulmáns existen diferencias, que é triste a exhibición de fazañas bélicas de 80.000 policías para matar a máis reféns que terroristas, que a estratexia francesa soa a nacionalismo de baixa estofa... O que lle desexen sumar. Mais todo iso non anula un problema grave: unha cultura incapaz de aceptar o pensamento crítico, a democracia (a imperfecta, si) e que se empeña nunha teocracia perigosa, que Occidente, con moito dolor, foi capaz de ir domesticando nun laicismo imperfecto, pero a séculos luz da amalgama de petrodólares, fanatismo relixioso e estratexia global por internet coa que algúns pretenden reconquistar o mundo. Que con reaccións xenófobas, que toman a parte polo todo e que reclúen aos marxinais en barriadas nas grandes cidades de Europa non se soluciona o problema, por descontado.
Pero tapando os ollos e negando que diante diso cómpre unha defensa con algo máis que amables palabras e boas intencións, tampouco. Europa necesita fortalecerse nas súas institucións democráticas, no freo das desigualdades e na mellora do laicismo. Para isto cómpre a liberdade de expresión. E de pensamento. Sen saber pensar, a masas axiña pasan de Charlie a Adolf.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

ROCÍO MÁRQUEZ POR FANDANGOS

Resulta inevitable. Fortaléceste con canto remedio coñeces, acodes ás mellores técnicas cognitivas, repasas habilidades de meditación, camiñas, falas e compartes, pero unha noite, no medio e medio, espertas co sobresalto. Non sabes o porqué, non ocorreu nada especial, ningún síntoma, ningunha noticia premonitoria, pero espertas tremendo, atemorizado, escoitas o corazón coma un poldro ao trote, intentas non facer caso pero non es quen. Na cabeza tropezan unha e outra vez as palabras de Julian Barnes: «Podemos dicir que estamos combatendo o cáncer, pero é el quen nos está combatendo; podemos pensar que o estamos vencendo cando o que fai é retirarse para recobrar forzas». Se a noite se rompe deste modo, o despertar dá medo, a un só lle quedan ganas de se tapar co edredón, sentir a calor tenra, non pensar. Non hai moito espertei así.
Para esas mañás nada mellor que a acción. Facer contra pensar. Ou, no meu caso, de non facer, escoitar música. A que sexa. A música entra nun sen querer, expande, remove ou anula o pensamento, transfórmao en emoción saudable, aínda que corran as bágoas. Esta mañá última escoitei a Rocío Márquez. Fandangos. E déronme a vida. Rocío é unha cantadora especial, non só pola súa beleza doce, senón pola voz que algúns considerarían impropia do flamenco e, sen embargo, dálle unha renovación impagable. ¿Que dixo que a voz flamenca ha ser rota, rachada, esgarrada? A de Rocío é pura, educada, cultivada cunha técnica case lírica, pero flamenca onde as haxa. O seu timbre limpo, brillante, non teme ningún pau do cante, seguidillas, soleás, bulería, alegrías ou tientos non se lle resisten á cantante de Huelva. Pero é nas mineiras e nos fandangos onde consegue a maior autenticidade, orixinalidade e potencia. Nos fandangos é única. 
Súa nai, súa aboa e avó, seu tío Miguel, todos cantaban ben na súa casa. Por iso non estraña que dende os dous anos comezase Rocío atacando fandangos coa paixón de quen mama ese cante. Pero Rocío non responde á imaxe que os medios nos venden de cantante flamenco. É unha moza formada, que coñece a historia musical e social do que canta, que estudou con método e que se atreve, seguindo os pasos de Morente, con novas maneiras de entender o flamenco. As coplas de Jorge Manrique soan a mel derretido na súa garganta, arranxos con base árabe lévannos aos mellores séculos da cultura libre e racional que defendía Averroes, letras de poetas novos non desentoan en cantes vellos, puros, por lle chamar de algunha maneira, canto a esencia do flamenco non é a pureza senón a mesturanza de culturas. Rocío, ademais, acompaña a voz cunha figura de frescura inmarcesible, de transparencia e beleza regalos de paz e dozura.
Acordeime esa mañá do que ela dicía coa súa sincera e delicada palabra falada: «Si alguna mañana me levanto mal, me pongo a escuchar a Marchena, yo soy muy de Marchena, y ya todo cambia, ya me siento yo mejor que todas las cosas». Por iso eu fun a ela para me sentir mellor que todas as cousas. Regresei á actuación no aniversario de El puente, sala de arte Harina de Otro Costal, acompañada por Joaquín Brito, para escoitar os fandangos cos que rematou o concerto. Aguantei sen respirar cada vez que se desenroscaba definitivamente no remate do verso. Esa maneira tan propia de prolongar o son con vaivéns suaves, esa perfección na cascada final, esa resistencia eterna do lamento lanzándose cara o fondo, acompañado polo seu propio corpo cimbreándose, retorto e aniñado ata o chan, deixándote coa garganta seca, coma se ti cantases, te esganases intentando acompañala. Deletreei as letras cos labios secos, «con las lágrimas se van las penas que no se pueden llorar, y esas no se van a secar», vin subir polo seu peito o aire que había soar na garganta, estremecíame a canda ela con cada impulso de rabia educada para mastigar cada palabra. Acompáñoa eu só, retorcendo as miñas bágoas no seu cante, berrando sen reparo: que viva o ventre que te levou, os peitos que te che deron de mamar, que deus che conserve esa voz capaz de dicir o que ningunha palabra por si soa podería dicir. Porque todos subscribiriamos: «A querer y a perdonar yo quiero enseñar a mis niños, y a que luchen por un mundo de tolerancia y de paz, de comprensión y cariño y respeto a los demás, caminar siempre adelante con la cara levantada», pero isto mesmo na voz de Rocío Márquez arríncache as penas e os medos da alma coma se gozase da capacidade de meter a súa clara voz dentro do teu peito e, nunha delicada e pracenteira operación, ir arrincando, un a un, cada medo, cada pena.
Hai noites que se tronzan porque sentes medo. Es espertas e non queres pensar. Entón escoitas a Rocío Márquez por fandangos e das gracias a tódolos deuses por seguir vivo para ver e escoitar tanta dozura.




