lunes, 10 de noviembre de 2014

A GRAVATA

ESA mañá ergueuse animoso. Madrugou, foi de boa gana á ducha e solicitou roupa elegante: non lle apetecía ir á consulta do neurólogo coma un pastrán; polas manifestacións non era que mostrase especial fe nos milagres que o especialista puidese lograr, pero no interior oculto algunha esperanza debía haber, ninguén se resiste a pensar que o seu mal é irreversible. A modo e tratando de non perder o humor fomos superando as distintas tarefas. Á hora do afeitado insistiume nunhas petadas para min invisibles que el foi quen de detectar pasando a man, o tacto atopa mellor estas zonas non ben rapadas. A roupa elixida por miña nai previamente non lle pareceu de todo axeitada, pediu cambiar a camisa e tamén decidiu que levaría americana. Había meses que non se mostraba tan activo e preocupado pola súa imaxe. Iso enlentecía o proceso de se vestir, en especial para miña nai todo nervios e á que xa lle parecía era máis que horas de ir saíndo, logo no hospital sempre poden aparecer complicacións, a primeira atopar aparcamento.
Pero como el decidira poñerse guapo e ata destilaba perlas de sorna das que xa non me acordaba, seguinlle o xogo. Posta a camisa, xa decidido, preguntoume se levaría gravata. Acepteille e comecei a sacar do armario os distintos modelos esquecidos. Despois de ver cinco ou seis optou por unha, debeulle de parecer que era a que mellor lle acaía. Xirouse para se ver no espello do armario, estirou a prenda diante da camisa, non quería errar na elección. Cambiou de parecer. Había outra con tons máis azuis que sentaba mellor. Realizado o cambio quedou coa gravata elixida nas mans. Pareceu dubidar. Preguntei: queres que che faga o nó? Home, díxome rindo, despois dos anos que o levo facendo... E colgou a gravata do colo, estirouna, puxo as mans en posición diante do nó da gorxa e xusto aí paralizouse. Uns segundos longos nos que as mans permaneceron amarradas á tira de tela azul ata que as deixou caer enriba das pernas: Manda carallo, esquecín facer o nó da gravata. E que? Comecei a facerllo para disimular a decepción. Dende ese momento perdeu toda animosidade. Cadrou que miña nai subiu ao cuarto para nos apurar, era moito horas, e como non se lle escapa unha, véndonos tan calados preguntou se pasaba algo. Eu calei. Meu pai tamén un bo anaco ata que soltou nun fío de voz : mira ti que home, xa nin o nó da grava sei facer.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.