PUBLICADO EN DIARO DE PONTEVEDRA

sábado, 10 de enero de 2015

POR TÓDOLOS DEUSES

OS deuses, canto máis primitivos, máis dominantes absolutos. Métense na vida dos homes, crean intrigas, son malignos, odian, mandan pragas, loitan, enrabéchanse, namóranse coma adolescentes e gustan da promiscuidade. Os deuses cargan coas nosas ignorancias, envexas, malicias e debilidades. Canto menos evolucio-
nados, máis necesitamos deuses antropomorfizados, eses que nos serven de escusa para xustificar agresividade, ansia de poder e ambición polo dominio do outro. Tódalas relixións (as orientais menos, as monoteístas moito máis) tenden a crear deuses todopoderosos, omnipotentes e vingativos, crueis e desapiadados para contentar aos pobos que os necesitan e narran. Son deuses furiosos, insuflados dunha ira tan eterna como furibunda ao servizo das carencias, medos, debilidades e miserias dos humanos que os alimentan e adoran. Viven e resisten estes deuses manexados por unha casta sacerdotal encargada de conectar o divino co humano con artes escuras e de comenencia. Casta que elabora discursos intelectuais simples ou complexos ao servizo do seu único obxectivo: ser os únicos intermediarios, os únicos capaces de interpretar correctamente os desexos e plans divinos. Así, creando un enramado de leis, doutrina e liturxias escuras, controlan de maneira absoluta e inadmisible nunha amalgama de poder relixioso e político.
En Occidente, grazas á ilustración, ao avance da ciencia e ao sufrimento de revolucións e reivindicacións pola separación entre o poder político e a manifestación privada da fe, as relixións aprenderon bastante, non sen patexar, a respectar a lei e incluso a reflexionar con métodos distintos na interpretación de libros e narracións que os sustentan. Á forza víronse obrigados no só a ir recuando ao curral propio senón a utilizar métodos de pensamento máis achegados e cribles para a ciencia e maneira de pensar universalmente aceptadas. Por iso conviven mellor, aceptan críticas, limitan o seu campo de acción e a cada paso intentan menos trasladar as súas crenzas ao conxunto da sociedade. O triste é que, cando en Occidente levamos tanto avanzado na nosa relación cos deuses e a casta que os secuestraba, e somos capaces de os poñer no seu sitio sen faltarlles ao respecto pero non permitíndolles que se metan onde non deben, veñan de lonxe con teocracias anacrónicas, crueis, escuras e salvaxes intentando retroceder o andado. Por tódolos deuses, non deberiamos consentilo.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

AS BICICLETAS SON PARA TODO O ANO


Despois dos Reis, se o tempo anda de boas, tal e como se portou durante o Nadal que agora remata, nada mellor que un día claro de sol aínda que nas prazas da cidade haxa que se abrigar porque vai frío. Se a cidade está pensada para as persoas, ningún día mellor para que os nenos aproveiten os espazos e enreden cos xoguetes novos. Seguro que, co aire dos tempos, moitos dos regalos que os Reis trouxeron estarán relacionados coa informática, co que o exterior pouco ou nada aporta para probalos, pero para os tradicionais, coma por exemplo unha bicicleta, nada coma estes primeiros días do ano dourados, cargados de esperanza. 
A primeira bicicleta que recordo non era para enredar. Meu pai usábaa para se mover polas aldeas e vilas da redonda, polas corredoiras difíciles, entre saltos e avarías frecuentes dos neumáticos. Eu ía de paquete moitas veces abrazado a el, sentindo no cu os desniveis abruptos e arrimando as pernas canto podía á roda, arredando das silvas nos camiños moi estreitos. O que máis me gustaba aínda que pareza mentira era cando pinchaba – algo que ocorría con moita máis frecuencia do que meu pai quería- e había que iniciar todo o proceso de arranxo: desmontables, inflado da goma, comprobación na auga por onde perdía, raspado e secado da zona furada, espera, pegamento, parche, limado e comprobación final outra vez na auga por se aínda perdía. Desa bicicleta acórdome ben, só fixo recorridos rurais, camiño e corredoiras, nin estradas había, era de muller, sen barra no centro, e a color tirando a verde, aínda que, polos anos, estaba tan gastada que non se sabía con exactitude se fora exactamente verde. 
Pasados poucos anos souben que as bicicletas tamén eran enredos de prestixio e que podían traelas os Reis Magos. Eu nunca lla pedín porque sempre tiven o sexto sentido para adiviñar o que os Reis querían que lles pedise. E non sei por que, pareceume que a bicicleta non ma ía traer e xa non perdín o tempo en pedila. Mentín, polo tanto, algunha vez que escribín que os Reis me trouxeran unha bicicleta e que a estreara na Praza do Campo en Betanzos ao día seguinte. É certo que unha mañá do 7 de xaneiro, tamén cun sol morno agarimoso, me estrelei contra unha señora na Praza do Campo cunha bicicleta que trouxeran o día anterior os Reis, pero non fora a min, senón a un veciño que ma prestou, caín, non ma volveu prestar e eu desde aquela non lle tomei especial lei a iso de montar en bicicleta. Boteille a culpa a que era excesivamente grande para min, pequerrecho e de pouco peso, pero o certo é que, se cadra cos nervios, acelereime demasiado, non me decatei que cara onde antes estaba a igrexa de San Roque e hoxe é un banco, facía algo de costa e a velocidade e o medo foron en aumento e o descontrol en clara diminución, de modo que non dei freado, fun contra a muller, berroume con razón, debín de magoala bastante nas pernas, e, a bicicleta no chan, o dono correndo asustado a ver se lla rompera, a min púxoseme cara de tristeza e dei grazas á Virxe porque non lla esmendrellar, tendo nese caso que pagala ou se cadra algo peor, polo que prometín non volver a tocar unha bicicleta ata que medrase en condicións. 
Como o que se di medrar medrar tampouco é que o fixese nas condicións desexadas, volvín a probar a bicicleta noutros momentos da vida, pero nunca de maneira fiel nin aproveitando as súas vantaxes. Dedicaríame a ela se cadra con máis ganas cando os fillos comezaron a andar nas súas. Pero tampouco foi ilusión que me levase de cabeza. Porque o que é levarme a cabeza pola bicicleta só cando vai nela unha moza pedaleando con graza e gozando da viaxe. Pero aí xa no se sabe quen pesa máis na atracción, se a moza ou bicicleta. Escena moi socorrida en películas, aínda que para película de bicicleta: Las bicicletas no son para el verano de Fernando Fernán Gómez. Bicicleta de verán e de guerra. Como de guerra é última bicicleta coa que me atopei e admirei profundamente: Historia da bicicleta dun home lagarto de Fina Casalderrey. Acordeime dela nestes días porque seguro que moitos nenos andan nalgunha tan grande e misteriosa coma a do celador de telefonía polas terras de Teruel nos tempos da guerra. Xa deducen do pouco que lles contei, que máis que andar na bicicleta a min o que me gusta e velas no cine ou ler sobre elas. Algo que non é incompatible con pedalear, que ademais disque é saúde. 
A todos cantos tiveron a sorte de que os Reis lles trouxeran unha bicicleta, ademais de aledarme de que poidan estreala con estes preciosos días de xaneiro, quero invitalos a que acompañen o pracer de montala e correr nela co de atopar algún conto co que, á noite, antes de durmir, poder relaxar o corpo despois de tan saudable exercicio. O libro de Fina seguro que lles acaerá a todos estes novos ciclistas, serviralles de complemento máxico que enfiará as fazañas físicas do día cos exercicios imaxinativos da noite. Porque a lectura, coma as bicicletas, non son para o verán nin para o inverno, senón para todo o ano.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

GANARÁ O HORROR ORGANIZADO

SE a meiga de Pujol prognostica sen complexos que este ano que comeza será mellor en todo e Rajoy, con tanta ou maior seguridade que a pitonisa, cre que estamos xa no momento do despegue, por que non vou eu atreverme a facer as miñas adiviñas? As probabilidades de erro son sempre maiores que as de acerto, pero, se tal e como se repite, no fracaso nos fortalecemos, atrevámonos. Porque o mérito radica en dicir nestes primeiros días o que ocorrerá no futuro, acontecido algo ou pasada a votación, acerta calquera. Moitos sabían da crise, de resultados electorais, de líderes queimados... A touro pasado. Agora é o tempo de predicir. Por iso aí vai o adianto: Podemos non ganará as próximas eleccións. Poden as enquisas anunciar o que queiran, o meu ulido meigo dime que, con obter magníficos resultados (quen en tan pouco tempo podería aspirar a tanto), non desbancará ao PP; veremos se ao PSOE, pero ao PP, non. Co que xa lles desvelei o misterio: segundos ou terceiros, pero nunca primeiros.
De aquí ás eleccións poden suceder tantas cousas... Aínda así, atrévome a pensar que ningunha conseguirá darlle a vitoria ao novo partido. Pola campaña desatada que intensificarán os partidos maioritarios e moitos medios de comunicación contra eles? Algo, pero non tanto. A persecución groseira á que o someten algúns partidos e medios, lonxe de restarlle apoio, creo que llo aumenta. Pola falta de concreción do seu programa (sobre todo no económico e no territorial) e porque cometerán erros que os irán desenmascarando? Algo tamén, pero parécenme o suficientemente aleutos coma para ir mostrando propostas máis realistas no seu programa, e, aínda que se esforzasen por tal desatino, nunca se darían posto en tan pouco tempo á baixura dos partidos que eles chaman casta. Polo espello que podería supoñer Syriza no caso de gañar en Grecia? Tamén en certa medida, pero aínda estamos pendentes de que esta circunstancia se dea (veremos o 26 de xaneiro) e tampouco contariamos con tempo suficiente como para sacar conclusións que desanimen ao votante español. Por que, entón, considero, a pesar do sonoro tropezón que o PP se pegará, que ganarán eles as próximas eleccións xerais e non Podemos? Por unha razón moi clara que Eric González captou: escolleremos o horror organizado. Polo menos coñecémolo. Creo que a desesperanza non é tanta como para preferir o horror descoñecido ao coñecido. De momento

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

TEN QUE HABER LUZ

Hai mil motivos e a situación desesperada de millóns de persoas que non invitan a comezar o ano con gran ilusión. Pero con repetilo e non tratar de ver nunca unha regaña de luz tampouco nos irá mellor. Non pretendo que se alegren demasiado porque o salario mínimo suba tres euros, as pensións un e disque pola rebaixa do IRPF gañemos de media uns trinta euros ao mes (veremos). Sei que non é para ir a Bastavales tocar as campás porque os empregos miserentos sirvan para lavar a cara das estatísticas, nin tampouco porque os privilexiados do país sexan un 3,5 % máis ricos mentres para sanidade, educación e atención aos vellos se escatime con cínico paternalismo. Sería de necios esquecer que moitos fillos reciben axuda económica dos pais, viven con eles, resisten todos grazas a escasos subsidios. Sería estúpido negar que moitos vellos pasan os últimos días atendidos por fillos en paro, lambendo uns aos outros as desgrazas que nunca veñen soas. Non teríamos os ollos abertos se ignorásemos que mozos ben formados emigran servindo de maquillaxe para quen precisa de algún número que levar á boca de cara a un optimismo de comenencia. 
Aínda así convén mirar para os días que nos veñen coa maior esperanza, coa fortaleza do que non se rende, de quen sabe saltar de fracaso en fracaso sen perder o entusiasmo. Quedan aínda motivos para a ilusión. Milleiros. Un servizo sanitario resistente aos ataques desapiadados dos que o queren privatizar; uns equipos de profesionais da saúde formados e tan atentos a curar coma a coidar, sensibles; mestres entregados ao seus alumnos en corpo e alma, pendentes da súa evolución, das súas necesidades todas, non só as de instrución; traballadores sociais preocupados por que a lei chegue a cantos máis beneficiados; empresarios que dedican o seu esforzo e capital para que a empresa siga adiante, contra vento e marea; informadores que foxen das filtracións contaminadas e seguen pelexando pola obxectividade; creadores que nos regalan tenrura en letra, emoción en relato, color en lenzo, música no vento; traballadores honrados, esforzados, que realizan as tarefas a conciencia; políticos dunha peza que entenden a importancia do ben común e tal cal se comportan. 
Por iso e porque cada quen sabe as razóns íntimas para a súa pequena ou grande ledicia: unha neta que sorrí coma unha princesa con pel de porcelana; unha análise de sangue que non engade medo; unha mañá luminosa, por fría que estea, que peta no cristal da ventá e te anima a amar a vida; un amigo que hai tempo non vías e atopas satisfeito; o remate dun libro que te deixa flotando, elevado, igual de perdido pero feliz; unha viaxe inesperada que te envolve en curiosidade e entretemento; un pai que pensabas non volvería a rir e ri; un fillo que aparece de pronto cunha sorpresa; un proxecto executado con esforzo e constancia; un serán no que analizas o que vai de día e aceptas que non foi perdido a pesar non facer nada... 
Merece a pena iniciar o ano con fe. Sobrarán días para lamentos, temores ou fracasos. Baixar a dificultade nestes primeiros días en atopar razóns para esperanza é un exercicio favorable e reconfortante. Temos por diante un abano de posibilidades que non podemos desprezar con túzaro pesimismo: poderemos seguir vivos, aprendendo, compartindo, loitando; quédannos días para espertar con ganas porque queremos pillar o tren, para descansar a gusto porque nos sentimos amados; para seguir buscando traballo; para formarnos e esforzarnos porque a cada paso menos sairá de balde; para emprender a viaxe que planificamos; para votar; para cantar a soas ou en compañía; para bailar agarrados ou libre e abandonados; para rir por bobadas; para xuntarnos cos amigos e falar de cousas miúdas, compartir o silencio ou o paseo a bo paso. Quedan días dabondo para informarnos e formar criterio, para discutir con quen non coincidimos, para despistarnos con frivolidades, ir ao cine en tardes de choiva, cociñar un doce con calma ou mercar con pracer aquelo polo que tanto tempo levamos agardando.
Souben polo profesor Casalderrey que este ano estará dedicado á luz. Luz que nos dá calor e nos permite ver, medrar e iluminar a nosa mirada. Un personaxe de I.B. Singer, me parece que en «Sombras sobre el Hudson», escribo de memoria, repite constantemente, a pesar do tormento que o persegue dada a súa educación de xudeu que o culpa, que nalgún lado ten que haber luz; nalgún lado ten que haber luz, non se cansa de repetir. Ten que habela. Debemos mirar atentamente, con calma, con dedicación. 
Hai mil motivos e a situación desesperada de millóns de persoas como para non ser inxenuos e crer en mentiras interesadas. Pero hai tamén mil motivos e millóns de sorrisos que contrapesan e invitan a mirar con ganas este ano 2015 no que eu lles desexo, amables lectores, que consigan todo aquelo que tanta falta lles fai.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA